As condicións inhumanas do acampamento de Moria, e a nova lei de asilo considerada ‘un campo de minas’ por avogados gregos, levaron a illa do Exeo a unha ‘situación explosiva’.

 

marcha refugiados lesbos

 

A illa grega de Lesbos iniciou este 2020 con tensión e protestos. As condicións inhumanas do campo de refuxiados de Moria e os efectos da nova lei grega de asilo que xa se traduce nun aumento das deportacións a Turquía, levaron millares de persoas ás rúas de Mitilini, a capital da illa. Ante millares de manifestantes esixindo dignidade, a policía helena non foi a única forza que exerceu represión de maneira agresiva con gas, escudos e porras: grupos de extrema dereita protagonizaron ataques racistas tanto na capital como nos arredores do campo de Moria. E como se iso fose pouco, o goberno grego de Nova Democracia confirma a construción para o próximo verán de novos acampamentos de detención que permitirán encerrar requerentes de asilo de protección internacional.

Chamado ‘O inferno’, Moria é unha antiga base militar convertida nun acampamento de refuxiados deseñado para non máis de 3.000 habitantes en que agora conviven aproximadamente 20.000 persoas deslocadas de 56 países diferentes. Un 33% destas son crianzas. O 72% fuxiron do Afganistán, pasaron por Irán e a Turquía nunha longa e cara travesía. En tanto a maioría dorme en tendas de campaña ou chabolas improvisadas estendidas en campos de oliveiras, algunhas persoas, sobretodo as que acaban de chegar, dormen á intemperie en noites invernais que atinxiron os dous graos negativos. Pensadas oficialmente para albergar 6.200 persoas, nas cinco illas do mar Exeo concéntranse hoxe aproximadamente 41.000 requerentes de asilo e, segundo ACNUR, en Grecia hai un total de 112.300 persoas refuxiadas entre os 11 millóns de nacionais.

 

Campo refugiados moria                    Acampamento de Moira

 

Estas circunstancias, que incumpren flagrantemente as directivas europeas de acollemento de requerentes de protección internacional, hai anos que caeron no cadro da vulneración dos dereitos humanos. “A ilegalidade é moi obvia”, asegura Elli Kriona, coordenadora xurídica da ONG de avogados HIAS. Con cortes de electricidade, fileiras de máis de tres horas para recibiren comida ou atención médica e á espera “sob unha aguda presión psicolóxica” da incerta resolución do seu proceso legal, máis de 2.000 refuxiados saíron ás rúas os pasados 3 e o 4 de febreiro ao berro de ‘Freedom’ e ‘Stop deportations’. Dúas semanas antes, uns 5.000 gregos marcharan tamén por Mitilini, nun protesto de ampla faixa ideolóxica, sob a lema ‘Queremos recuperar as nosas illas’. No extremo dereito desta faixa gritábase ‘Grecia para os gregos’. “A illa vive unha situación moi, moi explosiva”, asegura a avogada grega.

Alén das degradantes condicións do acampamento de refuxiados máis poboado de Europa, o detonador, esta vez, foi a nova lei de asilo grega de 237 páxinas aprobada polo goberno conservador de Nova Democracia en novembro de 2019 e que comeza agora a mostrar as súas garras: “a nova lexislación é moi punitiva, algúns a compararon cun campo de minas, porque fagas o que fixeres vas violar algún dos seus artigos e a túa petición de asilo acabará sendo declarada inadmisibel”, asegura Kriona.

 

A nova lei acelera a deportación das persoas requerentes de asilo que non demostren rapidamente ter o perfil restritivo de refuxiado que establece a convención de Xenebra

 

Na práctica, a nova lei acelera a deportación das persoas requerentes de asilo que non demostraren rapidamente ter o perfil restritivo de refuxiada que establece a Convención de Xenebra. Se antes as esperas para a entrevista coa Oficina Europea de Apoio ao Asilo (EASO polas súas siglas en inglés) chegaban a ser de até un ano, e outros longos meses para recibir a notificación da decisión, ás persoas chegadas ás illas do Exeo despois do 1 de xaneiro de 2020 tramítaselles todo o proceso nun mes. O barco en que Khadiha, unha muller de 30 anos nacida no Afganistán, viaxou con toda a súa familia, chegou a Lesbos no 5 de xaneiro. Un mes despois, a súa solicitude de protección internacional xa foi recusada. “Xa non resta nada do soño europeo”, asegura preocupada.

Segundo a avogada de HIAS, a nova lei comporta “medidas totalmente desproporcionadas, hai unha inversión da carga da proba, como se o Estado xa tivese unha presunción e elas tivesen que probar o contrario. E a presunción é que menten e que non colaboran coas autoridades”. Con un único avogado de oficio en toda a illa, apelar a decisión de EASO é case imposíbel e, de calquera modo, as probabilidades de que a familia de Khadiha non sexa deportada logo á Turquía son ben poucas. Segundo o Monitoreo de Deportacións do Exeo (ABR polas súas siglas en inglés), no de xaneiro foron levadas a cabo 39 deportacións de Lesbos á Turquía -no mesmo mes de 2019 fora unha. O obxectivo do goberno grego é ‘alcanzar as 200 deportacións cada semana en tres meses’, segundo afirmaba o portavoz do executivo grego, Stelios Petsas.

