Hala Alwali é especialista palestina en violencia de xénero e dereitos das mulleres. Na actualidade coordena os proxectos que Alianza pola Solidariedade ten neste territorio. Nestes días visitou o Reino de España para explicar e denunciar a situación que vive a poboación na Palestina, especialmente na Faixa de Gaza. A recente prohibición por parte de Israel de diversas organizacións humanitarias e a condena da cooperante española Juana Ruiz, é un exemplo máis, afirma, da estratexia israelita para castigar a poboación da Palestina. “Todas as organizacións humanitarias que traballan na Palestina están en risco de discriminación ou dunha persecución” por parte de Israel. “Prohibir o seu traballo arguindo que son organizacións terroristas será un desastre para as persoas na Palestina e especialmente en Gaza, porque a día de hoxe dependemos destas organizacións para vivir e para termos servizos básicos”, explica nesta entrevista. E denuncia que todo isto ocorre ante a pasividade da comunidade internacional, que non pede contas a Israel sobre as violacións aos dereitos do pobo palestino.

 

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

Entendo que saír de Gaza non é tarefa sinxela. No seu caso, sendo unha activista dos dereitos das mulleres, tivo máis problemas?

Para o min, como ocorre con practicamente toda a poboación de Gaza, non é sinxelo saír. Tiven de pedir centos de autorizacións e agardar moito tempo. Talvez esta é ao única e última oportunidade que teño de saír de Gaza, así que aproveitarei os vistos de tres meses que conseguín para ter algo de diversión en España e ver amigos que non vexp desde hai máis de 10 anos.

Non estivera no Reino de España antes e gústame porque é moi aberto. Podo falar, respirar ar limpo e beber auga potábel. Tamén teño electricidade as 24 horas de día, que é algo que non temos en Gaza. Alí temos só catro horas de electricidade ao longo do día e, infelizmente, nunca sabemos que catro horas serán. Tes sorte se son continuadas, porque o normal é que a electricidade veña e se vaia e así todo o día. Por veces teño que levantarme ás dúas ou o tres da madrugada para poder facer as cousas da casa, lavar a roupa, pasar o ferro a roupa das crianzas, pór o aquecemento… Cousas que non podemos facer durante o día se non temos electricidade.

Temos algúns alternadores para producirmos electricidade, o que nos dá algunha flexibilidade, mais só serven para cousas pequenas, como acender a luz e funcionan con gasolina, un combustíbel caro e difícil de conseguir.

E os hospitais como funcionan?

Isto é un grande desafío reto os hospitais. Porque teñen que ter xeradores as 24 horas e é moi custoso, porque non é fácil entrar o combustíbel en Gaza debido a asedio e encerramento que sufrimos por parte de Israel. Temos problemas para importar este material e os equipamentos para producir electricidade en Gaza, e cando os temos, todo os fondos se gastan en comprar a gasolina e materiais para producir electricidade. Isto complica moito o noso traballo, porque no programa que desenvolvo con Alianza para a Solidariedade dedicámonos, nomeadamente, a dar servizo ás mulleres vítimas de violencia de xénero através dun servizo multidisciplinar. E o punto de entrada destas vítimas faise através dun centro de saúde.

Hai unha alta restrición sobre os bens que se poden importar a Gaza, porque Israel sempre argumenta que poden ser usados por Hamás para atacar Israel. Así que temos unha longa lista de bens que non se poden entrar no territorio.

Vostede traballa nun centro médico que dá servizo a mulleres vítimas de violencia de xénero. Como funciona este servizo? Os homes deixan ás mulleres acudir a el?

Temos algo chamado one stop center. Facemos este servizo adaptado á nosa cultura e ás nosas tradicións e costumes e tendo en conta as necesidades das mulleres. Elas necesitan recibir servizos por violencia de xénero, porque nunha enorme percentaxe son vítimas desta violencia. A maioría das mulleres en Gaza son vítimas.

Na nosa cultura patriarcal e de control, non é permitido ás mulleres saíren de casa a non ser que traballen ou teñan algo moi concreto que facer. O único lugar a que lles é permitido saír é a unha clínica, a un servizo sanitario.

