Kostas Vaxevanis é un xornalista grego, editor da revista «Hot Doc». Ao longo da súa traxectoria traballou como correspondente de guerra en Bosnia, o Golfo Pérsico, Palestina, Kurdistán, Albania e Kósovo. É un recoñecido profesional que sempre enfrentou o labor de xornalista desde a denuncia rigorosa.

 

                  Kostas Vaxevanis, galardoado co VII Premio Internacional de Xornalismo Xullo Anguita Parrado

 

Beatriz Talegón

 

En abril de 2012 Vaxevanis foi preso despois de publicar «a lista Lagarde»: unha lista con 1991 nomes de cidadáns gregos que terían contas no banco HSBC, indiciados como posibeis evasores de impostos. Foi acusado por violar «datos persoais sensibeis». Segundo a publicación, os nomes contidos nesa listaxe publicada, pertencían a unha lista aínda maior que contiña 2.059 nomes que terían sido entregados pola propia Lagarde ao ministro de economía grego en 2010.

O xornalista foi liberado inmediatamente, e naquel momento, logo após saír da detención, afirmou que «o procurador tenta protexer os evasores. Eu só cumpro co meu deber. En lugar de deter os evasores e o ministro que ten a lista nas súas mans, tentan deter a liberdade de prensa». O New York Times escribiu na altura un editorial denunciando a persecución ao xornalista grego: «Grecia detén o mensaxeiro». Vaxevanis foi declarado inocente en sentenza ditada o 1 de novembro de 2012.

Caso Novartis

Kostas foi de novo acusado polo seu traballo de xornalista. Nesta ocasión foi citado a comparecer perante o Tribunal Supremo nun proceso en que enfrenta catro cargos baseados no expediente que o acusa de sinalar sen probas 10 políticos (incluído o ex primeiro ministro Antonis Samaras, Yannis Soturnaras e Evangelos Venizelos, entre outros) por recibiren -supostamente- subornos do xigante farmacéutico suízo «Novartis».

O escándalo de Novartis tivo lugar en 2016 cando dous ex altos cargos da multinacional suíza en Atenas se presentaron ante as autoridades dos Estados Unidos e ofreceron información sobre prácticas ilícitas do grupo para promover os seus propios produtos farmacéuticos. Aseguraron que máis de 4.500 médicos recibían recompensas de diversas formas por prescribiren os medicamentos de Novartis, cuxo custo era máis alto que o doutros produtos farmacéuticos similares (así o informou RTVE).

O expediente filtrado polos medios foi analisado pola procuradoría, que considerou que mediante esta estratexia «a compañía quixo non só influír nos prezos do mercado grego senón tamén no mercado europeo, pois a Grecia era un dos 18 países que figuran na cesta de referencia para fixar os prezos».

A investigación da procuradoría chegou á conclusión de que «houbo acordos entre Novartis e os ministros en cuestión -todos eles responsabeis de carteiras como Finanzas, Sanidade ou Fomento- para atrasar ou «obstaculizar» a presenza dos competidores desta compañía no mercado heleno». «Novartis, tamén recibiu un trato preferente no pagamento de pedidos farmacéuticos por parte do sistema de saúde público, xusto nun momento en que a sanidade estaba practicamente na falencia debido á crise económica».

Segundo sinalaba entón a prensa local grega, os posibeis casos de suborno e malversación sinalados, terían prescrito.

Novartis pagou 678 millóns de dólares nos EEUU por «subornar aos médicos»

En xullo de 2020, a compaía Novartis acordou pagar 678 millóns de dólares á Xustiza dos Estados Unidos para fechar un caso en que estaba acusada de levar a cabo «programas de conferencias falsas» en que «subornaba» o gremio médico para que prescribisen os seus fármacos. «Durante máis dunha década Novartis gastou centos de millóns de dólares nos chamados programas de conferencias que incluían comisións por discursos, comidas exhorbitantes e alcol de primeira clase, e que non eran outra cousa que subornos para facer que os médicos por todo o país prescribisen fármacos de Novartis», afirmou o procurador nun comunicado público.

A xustiza estadunidense denunciou que entre 2002 e 2011, Novartis, desde a súa sede en Nova Jersey convocou «decenas de millares» de foros supostamente educacionais que «non servían máis que para subornar» xa que despois «eran eventos sociais celebrados en restaurantes caros, con pouca ou ningunha discusión sobre os fármacos» da empresa. «Dar eses pagamentos e outros agasallos luxosos interfere co deber dos médicos de elixiren o mellor tratamento para os seus pacientes e aumenta o custo dos medicamentos para todo o mundo. Esta oficina seguirá vixiando e perseguindo os subornos, como queira que se disfarzaren en toda a industria farmacéutica», sinalou o procurador.

O xornalista grego: imputado

Desde o Tribunal indicouse ao xornalista que debería desculparse publicamente cos políticos aos que sinalou nas súas pezas de investigación publicadas.

Segundo explicou o propio xornalista nas súas redes sociais, «Mitsotakis continúa a tradición familiar e usa a xustiza como arma contra os opositores».

Polo momento, o proceso contra o xornalista está en fase de investigación. Diferentes organizacións de xornalistas están a mostrar o seu apoio a Kostas, apelando á necesidade urxente de que esta denuncia se faga internacionalmente e solicitan apoios para dar respaldo ao labor do xornalismo e a liberdade de expresión e de prensa.

O  xornal dixital Diario16 púxose en contacto con Kostas, que explicou a situación de enorme risco en que está o dereito á liberdade de expresión en Grecia.

 

 

A noticia en España

En España, RTVE informou sobre o caso: «Dous ex primeiros ministros e oito ministros gregos están supostamente implicados nun escándalo de subornos, desfalco e lavado de diñeiro protagonizado pola multinacional farmacéutica Novarits no período de 2006 a 2015 para promover os seus produtos no mercado heleno.»

«Entre as persoas que figuran no escrito que será entregado esta terza feira ao Parlamento heleno pola Procuradoría Anticorrupción figuran os dous xefes do Goberno que precederon Alexis Txipras, o xurista Panayotis Pijramenos, que en 2012 liderou durante un mes o Goberno entre dúas eleccións e o conservador Andonis Samarás». Engade a peza que «entre outros figuran tamén o actual gobernador do Banco de Grecia e exministro de Finanzas Yannis Sturnaras; o comisario europeo de Migración e exministro de Sanidade Dimitris Avramópulos, así como o exlider do partido socialista Pasok e antigo ministro de Facenda Evángelos Venizelos».

Aparecía tamén na lista o entón «ministro de Mariña Mercante, o ex político de Pasok Panayiotis Kurumblís, quen en 2015, cando Syriza accedeu ao Goberno foi nomeado ministro de Sanidade».

A Federación Panhelénica do Sindicato de Xornalistas critica a acción da xustiza

O Observatorio Internacional para a Liberdade de Prensa denunciou esta mesma mañá a persecución e ameazas que sofre o xornalista, xulgado por realizar o seu traballo de investigación.

Tamén a Xunta Directiva da Federación Panhelénica do Sindicato de Xornalistas (POESY – PFJU) criticou a imposición de cargos a Vaxenavis, que foron, afirman,  “realizados sen ningun procedemento legal previo”.

Diario16