Nun comunicado, la organización Médicos sen Fronteiras(MSF) denuncia que medio centenar de persoas migrantes e requerentes de asilo están presas ilegalmente os centros de detención de Mucenieki, perto da capital letona, e no de Daugavpils, máis próximo á frontera con Bielorrusia. MSF pede ás autoridades letonas o fin inmediato desta detención arbitraria e alertan das graves consecuencias para a saúde física e psicolóxica das crianzas, mulleres e homes detidos.

 

                                                           David Rubens/MSF

 

 

COMUNICADO DE MÉDICOS SEN FRONTEIRAS

 

Pedimos ás autoridades letonas o fin inmediato da detención arbitraria de migrantes e requerentes de asilo e alertamos das graves consecuencias físicas e psicolóxicas.

Médicos Sen Fronteiras (MSF) comezamos a visitar en xullo os Centros de Detención de Inmigrantes de Mucenieki, perto da capital letona e de Daugavpils, próximo á fronteira coa Bielorrusia, para proporcionar apoio psicolóxico e psicosocial de forma regular ás persoas detidas. Actualmente, ao redor de 50 persoas están detidas nestas dúas instalacións xestionadas polo Servizo Estatal de Garda de Fronteiras. Trátase de persoas vulnerabeis, como sobreviventes de tortura ou violencia sexual, crianzas e mulleres grávidas.

“Este tipo de detención ten un grave impacto negativo na saúde mental dos individuos”, explica Georgina Brown, coordenadora do noso proxecto en Lituania e Letonia. “As nosas equipas foron testemuñas de altos niveis de tensións, ansiedade e perda de dignidade, que poden levar á autolesión. Moitos destes homes, mulleres, nenos e nenas xa viviron acontecementos traumáticos que os fixeron fuxir da súa terra . A súa detención prolongada corre o risco de engadir máis traumas ás vulnerabilidades existentes”, engade Brown.

Tanto o centro de Mucenieki como o de Daugavpils están sometidos a unha forte video-vixilancia, o que limita considerabelmente a privacidade das persoas. Os funcionarios confiscan os teléfonos móbeis persoais cando as persoas son internadas nos centros, o que restrinxe a comunicación destas coas súas familias e o acceso ás redes sociais. A falta de comunicación co exterior tamén limita o acceso das persoas á información e ao apoio, o que profunda aínda máis o sentimento de desespero e a deterioración do seu benestar e protección.

 

 

Entrada principal del centro de detención de inmigrantes de Muciniecki, en las proximidades de Riga.   Entrada principal do centro de detención de inmigrantes de Muciniecki, nas proximidades de Riga. © David Rubens/MSF

 

 

“As persoas confinadas nestes centros de detención non entenden o que lles pasa”, di Brown. “senten como se estivesen no cárcere, mais sen saber que fixeron mal e sen coñeceren a data de finalización da súa condena. Sabemos de persoas que levan encerradas así máis de oito meses. Están a vivir un pesadelo”, alerta a nosa coordenadora en Lituania e Letonia.

Tamén estamos alarmados pola detención ilegal de crianzas nos centros, que prexudica o seu desenvolvemento e benestar. ​ “A nosa familia fuxiu de Afganistán porque ás miñas fillas non lles era permitido ir á escola e non había liberdade sob o réxime talibán”, asevera Khalid*, un pai afgán retido nun dos centros de detención letóns.

As crianzas retidas enfrentan graves riscos para o seu desenvolvemento psicolóxico e, de forma habitual, mostran indicios de graves deficiencias. “Os nenos e nenas detidos carecen de elementos esenciais para o seu desenvolvemento, como o xogo e a escola, e son afectados indirectamente pola tensión que padecen os seus pais”, declara Heidi Berg, psicóloga de MSF.

“Estou farto. Só podo xogar fóra, na zona cercada, uns momentos ao día. Cada minuto está contado”, sinala á nosa equipa un neno que está retido nun dos centros. ​

Tamén nos preocupan os homes sen familia detidos nos centros. Estes permanecen detidos durante longos períodos e, a miúdo, están expostos a malos tratos. Nas condicións carcerarias dos centros de detención, é costume chamar os homes solteiros “recluídos” polos funcionarios do Servizo Estatal de Garda de Fronteiras, deben someterse a revistas e son encerrados nas súas “celas”. Trátase de homes que fuxiron dos seus países de orixe en busca de seguranza e, agora, o feito de seren tratados como delincuentes parécelles inxusto e deteriora a súa saúde mental.

“O último ano foi un ano sen liberdade. O meu corazón sangra de dor e angustia. (…) Por favor, axúdennos. Hai quen tentou suicidarse por levar varios meses encerrados sen ningunha razón concreta”, declarou ás nosas equipas un mozo detido nun dos centros.

Por todo iso, instamos as autoridades letonas a poren fin á detención irregular e arbitraria das persoas que se deslocan. Pedimos que se apliquen alternativas á detención, incluído a transferencia inmediata dos homes, mulleres e crianzas retidos nos dous centros de detención a lugares seguros, como o centro aberto de Mucenieki, onde poidan recibir a asistencia humanitaria e a protección adecuadas.

*Nomes modificados para protexer a identidade.