Catro dos acusados foron sentenciados a dez anos de cárcere e outros dous, menores de idade, a cinco anos. Os avogados defensores e observadores internacionais afirman que non foi un xulgamento xusto e denuncian un proceso “infestado irregularidades”.

 

Ilesbos moriaO acampamento de Lesbos despois do incendio. Imaxe Aggelos Barai

 

Nove meses despois do incendio que arrasou o acampamento de refuxiados de Moria, na illa grega de Lesbos, as seis persoas acusadas de provocaren o lume foron declaradas culpabeis polo cargo de “incendio provocado con risco para a vida humana”. Dúas delas son menores recoñecidas polo Estado grego, polo que foron xulgadas polo Tribunal de Menores e condenadas no pasado marzo a cinco anos de prisión. As outras catro foron condenadas a dez anos de prisión, a pena máxima proposta pola Procuradoría, no xulgamento celebrado na sexta terza feira e sábado na illa de Quíos.

A defensa dos acusados comezou o xulgamento rexeitando a competencia do tribunal penal para xulgar tres deles, alegando a súa condición de menores no momento dos feitos xulgados, polo que debían en todo caso ser sometidos ao Tribunal de Menores. Para iso  presentaron elementos probatorios da súa minoría de idade que incluían os pasaportes do seu país de orixe. A petición foi rexeitada.

Apesar de que máis de 70 organizacións europeas e centenares de persoas pediran un xulgamento xusto e transparente, as expectativas eran pesimistas. Desde o momento da detención, e antes de calquera proceso legal, os seis acusados xa foran presentados á opinión pública como culpabeis.

 

O proceso no seu conxunto non cumpre as normas dun proceso xusto”, denuncia unha avogada

 

Só unha semana despois do incendio, o ministro grego de Migración e Asilo, N. Mitarakis, declaraba que “o acampamento foi incendiado por seis refuxiados afgáns que foron detidos”, violando o seu dereito a un xuízo xusto sob a presunción de inocencia. Aínda que o clima previo facía dificilmente evitábel un veredito de culpabilidade, os observadores internacionais que asistiron ao xulgamento sinalan a enorme sorpresa ante a gravidade das penas impostas. Así mesmo, inmediatamente sinalaron diferentess obxeccións ao modo en que decorreu o xulgamento.

Annina Mullis, en nome de Avogados Democráticos Suíza (DJS) e Avogados Europeos pola Democracia e os Dereitos Humanos (ELDH), resumía así o procedemento: “Baseándome nas impresións recollidas fóra do edificio do tribunal e na información detallada proporcionada polos avogados, estou de acordo coa súa valoración de que o proceso no seu conxunto non cumpre as normas dun proceso equitativo”.

Como expuña Valeria Häsel, observadora no xulgamento e investigadora sobre asuntos de migración, “o proceso estivo infestado de irregularidades. Foi permitida a presenza de apenas 15 persoas na sala, ningunha delas como público. Impediuse a entrada tanto a xornalistas como a unha delegación de observadores internacionais e unha representante de ACNUR. Había polo menos seis axentes de policía na sala, un número en todo caso desproporcionado”.

 

Falta de probas e unha testemuña da etnia rival

O elemento máis desconcertante de ambos os procesos é a falta de probas. A condena do seis persoas baséase nunha suposta testemuña ocular que asinou unha declaración acusatoria contra elas un día despois do incendio. A testemuña pertence á tribo dos pashtu, e os acusados á tribo rival, os hazara. Os avogados afirmaron que a testemuña só dera á Policía seis primeiros nomes, comúns entre a poboación do acampamento, o que serviu de base para a detención e a prisión preventiva.

 

Pouco despois da súa declaración, a testemuña desapareceu e non foi localizada polas autoridades

 

Pouco despois desta declaración, a testemuña desapareceu e non foi localizada polas autoridades, polo que non estivo presente en ningún dos dous xulgamentos para ratificar a súa declaración incriminadora. Contodo, permitiuse á Procuradoría ler a súa declaración escrita, apesar da obxección dos avogados de que isto violaba o dereito dos acusados a interrogar calquera testemuña contraria, unha garantía básica para un xulgamento xusto recoñecida pola Convención Europea dos Dereitos Humanos.