 

Mujeres marcha refugiados lesbos                   Un grupo de mulleres participa nunha marcha de persoas refuxiadas en Mitilini BERTA CAMPRUBÍ

 

A distancia que separa Turquía da illa de Lesbos é inferior a 20 quilómetros. Un traxecto que unha persoa con pasaporte europeo pode facer nunha hora por 20 euros en tanto que aqueles que foxen da violencia realizan a travesia en 3 ou 4 horas e por un mínimo de 500 euros. Os obstáculos, alén diso, non son poucos. Cando non é un temporal, os chamados smugglers ou traficantes de persoas colocan motores de mala calidade nas barcas de plástico que os deixan aboiando no medio do mar. E sempre poden topar coa policía marítima turca. 172 embarcacións con 6.169 perosas foron interceptadas pola garda costeira turca en xaneiro segundo ABR. Algunhas das persoas refuxidas en Moria relatan ter conseguido finalmente cruzar a Lesbos na décima tentativa.

E cando continúa a crecer o número de chegadas a Lesbos, -3.096 no mes de xaneiro, un 68% máis do que no mesmo mes en 2019-, o goberno de Kiriakos Mitsotakis procedeu a confiscar terrenos no cinco illas do Exeo en que serán construídos a partir de marzo novos centros de detención onde os refuxiados estarán encerrados até 25 días. Nese tempo espera poder xestionar a rápida deportación que a nova lei xa practica cos recentemente chegados. Segundo o portavoz do goberno, a decisión é “encerrar as estruturas anárquicas de hoxe e crear estruturas fechadas controladas”.

 

O goberno procedeu a confiscar terrenos nas cinco illas do Exeo en que serán construídos a partir de marzo novos centros de detención onde as persoas refuxiadas estarán encerradas até 25 días

 

O goberno de Nova Democracia tamén reiterou a súa intención de construír barreiras flutuantes no mar Exeo que porta-voces de Syriza, agora na oposición despois de 4 anos de goberno, califica de ‘inhumanas’. “Farán todo o posíbel para evitar que cheguen ao mar grego, para así evitar situacións en que a Grecia teña a responsabilidade de estudar as súas solicitudes de asilo”, asegura a avogada Elli Kriona. 64 parlamentares do partido de AlexisTsipras presentaron unha interpelación acusando o goberno grego de adoptar unha perspectiva de extrema dereita nunha problemática que provocou intolerancia e xenofobia. “Está claro que o humanismo, os dereitos das persoas refuxiadas e das comunidades locais, do mesmo xeito que calquera eficacia, están moi lonxe das súas políticas”, declaran na interpelación.

O abismo que supoñen os novos anuncios do goberno e a aplicación da nova lei convértense nunha deportación case segura e un camiño incerto, pois o único asegurado é un ferry que desfaga o 20 km de camiño que fixeron en barco desde a costa de Turquía, mais descoñecen o que o país de Recep Tayyip Erdogan poida facer con eles. “Non fixemos todo este camiño por pan, roupa ou diñeiro. Viñemos para os nosos fillos estaren ben, poderen estudar. Teño 40 anos e 40 anos sobrevivín. Non desexo iso aos meus fillos”, aseguraba un requerente de asilo do Afganistán ao tempo que se afastaba a nube de gas lanzada pola policía, durante o protesto do 3 de febreiro.

 

Teño 40 anos e 40 anos sobrevivín. Non desexo iso aos meus fillos”, aseguraba un requerente de asilo do Afganistán ao tempo que se afastaba a nube de gas lanzada pola policía, durante o protesto do 3 de febreiro.

 

Cando, ese día e o seguinte, a policía dispersou violentamente os manifestantes provocando disturbios ao redor do centro da cidade, grupos de extrema dereita agrediron persoas refuxiadas e outras voluntarias internacionais de ONGs, así como xornalistas. E non foi a primeira nin será a última: nos coñecidos como progromos de 2018 houbo graves agresións a requerentes de asilo que, como denuncia a avogada de HIAS “representan crimes racistas documentados que, dous anos despois non ainda fican na impunidade, senón que o seu proceso legal está parado”. Na última semana decenas de refuxiados denunciaron agresións de persoas gregas durante o seu traxecto a pé desde Mitilini ao acampamento de Moria, separados por 8 quilómetros. Non faltaron tampouco, neste contexto, os berros de colectivos antifascistas en actos e protestos que reuniron unhas 200 persoas na capital da illa.

Algúns en Moria opinan que a única maneira de chamar a atención da poboación de Europa é protestar, mais a policía xa ten aberta unha investigación contra dos supostos instigadores e organizadores deses protestos. Segundo a avogada grega, o contexto da illa está marcado por unha situación de “represión extrema e criminalización dos protestos, silenciamiento das súas demandas, e a creación dun clima de demonización das ONGs que crea o ambiente perfecto para as atacaren”. No Woman Space, un proxecto solidario en que as mulleres refuxiadas teñen sempre un lugar seguro cunha cunca de té quente, ábrese a miúdo este debate entre mulleres afgás. “Deixamos atrás todo o que tiñamos, corremos o risco de escapar do Afganistán, corremos o risco de cruzar o mar en barquiños de plástico, así que agora podemos correr o risco de saír a protestar porque non temos máis nada a perder”, asegura convencida unha moza.

El Salto Diario