A Audiencia de Madrid condena un axente que en 2013 denunciou falsamente que detivera en pose de cocaína un home que era o seu veciño e co que tiña malas relacións O Supremo lembra que non hai simulación de delito se o atestado policial non chega ao xulgado.

 

Imagen de la comisaría de Policía Nacional ubicada en la calle LeganitosImaxe da comisaría de Policía Nacional situada na rúa Leganitos Google

Alberto Pozas

Un axente de Policía Nacional de Madrid foi condenado a tres anos de prisión por denunciar en falso un veciño co que tiña malas relacións. Acusouno de ter portar unha bolsa de cocaína. A Audiencia Provincial explica que o seu obxectivo era prexudicar o veciño e que, para iso, non só elaborou unha denuncia falsa: tamén falsificou a asinatura da súa compañeira de patrulla e tramitou a documentación para que esa inventada pose de drogas figurase na súa ficha policial, podendo prexudicalo como traballador do sector da seguranza privada.

A sentenza, que xa foi recorrida polo policía perante o Tribunal Superior de Xustiza, destaca que o policía e a súa vítima eran veciños na localidade madrilena de Parla e mantiñan moi mala relación desde hai anos, con denuncias cruzadas por lesións e acusacións de provocar danos e desfeitas no edificio, entre outras cousas. Foi en 2015 cando se denunciaron mutuamente por supostas agresións e cando a Policía informou ao denunciante que tiña antecedentes por ter sido detido en Madrid cunha bolsa de cocaína dous anos antes.

Segundo a acta de denuncia, o seu veciño policía detivérao en 2013 xunto con outra axente na rúa Valverde de Madrid en pose dunha bolsita de cocaína, perto da comisaría de Leganitos onde traballaba o acusado. A acusación, segundo denunciou a vítima desde o principio, era falsa e el nunca fora detido por pose de cocaína, e moito menos polo seu veciño. Tampouco fora multado nin imputado por ese asunto, decatouse dous días despois. Mais podía ter máis consecuencias: dedicábase á seguranza privada e ter unha sanción por pose de drogas podía prexudicalo.

O afectado denunciou o seu veciño policía, convencido de que esa denuncia falsa fora cousa súa, mais o xulgado instrutor arquivou o caso catro veces até que foi enviado a xulgamento na Audiencia Provincial de Madrid coa petición de catro anos de cárcere para o axente acusado. Finalmente o tribunal considerouno culpábel dun delito de falsidade documental e condenouno a tres anos de prisión, alén dunha multa de 2.700 euros e unha indemnización para o afectado.

O policía nacional, que recorreu a sentenza, sempre defendeu ao longo do proceso que a denuncia non é falsa e que el e a súa compañeira de patrulla detiveron efectivamente o seu veciño nas inmediacións da Gran Vía madrileña en 2013 cando levaba unha bolsa con cocaína. Mais tropezou con dous problemas que alicerzaron a súa condena: o seu veciño negábao e a axente que supostamente o acompañaba nesa intervención tamén o negaba. Mesmo, detallan os xuíces, a asinatura da súa compañeira de patrulla que aparece na denuncia é igual de falsa que os feitos que relata.

A condena inclúe, alén da pena de cárcere, dous anos de inhabilitación para exercer como axente de Policía Nacional. Caso a condena for declarada firme no futuro tamén podería supor unha sanción por parte da Dirección Xeral da Policía: ser condenado en firme por un delito doloso relacionado co servizo, como é este caso, é considerado unha falta moi grave. Este tipo de faltas, segundo o Réxime Disciplinar do Corpo Nacional de Policía, poden acarretar mesmo a separación definitiva do servizo.

Sancións de até 30.000 euros

Os feitos probados relatan que o policía condenado decidiu elaborar a acta de denuncia falsa para prexudicar o seu veciño pola relación veciñal conflitiva que mantiñan desde había anos. Esa denuncia elaborada polo condenado, mesmo, chegou a ser presentada na comisaría de Leganitos para que a suposta sustancia pasase pola Dirección Xeral de Farmacia e os feitos ficasen en mans da Delegación do Goberno de Madrid para unha posíbel sanción en base á Lei de Seguranza Cidadá.

A denuncia foi tramitada con numerosas irregularidades, di a Audiencia Provincial de Madrid, mais por razóns descoñecidas nunca chegou a eses dous organismos aínda que os datos da denuncia foron incorporados ás bases policiais e portanto a vítima nunca se expuxo a unha sanción. A Lei de Seguranza Cidadá considera unha infracción grave ter sustancias estupefacientes na vía pública, como reflectía a denuncia falsa elaborada polo policía condenado, con sancións aparelladas que van dos 601 aos 30.000 euros.

O seu obxectivo era prexudicalo aínda que finalmente a existencia deses antecedentes policiais pasou desapercibida até seren descubertos durante un conflito posterior dous anos despois. Os xuíces apuntan a tres probas principais para condenalo: a declaración da vítima, a da policía que nega ter estado alí e ter asinado a denuncia e, finalmente, os datos que o condenado reflectiu no documento. Puxo o enderezo en que o seu veciño vivía en Parla cando ese non era o que figuraba no seu Documento Nacional de Identidade (DNI).

O tribunal tamén destaca que o xulgado arquivou o caso catro veces até finalmente se abrir xulgamento oral que terminou en condena. Só a súa persistencia en defender a tese da falsidade do contido da acta denuncia fixo posíbel un proceso que tropezara previamente con catro decisións de arquivamento adoptadas na fase de instrució, destacan os xuíces sobre a tramitación deste caso.

elDiario.es