De acordo con datos estatísticos do Ministerio do Interior, entre 2010 e 2019, as delegacións do goberno prohibiron máis de 3.000 mobilizacións convocadas por sindicatos e comités de empresa. Tamén se impediron protestas “contra medidas políticas e lexislativas” ou sobre “cuestións nacionalistas”. Nesas mesmas datas, as autoridades toleraron innumerabeis actos ultras.

 

 

No Movemento Católico Español coñecen ben o procedemento e cúmpreno con absoluta tranquilidade. Cada vez que deciden saír á rúa para reivindicar os crimes da ditadura, comunican previamente o acto á Delegación do Goberno de Madrid. Non importa que partido estea ao mando do Executivo: a pesar dos antecedentes das súas concentracións, as autoridades deixan que todo siga o seu curso sen poren ningún tipo de problema. A día de hoxe, a exaltación da ditadura franquista non acha atrancos de ningún tipo por parte das Delegacións do Goberno.

Non obstante, hai organizacións que se enfrontan a unha realidade diametralmente oposta cando pasan polo trámite previo á celebración dunha manifestación. Segundo os datos que aparecen nos diferentes relatorios estatísticos do Ministerio do Interior, as Delegacións do Goberno prohibiron nos últimos anos unha ampla lista de mobilizacións por cuestións “laborais” ou tamén “contra medidas políticas e lexislativas”.

“Goberne quen goberne, é máis doado para as delegacións prohibiren certos tipos de manifestacións “, garante ao Público, José Muga, avogado do despacho de avogados Liria. Segundo a normativa vixente, quen desexe convocar unha manifestación deberá avisar por escrito a súa respectiva Delegación do Goberno –agás en Euskadi e Cataluña, onde están transferidas as competencias de seguranza– “cunha antecedencia mínima de dez días e unha máxima de trinta”.

Nese escrito de comunicación, alén dos datos “do organizador ou organizadores”, o “obxecto” da mobilización e o “itinerario proxectado, cando se prevexa a circulación pola vía pública”, así como as “medidas de seguranza previstas polos organizadores ou que se soliciten da autoridade gobernativa”.

Do mesmo xeito, a lei permite “prohibir a reunión ou manifestación ou, no seu caso, propoñer a modificación da data, lugar, duración ou itinerario” se se considerar que “existen razóns fundadas de que poden producirse perturbacións da orde pública, con perigo para as persoas ou os bens”. “A resolución debe ser adoptada de xeito razoado e notificada nun prazo máximo de setenta e dúas horas”, explica Interior na sección de “atención ao cidadán” da súa páxina web.

Entre 2010 e 2019 – último ano de que hai datos – as Delegacións do Goberno prohibiron 3.699 manifestacións convocadas por sindicatos e comités de empresa. Isto reflíctese nos diferentes relatorios estatísticos anuais de Interior, que non inclúen datos máis precisos sobre os motivos específicos destas mobilizacións nin sobre os motivos exactos que levaron a impedir a súa realización.

“Efectivamente, moitas manifestacións son denegadas. Existen resolucións do tipo ‘hai moito tráfico’ por esa rúa, aínda que lles digas que tes que ir por aí porque Ministerio de Traballo está aí “, explica Raúl Maíllo , avogado do sindicato CGT . Na súa opinión, as delegacións do goberno “converteron o que é unha mera comunicación nun réxime de autorización previa“, algo que, na práctica, representa unha dificultade para exercer o dereito de manifestación.

Así mesmo, durante os últimos dez anos tamén foron prohibidas 1.202 manifestacións que tiñan por “motivación” protestar contra medidas políticas e lexislativas”, un dato que, segundo o sociólogo navarro Ricardo Feliú, “deixa un espazo para a discrecionalidade moi inquietante. É un pouco sinistro, por dicilo suavemente”.

O mesmo destino tiveron outras 291 mobilizacións que, segundo Interior, foran convocadas para pedir a “liberdade de presos de grupos terroristas”. Os datos estatísticos tamén indican que se prohibiron 78 manifestacións sobre “asuntos nacionalistas”, punto en que non se ofrecen máis datos ao respecto. Outras 46 manifestacións prohibidas entre 2010 e 2019 están catalogadas sob o título “contra a violencia de xénero”. Foron, así mesmo, prohibidos 24 actos polo Primeiro de Maio.

Carlos Escaño, responsábel da campaña sobre liberdade de expresión de Amnistía Internacional, destaca precisamente que “o propósito da comunicación dunha manifestación é que as autoridades faciliten o exercicio deste dereito”. “Non obstante, en España converteuse nunha petición de autorización encuberta”, advirte.

En total, durante ese período foron prohibidas 8.592 manifestacións. Alén dos sindicatos, entre as entidades convocantes con máis prohibicións acumuladas están as categorizadas como “asociacións cidadás” (con 2.556 expedientes contrarios) e “partidos políticos”, que suman outras 641 manifestacións prohibidas. Neste último caso tampouco aparecen as iniciais das organizacións afectadas.

Exaltación franquista

Neste contexto, os partidos de extrema dereita que reivindican os crimes da ditadura non adoitan enfrontarse a prohibicións de manifestacións. Así poden confirmalo no Movimiento Católico Español, que no pasado 28 de marzo puido facer unha xira por Madrid en que reclamou a queda da capital en mans do réxime franquista. A Delegación do Goberno indicou nos días anteriores que non acharan razóns para impedir a súa celebración.

Tampouco os neo-nazis se enfrontaron a ningún obstáculo, cando no pasado febreiro saíron á rúa para reivindicar a División Azul e remataron o acto con proclamas antisemitas que o Ministerio público investiga agora, nin tampouco aqueles que cada 18 de xullo ou 20 de novembro , días sinalados no calendario franquista, reivindican publicamente os crimes da ditadura.

En Santander, por exemplo, a Delegación do Goberno non observou ningún argumento para evitar o cortexo ultra que o 18 de xullo de 2019 percorreu o centro da cidade para conmemorar o golpe de Estado contra a democracia. “Os memócratas (sic) escandalízanse”, ironizara daquela o Movimiento Católico Español. En setembro de 2017, a Delegación do Goberno en Cantabria tamén permitira unha manifestación xenófoba do grupo de extrema dereita , o , que marchou sob o lema “Por España, polo nuestra gente. Prioridade nacional”.

Con estes datos na hemeroteca, o avogado José Muga sinala que “cando etiquetan un grupo de extrema esquerda, é moi doado que lles prohiban manifestacións”. “Todo indica que se é máis conivente coa extrema dereita que con outras organizacións”, subliña Feliú, que destaca que sob o rótulo ultra “cohabitan un monte de organizacións que van de Vox até, por exemplo, entidades como a Falanxe ou outras que, pola súa propia natureza, non piden permiso para faceren actos”.

Para Imanol Zubero , sociólogo e profesor da Universidade do País Vasco (UPV), “no Reino de España falta regulación sobre se se pode exaltar unha ditadura criminosa como foi o réxime franquista”. “É un debate que comezamos a facer moi tarde: se se tivese feito na transición, sería diferente”, subliña.

“É o de sempre: á fin e ao cabo, trátase da interpretación que pode dar a Delegación, dependendo do goberno no poder, sobre unha manifestación ou outra”, sustenta o politólogo e investigador da Universidade Complutense de Madrid (UCM) David Lerín. De feito, advirte que, aínda “non sendo doado prohibir unha manifestación”, tamén ocorre que “a interpretación da desorde pública é moi ampla“. Todo depende de para quen.

Danilo Albín

Fonte: Público