A avogada da defensa, Natasha Dailiani, engadía que este testemuño escrito contiña, entre outras cousas, numerosas incoherencias. Como explica Marco Aparicio, presidente do Observatori DESC e un dos observadores internacionais que acudiu ao xulgamento, “se a única base probatoria é unha declaración que non pode ser contrastada e non se pode confrontar no xulgamento oral, que precisamente está para iso, realmente a ausencia de base incriminatoria e de garantías procesuais mínimas é escandalosa”.

Atefe, Farizeh, Habibe e Parisa, catro requerentes de asilo afgás que viven nun apartamento grazas a un colectivo de mulleres Wish, na illa grega de Lesbos.- JAIRO VARGAS
Refuxiadas na illa-cárcere de Lesbos: “Aquí sufrín niveis de violencia superiores aos de Afganistán”
jairo vargas

Ningunha das 15 persoas que declararon ante o tribunal viu os acusados a noite do suposto crime

Ningunha das 15 persoas que declararon ante o tribunal viu os acusados a noite do suposto crime e en ningún dos numerosos vídeos e imaxes tomadas -moitas das cales circularon en redes- aparecen.

Apesar da condena, a avogada da defensa Effie Doussi afirma que esgotarán “todos os recursos legais para garantir que os acusados teñan un xulgamento xusto e un veredito claro que demostre a súa inocencia”.

Outro dos elementos que destacan os observadores do xulgamento é a clara vontade do tribunal de desvincular o incendio das condicións do acampamento de Moria. Marco Aparicio explica como “o xuíz rexeitou inmediatamente calquera intento de preguntar sobre as condicións de Moria, e insistía que iso non tiña que ver co que estaba sendo xulgado. Pretendeu así desde o inicio atribuír a culpabilidade a persoas concretas, para, desta feita, eliminar calquera responsabilidade do propio Estado grego polas condicións do acampamento e que, de forma evidente, son parte esencial do acontecido”.

Como relatou Público no día do incendio, Moria era un barril de pólvora. Após a detección dos primeiros casos de covid-19 no acampamento, os días antes do incendio houbo conflito entre as persoas que vivían no campo e as autoridades. A súa demanda era a transferencia das persoas infectadas a espazos fora do campo, xa que nos últimos días foran recluídas nunhas casetas lindeiras ás tendas do resto de habitantes do acampamento. A tensión foi aumentando nos días previos ao incendio.

Criminalizar a migración

Ambos os xulgamentos encádranse nun proceso máis amplo de criminalización da migración por parte de Grecia. Como expón Oda Becker, activista e membro da campaña de solidariedade Free the Moria 6, “non é a primeira vez que as persoas migrantes son detidas e acusadas arbitrariamente na Grecia. Esta práctica forma parte desde hai tempo do inhumano réxime fronteirizo da Unión Europea. Contodo, no actual contorno político, a criminalización da migración alcanzou un novo nivel, do mesmo xeito que as detencións ilegais de migrantes por parte das autoridades”.

Moitos destes casos están vinculados á acusación sistemática por cargos de “tráfico de persoas”. Entre outros casos, o pasado 14 de maio foi condenado a 146 anos de prisión un sobrevivente do afundimento dun barco que viaxaba de Turquía a Lesbos. Foi acusado de tráfico de persoas, e responsabilizado do accidente e da morte de dous ocupantes da embarcación. Varias testemuñas, que viaxaban no barco, afirmaron durante o xulgamento que o acusado tentaba salvar vidas cando tomou o leme da embarcación.

O 26 de abril, unha persoa foi condenada a 52 anos de cárcere por tráfico de persoas e por pór en perigo a vida das persoas coas que viaxaba, entre as que se incluía a súa propia familia. Resulta significativo a intensificación da criminalización das persoas migrantes nun contexto en que o Estado grego, así como Frontex e a Unión Europea, están na mira pola súa aposta pola política de contención nas illas e a complicidade -cando non responsabilidade directa- nas devolucións ilegais en alto mar.

As comunidades migrantes están consternadas por esta nova onda de criminalización, así como pola falta de garantías nos xulgamentos. Esta realidade súmase a un proceso de construción de muros nos acampamentos situados na zona continental do país, o que reactiva o medo á construción de campos-prisión, unha idea que o estado grego vén defendendo desde finais de 2019. Como expoñen activistas do colectivo Women In Solidarity House (WISH), “non só somos sobreviventes dos seus crimes, senón que nos criminalizan. A existencia de Moria foi un crime, non a súa destrución”.

Margarita Elías

Público