Varios xornalistas máis foron acusados de espionaxe e ducias de individuos foron detidos, presos ou expulsados de Polonia nos últimos anos por supostamente traballaren como “axentes estranxeiros”.

 

25/02/2023. Operativo de la ABW la agencia de Seguridad Interna de Polonia                          Operativo da ABW (axencia de seguranza de Polonia) – ABW/Goberno de Polonia

 

“Axentes da Axencia de Seguranza Interior (ABW) detiveron un cidadán español de orixe rusa sob a acusación de espionaxe”, líase nos títulos dunha ducia longa de medios polacos de comunicación o 4 de marzo do pasado ano. Xornais, radios e televisións do país limitáronse naquel momento a divulgar a versión publicada redes polo porta-voz do Ministerio de Servizos Especiais, Stanisław Żaryn. Non foi cuestionada nin unha única vírgula do discurso do ministerio, nin as verdadeiras circunstancias dos feitos foron investigadas para comprobar se, con efecto, o español que mencionaban espiaba, en realidade, para os rusos.

O xornalista vasco Pablo González fora arrestado na noite do 27 ao 28 de febreiro de 2022 e catro días despois, xa fora condenado publicamente e en ausencia dun xulgamento pola prensa de Polonia e os membros do partido no Goberno, unha formación de extrema dereita chamada Lei e Xustiza. Os repórteres do país non outorgaron inicialmente a González nin sequera o beneficio do “suposto” ao faceren o cut-and-paste (cortar e colar) da nota do Gobierno. “O home foi detido en Przemyśl”, precisaba Żaryn, e repetiron ad nauseam todos as dixitais do país. “Foi identificado como un axente da Dirección Principal de Intelixencia do Estado Maior Xeneral Ruso (GRU). Realizou actividades de espionaxe para Rusia servíndose da súa condición de xornalista. Grazas a iso, puido moverse libremente por Europa e o mundo”.

A xulgar polo modo en que Żaryn comunicou as circunstancias que rodeaban Pablo, díxose que o traballo como correspondente do repórter de orixe vasca comprometía o futuro da OTAN. Mais logo se soubo que non tiñan nada consistente contra el non sendo mal-entendidos e especulacións insidiosas. E, o que é moito peor, logo se comprobou tamén que non necesitaban ter algo para privar o repórter dos seus dereitos. Ou o que é o mesmo, para ignoraren a Lei e Xustiza coa que pomposamente baptizaron o seu partido os populistas que rexen o destino da Polonia.

 

Pablo González en una fotografía de archivo                   O xornalista Pablo González – Imaxe de arquivo

 

Pablo González non foi o primeiro estranxeiro acusado de traballar no país por conta do Kremlin. Varios xornalistas máis foron acusados de espionaxe e ducias de individuos doutras profesións e nacionalidades foron detidos, presos ou expulsos de Polonia nos últimos anos acusados de supostamente traballaren para os servizos de intelixencia de Moscova.

Antes da invasión, a actividade dos servizos especiais de Polonia contra infiltrados chineses, bielorrusos e rusos era xa frenética. Mais desde febreiro de 2022, esa actividade acelerou e non pasa un mes sen que se identifique alguén como confidente, delator, bufo ou axente do GRU. O Goberno de Varsovia está en modo “Guerra fría” e, segundo afirma o contorno do repórter vasco, o problema é que os seus servizos especiais non costuman darse ao traballo de investigar a fondo.

Pode influír para mal no destino de González a presenza no goberno de coalición dun partido de radicais de extrema dereita? “No desenvolvemento fiscal do procedemento, estou seguro”, di Gonzalo Boye, o seu avogado en España. “O MInisterio Público do país é moi dependente dun Goberno cunha ideoloxía e unha liña moi concreta e non podiamos esperar outra cousa. Doutra banda, hai algo que aquí non dixo ninguén. Pablo non é acusado de ter sido apañado a fotografar un documento ou unha base secreta, senón de ser pro-ruso. Até onde sabemos, non se lle imputa ningún acto específico de espionaxe, ben é verdade que tivemos un acceso moi limitado á información da causa”.

 

En 2014, o xornalista ruso Leonid Sviridov foi expulsado de Polonia

Os actos de asedio contra xornalistas son moi anteriores á invasión rusa da Ucraína. O mesmo ano da anexión da Crimea, 2014, o xornalista ruso Leonid Sviridov foi expulso de Polonia a pedido da Axencia de Seguranza Interior. Tamén se lle prohibiu a entrada en todo o territorio Schengen aducindo que as súas actuacións ían “en detrimento de Polonia e eran unha ameaza para a seguranza do Estado”, mais sen revelar as razóns da súa decisión. O propio avogado de Sviridov, Jarosław Chełstowski, insistiu durante aqueles días en que a expulsión do seu cliente non estaba relacionada coa espionaxe. Seis anos despois do episodio, Sviridov esixiu unha desculpa e unha compensación de 60.000 eslotis —uns 12.700 euros— polas acusacións de espionaxe que se lle fixeron. Contodo, o tribunal ao que apelou desestimou a súa demanda.

