Algo se move aos dous lados do Atlántico en asuntos de medidas gobernamentais sobre a información. Os EUA e a UE non queren cidadáns máis e mellor informados, o seu obxectivo é enfrentar relatos críticos de cidadáns organizados, de países estranxeiros ou de gobernos rebeldes.

 

 

 

Pascual Serrano

O xefe do Departamento de Seguranza Nacional dos Estados Unidos, Alejandro Mayorkas, revelou durante unha audiencia no Congreso, o 27 de abril, que o goberno de Joe Biden porá en andamento a denominada Xunta de Goberno da Desinformación. Ante a pregunta dun congresista afirmou: “Acabamos de establecer unha xunta de goberno de desinformación no Departamento de Seguranza Nacional para combater de maneira máis efectiva esta ameaza, non só para a seguranza electoral senón tamén para a nosa seguranza nacional”, respondeu Mayorkas, e sinalou que a nova xunta tamén se centrará en deter a propagación de desinformación nas comunidades minoritarias.

“A divulgación de desinformación pode afectar á seguranza fronteiriza, a seguranza dos estadunidenses durante os desastres e a confianza pública nas nosas institucións democráticas”, dixo o departamento nun comunicado, sen aceptar o pedido de entrevista de The Associated Press.

Segundo AP, a nova xunta -e aquí está a chave da súa creación- “tamén monitoreará e prepararase para as ameazas de desinformación rusas a medida que se achegan as eleccións intermedias deste ano e o Kremlin continúa cunha agresiva campaña de desinformación relativamente á guerra en Ucraína. Rusia lanzou repetidamente campañas de desinformación dirixidas ás audiencias dos EUA… “Máis recentemente -engade AP-, os medios de comunicación estatais rusos, as contas das redes sociais e os funcionarios utilizaron a Internet para calificaren de falsos fotografías, informes e vídeos de cadáveres e edificios bombardeados na Ucraína”.

Basta observar quen será a directora da Xunta de Gobernanza de Desinformación. Chámase Nina Jankowicz e, aínda que é estadunidense, acaba de ser asesora do Ministerio de Relacións Exteriores de Ucraína sobre comunicacións estratéxicas sob os auspicios dunha bolsa de política pública Fulbright-Clinton, creada polo Departamento de Estado. Anteriormente foi bolseira no Centro Wilson e supervisionou os programas da Rusia e da Bielorrusia no Instituto Nacional Demócrata.

Para ser a nova responsábel da loita contra a desinformación, Jankowicz xa sementou un boato apoiando a idea de que a controvertida historia da computadora portátil do fillo de Joe Ben, -onde aparecía información e vídeos con drogas, negocios obscuros e prostitutas-, formaba parte dunha campaña de desinformación levada a cabo por Rusia. Finalmente, os propios medios que acusaban Rusia, algúns deles de tendencia demócrata, terminaron recoñecendo a veracidade do contido do computador.

ENTRE A DESINFORMACIÓN E A CENSURA ATACAN Á LIBERDADE DE EXPRESIÓN

En tanto nos Estados Unidos é cociñada esta xunta, na Unión Europea prepárase unha Lei de Servizos Dixitais destinada a “regular a desinformación e o comportamento das grandes plataformas tecnolóxicas”, que entrará en vigor en 2024.

Talvez o máis polémico é que a nova lexislación tamén quer poder solicitar ás redes sociais eliminaren directamente o contido que consideren desinformante, e obrigar estas redes a permitiren que sexan tamén os usuarios os que marquen un contido como ilegal, daniño ou desinformante. Quer dicir, que ese apuntamento sexa vinculante, de modo que as plataformas sexan obrigadas a eliminaren este contido. Mais, como sinalaron algúns especialistas a Efe, isto suporá dar licenza a redes sociais e gobernos para censuraren contidos se os consideran daniños, aínda que eses contidos non sexan ilegais, e advertiron que é un ataque á liña de agua da liberdade de expresión na Europa.

O mesmo acontece coa posibilidade que contempla a lei de adoptar “medidas especiais” en tempos de crises (como unha ameaza para a saúde ou para a seguranza). Iso só ten un nome: censura.

Como non coñecemos aínda ningún rascuño desa iniciativa legal, podemos tentar albiscar a súa intención en base á experiencia da actividade institucional da UE relativamente ao manexo da información. Por exemplo, até agora o Parlamento Europeo busca combater as narrativas contrarias ás súas institucións lanzando información positiva sobre elas e apoiando xornalistas e fact-checkers para que verifiquen e desmintan os boatos lanzados polos seus rivais. Nun contorno en que a realidade é cada vez máis cuestionada, os esforzos de Bruxelas céntranse en promocionar os seus valores e reverter o interese de potencias estranxeiras en consolidarse como sistema predominante. Así o recoñece Jesús Carmona, director de medios do Parlamento Europeo. Mais iso non é ningunha garantía de veracidade nin de pluralidade, é simplesmente mobilizarse para tentar que o teu relato se impoña.

CONTROLAR O RELATO DESDE As INSTITUCIÓNS

Outra ferramenta da UE é a denominada Media Intelligence Unite, unha plataforma que monitoriza até 6.000 medios de comunicación para analisar como falan da UE. Os informes que realizan son de consumo interno e serven para asesorar a Comisión Europea (CE), detectar a proliferación de narrativas contrarias e actuar. “Ese rastrexo de noticias permítenos facer correccións e falar da UE en positivo”, explica Paula Fernández Hervás, xefa da unidade. “Caso contrario deixaríamos vía libre a quen só menciona o negativo”. Fala claro, non se trata de ter un cidadán europeo mellor informado, con máis pluralidade e máis capacidade crítica, senón de destinar os recursos públicos da UE a falar en positivo da UE.

En conclusión, todo parece indicar que estas dúas últimas iniciativas dos Estados Unidos e da Unión Europea non están preocupadas por un cidadán máis e mellor informado, nin tampouco por crearen mecanismos de vixilancia da veracidade da información. O seu único obxectivo é tentar enfrentar relatos críticos de cidadáns europeos organizados, de países estranxeiros ou de gobernos europeos rebeldes. Mais a mentira e a desinformación pode estar en todas as posicións políticas, nas que apoian o relato oficial da UE e nas que o critican, nos países líderes das políticas europeas, nas declaracións dun porta-voz da Comisión Europea ou do Departamento de Estado ou nas dun representante das potencias competidoras da UE e os EUA por mercados ou recursos. E, por suposto, poden estar nas redes sociais e nun medio de comunicación estranxeiro, mais tamén nun medio maioritario e “prestixioso” occidental, e até no gabinete de prensa dun gobernante europeo ou estadunidense.

Se as medidas legais que se están a xestar e os departamentos que se crean só pensan na mentira foránea e na do crítico é que só traman censura e propaganda.

Pascual Serrano