Por iso, o que facemos no centro é usar a saúde como un punto de entrada. No mesmo edificio temos un centro de saúde e un centro comunitario onde damos, así mesmo, outros servizos para as mulleres. Así que para a cidadanía e a comunidade as mulleres veñen a un servizo de saúde. Mais o persoal médico está treinado para detectar esta violencia e derivar a muller a outros servizos que poida necesitar. Temos persoal chamado case manager [xestores de casos], que son principalmente psicólogos, escoitan a muller e derívana aos servizos que precisa dentro do propio edificio. Este servizo dáse con confidencialidade, para as protexer e prevenir o estigma que poida ter por vítima de violencia de xénero.

Tamén facemos algo que é único e que achega valor. Establecemos espazos seguros, lugares só para elas onde falan, rin, falan dos seus problemas xuntas, fan manualidades e ensínanse as unhas ás outras. Por unha banda é unha forma de liberar a tensión e por outro a moitas sérvelles para aprender habilidades coas que poderen ingresar algún diñeiro. Tamén veñen carregar o teléfono, porque non hai electricidade en casa.

 

Hala Alwali

 

 

A última gran ofensiva de Israel en Gaza en maio coincidiu co confinamento pola pandemia. En moitos países do mundo á violencia de xénero aumentou durante o confinamento. Como o viviron as mulleres en Gaza?

Desde que hai 14 anos sufrimos o asedio e a ocupación, as mulleres pagamos sempre o prezo máis alto. Somos as que teñen que controlar todo o que ten que ver coa casa, o traballo de reprodución, as crianzas, o marido… Durante a ofensiva de maio isto foi moito peor. O confinamento pola pandemia obrigou as familias a encerrarse xuntas as 24 horas e en Palestina, especialmente en Gaza, vivimos en familias moi extensas e en casas moi pequenas. Podes achar 15 ou 20 persoas na mesma casa. As crianzas tiñan que estudar en casa de forma remota. Se traballabas, tamén tiñas que facelo online. E tendo en conta que só contamos con 4 horas de electricidade ao día, a vida complicouse moito. Nas familias pode haber sete ou oito crianzas en idade escolar e nas casas, con sorte, pode haber un teléfono ou un computador, polo que todo o tempo se viviu unha situación de grande tensión que recaeu principalmente sobre os ombros das mulleres, porque son as que están obrigadas a coidar toda a familia. Mesmo a tensión que sufrían os homes no confinamento, acababan pagándoo as mulleres.

A violencia de xénero é un círculo fechado. O home ten tensión psicolóxica porque perdeu o traballo e non ten diñeiro e de repente encóntrase encerrado coas crianzas, algo ao que non están afeitos. Ás veces, durante a pandemia, as mulleres faciamos piadas sobre iso, comentando que os homes descubriron que tiñan fillos e familia. E nestas circunstancias o patriarcado actúa con máis contundencia cara a elas. Os homes, moi controladores, non entendían, por exemplo, que as fillas que estudaban na universidade estivesen coladas a un teléfono todo o tempo que podían para seguiren as clases. Pensaban que poderían estar nas redes sociais ou falando con algún home, e o control ás mulleres creceu de forma exponencial. A situación foi moi dura.

Vostede veu a denunciar a situación na que vive a poboación en Gaza, especialmente as mulleres. Hai unhas semanas Israel prohibiu seis organizacións humanitarias que operaban en Gaza e unha cooperante española, Juana Ruiz, foi condenada por traballar nunha destas supostas “organizacións terroristas”, como as cualificou Israel. Cal é a situación das organizacións da sociedade civil que apoia á poboación palestina?

Estas organizacións que o Estado de Israel prohibiu, son organizacións locais, con persoal local que traballan en temas de dereitos humanos e dereitos das mulleres sob o mandato da lei humanitaria internacional. O anuncio israelita de que se trata de organizacións terroristas é un crime. Porque estas organizacións fan o seu traballo sobre o terreo, paliando e documentando a discriminación que a ocupación israelita practica fai cos palestinos. É fácil ver que non se trata de grupos terroristas. Alén diso, é ilegal prohibir estar organizacións que seguen as leis humanitarias e que dan servizo á poboación.