Tampouco este era o primeiro caso de xornalista tratado a pontapés por Lei e Xustiza e acusado sen probas de espionaxe. Anteriormente, as autoridades polacas vetaran a presenza dun profesional da televisión chamado Yevgeny Reshetnev, que acusaban de realizar “outras actividades non relacionadas co seu emprego de repórter”. Reshetnev deixou Polonia en xaneiro de 2020. O Goberno do país aduciu que tomou a decisión porque Reshetnev “estaba a recompilar materiais para dar información falsa que danaba a imaxe de Polonia”. A xulgar polo seu modus operandi, o Goberno de Varsovia parecía incapaz de distinguir entre a espionaxe, a desinformación deliberadamente maliciosa e a lexítima perspectiva informativa que caracteriza a todos os medios das democracias de Occidente.

Acoso á prensa

O asedio aos repórteres foi in crescendo ao ritmo da actualidade xeopolítica desde que o partido ultraconservador que aínda goberna en coalición recuperou as rédeas do país en 2015. A súa hostilidade contra a liberdade de prensa vai moito alén dunha indisimulada e furiosa rusofobia moi próxima ao racismo. Tres meses antes da detención de González, en novembro de 2021, o Comité para a Protección de Xornalistas (unha organización independente respectada en todo o mundo) denunciaba nun relatorio o acoso desapiedado da Policía do país e da súa garda fronteiriza a varios profesionais da información que cubrían a fuxida de refuxiados desde Bielorrusia. Algúns foron presos, revistados, xulgados, sancionados e tratados a priori como espías potenciais por documentaren a pasaxe dos refuxiados nunha zona de emerxencia. Hai tamén outros casos recentes de repórteres, cuxos fillos foran ameazados por deitaren algo de luz sobre os sumidoiros do Gobierno e a espionaxe con Pegasus a líderes da oposición.

A furia caza-espías e a alerxia á prensa de Varsovia desatouse aínda máis cando Putin deu orde de cruzar as liñas. A miúdo, a sía paranoia chegaba ao grotesco. No inicio de marzo do pasado ano, dúas semanas despois da detención de Pablo, varios medios do país denunciaron a presenza de Mateusz Piskorski —un membro fundador dun partido pro-ruso a que as autoridades do país acusaran de espionaxe en 2016— nunha reunión á que acudira a primeira dama de Polonia. En efecto, Piskorski estivera alí. O que resultaba case horríbel é que fosen acusados os servizos especiais do país de poren en risco a seguranza polaca por permitiren que traballase como intérprete nunha reunión protocolar da esposa do presidente cun grupo de refuxiados. O concepto de democracia de Lei e Xustiza non parece no esencial diferente ao de Putin en todo o que respecta a tolerar as discrepancias.

Dez días despois deste episodio, Polonia decidiu expulsar 45 diplomáticos de Rusia. Segundo unha porta-voz do Ministerio de Relacións Exteriores, todos os nomes que aparecían na lista debían abandonar o país nun prazo que ía de dous a cinco días por realizaren “actividades incompatibeis coa lei polaca e o seu status de diplomáticos”. Ese mesmo mes foi detido un empregado da Oficina do Rexistro en Varsovia. O detido, Tomasz L., era polaco e, en palabras do ABW, “tiña poderosas armas ao seu alcance para levar a cabo actividades hostís de intelixencia”.

En abril do pasado ano, o servizo polaco de Contraintelixencia Militar encarcerou outro cidadán ruso, residente en Polonia desde había 18 anos, ao que se acusaba de recompilar información sobre as tropas polacas da OTAN. Dous bielorruso caeron eses mesmos días por espiaren para Minsk.

 

25/02/2023. Operativo de la ABW, la agencia de Seguridad Interna de Polonia                Operativo da ABW – ABW/

 

E a longa lista continúa. As últimas detencións coñecidas saíron á luz no pasado mes de xaneiro, cando a Fiscalía militar polaca acusou un ruso e un bielorruso de traballaren para o Kremlin durante varios anos. Ambos residían legalmente no país.

