A Administración Penitenciaria considerou inoportuno establecer un procedemento escrito con garantías onde concrete sempre as razóns específicas polas que denega a posibilidade de que persoas presas se entrevisten con profesionais da información con fins xornalísticos.

 

Asociación pro DDHH de Andalucía rechaza la experimentación con presos Defensor del Pueblo español en funcións, Francisco Fernández Marugán EFE

 

Apesar de que esa era unha das recomendacións do Defensor do Pueblo de España enviadas ao Goberno no pasado outubro, Institucións Penitenciarias rexeita un desenvolvemento do artigo 49.5 do Regulamento Penitenciario “á vista da diversidade de circunstancias que poden concorrer en cada caso concreto”.

O Defensor del Pueblo comunicara á Administración Penitenciaria que tería que “ditar normas internas de desenvolvemento” na normativa prisional nese sentido porque o establecido actualmente para as comunicacións das persoas presas con profesionais acreditados dos medios “non se adecúa á funcionalidade deste tipo de comunicacións”. Agora, en resposta á queixa interposta pola Asociación da Prensa de Sevilla e a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, comunica a ambas as partes a resposta da Administración Penitenciaria. E insiste en reformular algunha das súas recomendacións rebatidas.

A APDHA e a APS presentaron en outubro de 2016 unha queixa despois de un preso de Córdoba ter sido sansionado por falar cun xornalista de eldiario.es Andalucía. Nunha ampliación da queixa, enviada en febreiro de 2017, a APDHA comunicou ao Defensor do Pueblo que o cárcere denegara finalmente unha petición formal de entrevista co mesmo preso “ao non presentar motivación que xustifique a necesidade da comunicación”. “Cal é a motivación adecuada? Quer dicir, que motivos si permiten e cales non que os presos e os xornalistas poidan ter un encontro? En definitiva, que acontece se un preso di un motivo e despois comunica outro? Son cuestións incontrolabeis, que ademais non deben deixar de selo”, preguntouse o avogado do interno.

Agora o Defensor, logo após recibir un relatorio a ese respecto da Administración Penitenciaria, sinala que do mesmo decorre “que a Administración non considera oportuno un desenvolvemento infra regulamentar da referida norma á vista da diversidade de circunstancias que poden concorrer en cada caso concreto e que deben ser valoradas de forma individualizada á hora de a dirección do centro adoptar unha resolución, servindo estas razóns de base para concretar os motivos específicos para a posibel denegación da entrevista solicitada”.

Unha ‘cadea perpetua de feito’
Este medio, en xuño de 2016, contaba a historia de Antonio C.V., quen puxo o seu primeiro pé en prisión en 1979 despois de roubar un coche xunto a un amigo. “Non ten sentido que teñan tanto tempo no cárcere unha persoa como eu. Isto é desproporcionado. Levo 32 anos no cárcere. Non son un asasino nin un violador. Non podo máis”, lamentaba ultrapasadas as tres cuartas partes da condena, que cumpre o 31 de decembro do 2028″. Coa prisión permanente revisábel en pleno debate político, eldiario.es Andalucía abordaba un caso tipo do que, do punto de vista penal, se considera como unha ‘cadea perpetua de feito’.

Institucións Penitenciarias considerou que o preso cometeu unha falta grave ao manter o encontro co xornalista sen seguir o procedemento para as comunicacións con profesionais e difundir “noticias ou datos falsos”. O castigo consistiu na privación durante un mes de paseos e actos recreativos comúns.

Para a APS e a APDHA, sancións como aquela por falar cun xornalista, despois anulada por un xulgado de Vixilancia Penitenciaria, “demostran que as persoas presas non teñen dereito a informar e os profesionais da comunicación tampouco poden solicitar deles información polo feito de estaren recluídos”. Segundo a sanción, deberíase facer uso do procedemento habilitado para concertar citas con xornalistas, previsto no artigo 49.5 do Regulamento Penitenciario mais que, “na práctica non funciona”, segundo manteñen ambas as organizacións.