Teme que a súa organización poda estar en risco de ser prohibida por Israel?

Non só nós, senón todas as organizacións que traballan na Palestina están en risco de discriminación ou dunha persecución como a que se produciu coas seis que foron prohibidas, ou de sufriren ataques como o que sufriu a cooperante española.

E como afecta isto á poboación de Gaza?

Se se prohiben e perseguen as organizacións ficariamos sen apoio, sen ningunha forma de levar adiante as nosas vidas. As organizacións humanitarias e as que traballan cos dereitos das mulleres son as principais fontes de servizos que temos. Prohibir o seu traballo arguindo que son organizacións terroristas será un desastre para as persoas na Palestina e especialmente en Gaza, porque a día de hoxe dependemos destas organizacións para vivirmos e termos servizos básicos.

En todo o mundo se entende que o Goberno, o Estado, é o principal procurador de bens e servizos á poboación, e despois hai unha serie de organizacións da sociedade civil que apoian ou asisten ese labor, como ocorre en España. Mais no noso caso é ao contrario. Porque o Goberno non ten fondos. Somos un país moi pobre que non temos forma de xerar ingresos. Así que estas organizacións sociais son as principais, e na maioría de ocasións as únicas, fornecedoras de servizos para a poboación palestina porque o Goberno non ten recursos.

Mais a Israel ninguén pede responsabilidades polo que fai contra os palestinos. Isto tamén ten a ver coas agresións contra Gaza. Cada vez que temos un ataque non sabemos se será o último ou non. Vivimos o día a día, agardando a ver que quere facer Israel contra nós. Ao longo da última década sufrimos catro grandes agresións de Israel. A última en maio deste ano que foi a máis longa. Durou uns 11 días. E tamén foi a máis cruel, porque non había ningún obxectivo. Bombardeaban todo. Todos éramos o seu obxectivo: poboación civil, edificios, rúas, árbores, mesmo escolas e hospitais.

Vostede veu a España a denunciar a situación de Palestina ante organizacións e institucións españolas. Como foi a acollida?

As persoas e organizacións españolas son as que mostran máis solidariedade co pobo palestino. Temos doantes españois que nos permiten realizar algúns proxectos e programas. Eu traballo para Alianza pola Solidariedade en Gaza. Vin presentar o que facemos e cales son as nosas necesidades no futuro. Reuninme con diferentes doantes e todos foron de moito apoio. Falamos frente a grupos de solidariedade e universitarios.

Queremos que o mundo coñeza a realidade palestina e sobre a ocupación e a discriminación que este encerramento provoca. Necesitamos apoios internacionais, porque non podemos facelo todo sós. Porque non temos os recursos, o coñecemento nin as habilidades para facelo.

Creo que estas palestras son importantes. E digo que non podemos facer toda a denuncia nós sós porque temos medo das represalias por parte dos ocupantes. Como é o caso das seis organizacións prohibidas por Israel recentemente. Se comezas a falar dos crimes que Israel perpetra contra os palestinos, probabelmente te enfrentarás a problemas. Eu, que alzo a voz contra a ocupación e denuncio o que acontece na Palestina, talvez non volte a ter unha autorización para saír por un check point ou para saír de Gaza. Ou se teño un problema médico, talvez non me deixen poder recibir tratamento fóra de Gaza, porque mo impedirían. E isto acontece a moita xente.

Teme ter problemas para voltar a entrar a Gaza?

Espero que non. Mais necesitamos xente que levante a voz e a faga máis forte. Cando outros te apoian e falan dos problemas que enfrentamos, algunhas veces ten máis forza e máis valor engadido. Vir a España foi moi frutífero. Tamén trocamos experiencias con outras mulleres. E é incríbel. Por que as mulleres somos iguais en todos os lados. Aínda que o contexto é diferente e a situación que vivimos é tamén diferente, ao final achas moitas cousas comúns que nos unen e das que podemos falar. En Barcelona estiven nun centro de refuxiados. Na Palestina son diferentes porque non temos xente migrante, mais puidemos partillar experiencias de como protexermos as mulleres nestes contornes e isto é o mesmo.

Público