Falta de garantías procesuais

Ninguén pon en dúbida que Polonia sexa un escenario de interese preferente para a intelixencia rusa polo valor estratéxico do país e a importancia das tropas dentro das frentes da OTAN. O que se veu denunciando desde as defensa dos imputados é a absoluta falta de garantías procesuais e xurídicas coas que os polacos organizaron as súas cazadas e a arbitrariedade dalgunhas detencións. E o caso do vasco é, con moito, o máis sangrento de cantos se coñecen. “Isto que pasou con Pablo non podería acontecer en España”, di Gonzalo Boye. “É simplesmente imposíbel que alguén estea aquí un mes e pico sen avogado ou que o avogado leve un ano sen poder velo ou que a causa siga sendo secreta”.

A pregunta eterna que reverbera desde a súa detención é onde están as probas irrefutabeis das que o ABW se gaba cando asegura rotundamente que González era un axente do GRU. “Se tivesen algún trunfo na manga xa o terían mostrado”, insiste o letrado. “Produciuse xa unha filtración de algo para que todo o mundo dixese: Ah, vale, agora si que o entendo. Mesmo en causas españolas protexidas polo segredo de sumario saíron á luz copias de atestados nos medios”.

Na opinión de Boye, a secuencia en que os feitos foron encadeándose para encarcerar o xornalista de orixe vasca suxire claramente a participación doutras axencias de intelixencia occidentais. “Os do MI6 foron os primeiros en asegurar a culpabilidade de Pablo cando realizaron unha declaración pública que falaba dun espía español. Que eu saiba, non hai ninguén máis cun pasaporte español detido por iso. Á parte máis dura do procedemento non nos deixan acceder, mais temo que cando poidamos vela imos topar tamén cunha forte participación española. Madrid foi o primeiro que actuou contra Pablo. Un mes antes de que os polacos o detivesen, axentes do CNI foron ver a súa familia no País Vasco e Barcelona con preguntas e fotografías. Aquí cometeuse un grande erro. E o erro traduciuse no procedemento contra Pablo”.

Hai só uns días, cando estaba a punto de completarse un ano de prisión para o xornalista, os polacos prolongaron outros tres meses o seu encarceramento. Non hai nin sequera data aínda para o xulgamento e, oficialmente,están aínda no procedemento indagatorio. Solicitaron unha comisión rogatoria para que declare a nai dos seus fillos; outra, para supervisar as súas contas bancarias e unha terceira, para conseguir as copias do seu expediente de nacionalidade. “Detesto as conspiracións e as teorías conspiranoicas, mais aquí vexo pantasmas por todos os lados. Hai demasiadas cousas que non encaixan”, apostila Boye.

A pena máxima por organizar actividades dun servizo de intelixencia estranxeiro é de 25 anos de prisión

Non achará Pablo un clima propicio entre os membros de Lei e Xustiza (PiS). É tal a súa paranoia coa espionaxe rusa que certos deputados desa formación como Jaroslaw Krajewski desenvolven unha actividade paralamentar febril  para que sexan endurecidas as sancións e os axentes estranxeiros sexan castigados con prisión perpetua. Segundo o Código penal vixente en Polonia, a pena máxima por organizar ou dirixir as actividades dun servizo de intelixencia estranxeiro é de 25 anos de prisión. Moi probabelmente, conseguirán os seus obxectivos porque, desde a pasada primavera, o Ministerio de Xustiza traballa xa nun rascuño que pretende así mesmo elevar o maior castigo por participar en actividades de espionaxe dos dez anos actuais aos 25. En todo caso, iso non afectaría nunca o vasco porque non sería posíbel aplicarlle a nova norma con carácter retroactivo.

E os mergulladores, impunes

A mesma axencia que encarcerou Pablo González sen probas descartou nos mediados do pasado mes de xaneiro que traballasen para o Kremlin tres mergulladores españois rescatados pola noite a bordo dunha barca á deriva e sen licenza que navegaba xunto a varias infraestruturas estratéxicas próximas á cidade de Gdansk. Poucas horas despois de que se coñecese o incidente, o secretario de Estado Stanisław Żaryn saíu de novo para o primeiro plano para dicir que a presenza dos españois no Báltico non supuxera ningunha ameaza á seguranza da República de Polonia, nin a certas instalacións críticas como a refinería de Gdansk ou Naftoport.

Como estaban tan seguros? Polas mesmas razóns que aduciron cando detiveron González, só que ao contrario. Dixeron ter algúns datos, mais non revelaron nunca cales. Do que non ninguén ten dúbida é de que non eran pescadores de ámbar, tal e como pretendían. Os tres foron inmediatamente liberados sen seren sequera identificados de maneira apropiada.

Público