O Defensor insiste agora en que considera que “é importante que se produza un desenvolvemento normativo do artigo 49.5 do Regulamento penitenciario, de modo que o dereito dos internos a manteren comunicacións con profesionais se sustancie mediante un procedemento escrito con garantías e en cuxa resolución se concreten sempre as razóns específicas polas que en cada caso foi denegada a autorización de comunicación solicitada”.

A Administración aduce para rexeitar un desenvolvemento da norma “a diversidade de circunstancias que poden concorrer en cada caso concreto que haberán de ser valoradas de forma individualizada á hora de ditar resolución por parte da dirección do establecemento”. A Defensoría non se conforma e reitera a recomendación formulada, resaltando que non se ha de confundir procedemento e fundamento dunha resolución administrativa”, insistindo en “a necesidade de establecer un procedemento de desenvolvemento do artigo 49.5, pois o coñecido até o momento pon de manifesto que o dereito dos internos a comunicar con profesionais e en particular con xornalistas, carece dun procedemento que obrigue a que as resolucións que se diten, concreten de maneira expresa as razóns específicas polas que no seu caso se denega a autorización”.

Nova categoría de “xornalista”
A institución “non entra a valorar cales son as razóns ou circunstancias que poden concorrer en cada caso concreto e que efectivamente terán de ser tidas en conta polo responsábel do establecemento encarregado de ditar a correspondente resolución autorizando ou denegando a comunicación solicitada, o que se lembrou á Administración é que debe regular esta materia, de modo que o interno, mercé a unha resolución fundada en dereito, poida coñecer as razóns específicas e concretas en que a Administración basea a súa resolución sexan estas as que foren, alén de fórmulas estereotipadas, e portanto poida se o estima oportuno presentar os oportunos recursos. Esta liña de defensa dos seus dereitos non poderá articularse de forma efectiva se non son coñecidos os motivos nos que a Administración basea a súa resolución”.

O Defensor tamén recomendara no seu escrito do pasado outubro modificar o sistema de xestión informática que regula a petición de cita previa para comunicar con persoas privadas de liberdade nos centros prisionais para que incorpore información relativa ao tipo de profesional que a solicita”. Nese sentido, a Administración sinala que se creou no programa informático de comunicacións e visitas o tipo profesional ‘xornalista’, a fin de rexistrar as comunicacións que puidesen ter lugar con estes profesionais”. Respecto das visitas profesionais, “a citada aplicación ten como finalidade o rexistro das comunicacións efectivamente celebradas cos mesmos”.

Por último, o Defensor informa que solicitou información relativa a cantas comunicacións foron solicitadas nos centros prisionais xestionados pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para ser mantidas con profesionais do xornalismo durante os dous primeiros meses do presente ano 2019, cantas foron autorizadas e denegadas, e razóns aducidas para iso.

Nese sentido, a senadora andaluza de Podemos Maribel Moura preguntou ao Goberno no pasado mes de abril polo número de solicitudes para que profesionais dos medios de comunicación puidesen entrevistarse con internos ou internas nos centros prisionais nos anos 2015, 2016 e 2017, cantas foron autorizadas, cantas denegadas e, nese caso, os motivos da denegación, así como cantas resolucións desestimatorias estaban fundadas en dereito e os seus principais fundamentos.

A resposta do Goberno á senadora, emitida no pasado xullo, non deixaba lugar a dúbidas: “Non se realizou ningunha entrevista autorizada con internos”, aínda que, engadía a resposta oficial, “fixéronse reportaxes onde voluntariamente foi entrevistado algún”. O Executivo sinalaba no seu defensa que “todas as resolucións da Administración desestimatorias estiveron fundadas e motivadas en dereito, por cuestións de orde e seguranza do establecemento”, aínda que o Defensor o instou até en dúas ocasións a regular a materia nese sentido e motivar cada resolución coas razóns específicas.

Compre lembrar que, ademais, recentemente o Tribunal Constitucional decidiu analisar, por primeira vez, esta censura previa das prisións para rexeitar entrevistas de profesionais de medios de comunicación con internos dos cárceres españois.

Javier Ramajo

eldiario.es