Estase producindo unha grave viraxe cara ao naufraxio. Xa non íamos moi ben, pero agora imos directamente ao caos. Existen acontecementos que impiden construír e poñen á defensiva, desde a sospeita. Non atinan a dar coa solución dos males que aquí nos trouxeron, desde este sistema caduco e enfermizo que se arroga en favores, amiguismos, corruptelas e demais sombras daquel caciquismos endémico que xa levaba séculos asombrándonos. Agora chámanlle “medidas cautelares”, e aí cabe todo, pois serven para obviar a lei e o dereito de “presunción de inocencia”.

 

AN prorroga outros 18 meses o proceso contra 9 militantes ...

 

Non só falo con respecto ao virus, que nos ameaza, que nos confina, que pon muros de disciplina social e que, ao mesmo tempo, deixa ao descuberto a inexistencia da asistencia social que temos. Porque moita foi a fachenda da mellor medicina do mundo, en tempos puido ser, deica esbandallar  o sistema e reducir orzamentos e medios. A cousa vai máis alá, falo de moitísimas resolucións que se foron tomando e empregando a xustiza como escudo, para parchear de calquera maneira e silenciar o furto, para facer que se facía algo, para contentar maiorías e acadar votos, para o dispendio a irregular forma de aplicar as leis a gusto do que reprimía a verdade. Nunca se buscaron solucións. Solucións como a da busca das causas, a busca do delito –se é que o hai, a busca da certeza. De tal xeito crearon unha enorme e brutal desigualdade, na que respiramos un certo tufo de abandono, agresión e unhas emisións importantes de contaminada reprobación, en forma de represión e escarmento. Que de nada serviron porque a desfeita foi a realidade que vemos, unha desigualdade que se acentúa cara á deshumanización e á xustiza non equitativa, ou a lo menos desequilibrada na que non podemos sentirnos amparados. Esa é outra pandemia, a que viñamos padecendo xa por mor de funestos gobernantes e funestas solucións aos problemas de cada día, sexan educativos, sanitarios, sociais de todo tipo e tamén das discriminacións subxectivas que campan e activan as fracturas. Porque da fame, sabemos cal é a solución, cal é a vacina, anque seguen a morren diariamente miles de persoas. A enfermidade é insolidariedade.

O problema xorde agora, pasado o tempo, os problemas adquiren outras dimensións máis agudas e que son extremadamente delicadas, son os virus das memorias malas, dos prexuízos, das dúbidas que golpean a comunidades amansadas, onde non funcionan os servizos públicos como deberan, con diminuídas capacidades de defensa dos dereitos que deberan asistirnos. Onde a fraxilidade dos máis abandonados, destrúe aínda máis aos esquecidos. E chegamos ao caso.

Estou a falar si, do caso “Jaro”, dos presos e presas políticas galegas que nos están botando en cara. Non teñen delitos de sangue, non hai probas dos cargos que lles imputan -en informes moi subxectivos de quen os emitiu- e aínda así en prisión preventiva. Por se fixeron mal. Para que aprendan. Escarmento. Algo tan sinxelo, e alá van os dereitos humanos! Tamén os nosos, os de cada quen. Volven castigar ao independentismo galego a ver se aprenden os cataláns e vascos. Hai que deixar claro que non se nos pode ocorrer pensar, e menos pensar esas ousadías ou ter ideas para reconducir o dano histórico cometido. Eu penso que é momento de que todas as persoas que se sintan de esquerdas, nacionalistas, ou simplemente demócratas debemos manifestar a nosa protesta por este novo atentado xurídico-policial que, ademais, senta un precedente moi perigoso e atenta conta o dereito dos pobos. Así a Audiencia Nacional pon en perigo a liberdade de doce persoas, sentando nun banco a un partido político e a unha organización anti-represiva e de solidariedade legalizadas, no seu momento, e coas normas aínda hoxe vixentes. Ata aquí chega a satanización da organización política Causa Galiza e do organismo anti-represivo Ceivar. Ambos poderían ser tipificados como ”organizacións criminosas” e iso queda tan lonxe da realidade, que provoca o escándalo e a profunda vergoña dos que aman a Galiza. De onde sacarían estas cousas! Mais o peor é que xulgarán a cidadás galegas polo seu envolvemento na intervención política e social, pública e “pacífica” de Galiza. Será entre o 19 e o 22 de outubro. Alá van tamén as nosas liberdades, os nosos dereitos, aqueles soños de utópica democracia que, polo visto, non madura porque non a queren deixar madurecer. Abusando de que aos pobres é doado denigralos. Seguimos, quizais, nesa rutina de facer culpables a certos colectivos que se poden incendiar con acusacións e mentiras. E así meten leña ao lume e pagarán os que sempre pagan, para que nada cambie.  Mentres os Urdangarín, Ratos, e un sen fin de nomes que non deixarían sitio nin lugar para expresarse, rin nas azoteas ata escachar. Non é serio! Ese virus, tan decadente na xustiza, non é serio!    

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.