O proceso xudicial contra o procés independentista catalán fundaméntase en que a democracia require o estrito cumprimento da Lei, mais o Goberno de Pedro Sánchez incumpriu diversas leis, e saltou normas xudiciais establecidas, para aceptar precipitadamente a fabulosa minuta do bufete belga encarregado agora de defender o xuíz Pablo Llarena fronte a unha demanda civil por dereito á honra que lle presentaron en xuño en Bélxica o expresident Carles Puigdemont e outros dirixentes políticos cataláns procesados.

 

Felipe VI saluda al juez de la Audiencia Nacional e instructor del caso del 'procés' Pablo Llarena, antes de presidir hoy, en la sede del Supremo, la ceremonia de apertura del Año Judicial. EFE/Angel Díaz

 

Para comezar, Llarena presentou a súa petición de amparo fóra de prazo, o 14 de agosto, e ademais os xuristas do Estado aconsellaron ao Executivo que non actuase nesa causa civil privada, posto que a demanda respondía a unhas declaracións efectuadas a título particular polo xuíz nun foro público, algo que ningún maxistrado debe nin pode facer referíndose aos xusticiábeis dunha causa que está a instruír.

Llarena afirmou que se trataba dun “ataque planificado, brután e fraudulento”, mais todas as fontes xurídicas consultadas polo xornal Público coinciden en que “un maxistrado non pode falar en público dunha causa que está a instruír, posto que ao facer esas declaracións está a prexulgar o que ten que estar a investigar imparcialmente”.

 

“Os imputados poden alegar que toda a instrución foi nula e acabar o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciando que o xuíz non foi imparcial”

 

Un dos letrados, con longa experiencia neste tipo de asuntos, subliña que “os imputados poderían alegar que toda a instrución foi nula e acabar o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciando que non tiveron un xuíz imparcial. Porque, segundo a doutrina establecida polo Tribunal de Estrasburgo, o importante non é que o xuíz o sexa, senón que pareza imparcial con respecto ao xusticiábel”.

É por iso que practicamente a totalidade dos maxistrados, se son preguntados por procesos que están a instruír, subliñan: “Eu limítome ás miñas resolucións, porque un xuíz exprésase mediante as súas resolucións”.

Ese principio é respectado escrupulosamente polos xuíces belgas e talvez Llarena tardou en darse conta diso, ao non solicitar amparo até só faltaren vinte días para a data en que foi citado a declarar na primeira sala do Xulgado de Primeira Instancia francófono de Bruxelas. Porque nun principio a Xustiza española pareceu desprezar a de Bélxica: o ex xuíz decano de Madrid, Antonio Vello, através do cal se canalizou a citación, devolveu o exhorto ao xuíz belga sen cumprimentar.

A alegación de Vello era que se trataba de xulgar “a responsabilidade do Estado por accións ou omisións no exercicio da súa autoridade (acta iure imperii ou actos de soberanía estatal)”, sen tomar en consideración que Llarena falara a título persoal e non mediante un auto ou resolución xudicial.

A grande sorpresa foi despois que se anunciase unha provisión de fondos astronómica no contrato asinado co bufete de avogados belga Liederkerke Wolters Waelbroeck Kirpatrick: 450.413,22 euros, máis outros 94.568,78 en concepto de impostos. En total, 544.982 euros.

É doutrina na Sala Segunda do Supremo, en que está Llarena, que como moito os custos xudiciais táxanse en 3.000 euros

“A contía da minuta é verdadeiramente selvaxe”, afirma outro dos avogados consultados por Público. “Eu defendín un imputado no 11-M precisamente ante esa mesma Sala Segunda do Supremo [á que pertence Llarena] e o meu defendido estaba acusado de participar no asasinato de máis de 190 persoas. Gañei o caso en casación e cando pasei a minuta para cobrar os custos dixéronme:

“É doutrina na Sala Segunda do Supremo que como moito as custos xudiciais táxanse en 3.000 euros”. Ou sexa, o meu longuísima defensa dun caso penal tan grave non merecía máis pagamento que ese, en tanto nunha demanda civil de dereito á honra en que só se reclama unha indemnización simbólica dun euro acéptase que o bufete que defende un dos seus maxistrados facture medio millón”.

Niso coincide plenamente outro dos letrados, quen subliña que só se facturan custos procesuais elevados cando as indemnizacións por responsabilidade civil son tamén elevadísimas -por exemplo ante as dunha aseguradora após unha catástrofe ou as dun moroso que debe millóns. Nese caso, o bufete pode orzar unha percentaxe do indemnizado que pode ascender a bastante diñeiro. Mais por un só euro!”

En calquera caso, tamaña cantidade orzada debería ser adxudicada após un concurso público, en cumprimento da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público. E na súa celérica selección, adxudicación e asinatura na Embaixada de España en Bruxelas, o Goberno saltaba -segundo valoran fontes xurídicas- os requisitos dos artigos 119 e 120 desa lei, referentes á “tramitación urxente” de “os expedientes correspondentes aos contratos cuxa celebración responda a unha necesidade inadiábel ou cuxa adxudicación for preciso acelerar por razóns de interese público”.

No Artigo 120 establécese o réxime excepcional no caso de que a “Administración teña que actuar de maneira inmediata por mor de acontecementos catastróficos, de situacións que supoñan grave perigo ou de necesidades que afecten á defensa nacional”.

 

“O Goberno acóllese a razóns de urxencia cando houbo inacción voluntaria ao actuar fóra de prazo”

Mais o Goberno non pode acollerse a eses casos excepcionais, por canto “a urxencia provén de o amparo ter sido solicitado fóra de prazo e por mor dunha inacción voluntaria, xa que nin un xuíz nin un Estado poden alegar ignorancia”, sosteñen ditas fontes xurídicas.

Niso coincide outro prestixioso avogado barcelonés que tamén pide gardar o anonimato -algo que solicitaron todas as fontes consultadas, o que revela que delicada é esta situación xudicial para todos os que fan declaracións públicas-. “O que pasa é que aquí alegaron urxencia… non porque sexa unha emerxencia senón porque xa non restaba tempo para a primeira vista “mais non era máis que unha vista preliminar, de conciliación, e non era necesario contratar semellante orzamento”.

“A este bufete belga tocoulle a Lotaría”, continúa o letrado. “Aínda que tamén é certo que a formulación que lles fixo este bufete demostra que este procedemento non vai ser tan sinxelo. Deben pór aí todos os previsibeis escenarios en que isto pode acabar derivando (recursos, incidencias, etc.) e por iso cuantificárono con semellantes sumas”, estima.

É dicir, a astronómica minuta dos avogados belgas é unha proposta que “ten que cuantificar todas esas actuacións e debe describilas minimamente, até chegar ao final, mesmo até o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Outra cousa é: hai que cobrar antecipadamente por todos eses previsibeis recursos? Porque todo iso levará tempo. É necesario pagalo xa? Aí pode haber moitos matices que non foron explicitados, aínda que deberían facelo pola Lei de Transparencia”.

Exactamente: outra lei que incumpre o Executivo (no seu Artigo 70) ao non mostrar publicamente todo o pormenor dunha minuta tan elevada. E por que o esconde, arriscándose a unha nova demanda no contencioso-administrativo?

“Se explicitan a formulación do bufete belga, aínda sería máis escandaloso, porque se verían as grandes posibilidades que ten de prosperar a acción xudicial”
Outro dos letrados consultados por Público aventura: “Decidiron dar o dato de canto pode custarnos este film para que non se diga que ocultaron o importe, mais non queren dar os pormenores da oferta porque se os dan é case como describir cal é a estratexia de defensa do Estado español fronte a esta acción. Ademais, se explicitan a formulación e a oferta que lles fixo o bufete belga, aínda sería máis escandaloso, porque se verían as grandes posibilidades que ten de prosperar a acción xudicial”.

“Unha demanda de protección á honra non ten unha complexidade especial”, insiste ese avogado, que levou moitas causas similares. “Así que creo que o Goberno, o Consello do Poder Xudicial e a ministra de repente asustáronse ante a posibilidade de Llarena perder en sucesivas instancias da Xustiza europea, xa que cando un xuíz ten unha causa en marcha non pode ir a unhas xornadas a falar sobre ese proceso aberto. Non pode facer o máis mínimo comentario nin sequera en exercicios hipotéticos ou condicionais -Iso sábeo calquera xuíz. E iso dá argumentos aos imputados para cando recorran ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos”.

Así que o Goberno non só está saltando a Lei e gastando unha fortuna, senón que ten moitas posibilidades de perder o caso Llarena. Iso parece explicar as contas do Gran Capitán presentadas polo bufete Liederkeke para defender o xuíz azoute do independentismo catalán.

Mais iso é aínda máis preocupante para o Estado español.

CARLOS ENRIQUE BAYO / PATRICIA LÓPEZ @tableroglobal@patricialopezl

Público