As autoridades israelitas están a cometer crimes de apartheid e persecución, declarou a Human Rights Watch nun relatorio presentado esta terza feira en que examina as políticas de Israel en relación aos palestinos e palestinas.
O relatorio considera que a realidade actual é que hai unha única autoridade, o Goberno israelita, que ten poder nunha área entre o río Xordán e o Mar Mediterráneo, poboada por dous grupos máis ou menos iguais, e que privilexia metodológicamente os israelís xudeus ao mesmo tempo que reprime os palestinos, con maior severidade no territorio ocupado.
A avaliación da organización de dereitos humanos com base en Nova Iorque segue así a declaración da israelita B’Tselem, que xa usara esta cualificación en xaneiro
A conclusión baséase na política xeral do goberno israelita de manter o dominio dos israelitas xudeus sobre os palestinos e nos graves abusos cometidos contra os palestinos que viven nos territorios ocupados, incluídos Xerusalén Leste.
O relatorio de 213 páxinas, “Un limiar cruzado: As autoridades israelitas e os crimes do apartheid e a persecución”, examina o trato de Israel aos palestinos.
“Voces prominentes advertiron durante anos que o apartheid axexa ao virar a esquina se a traxectoria do Goberno de Israel sobre os palestinos non muda”, dixo Kenneth Roth, director executivo do Human Rights Watch. “Este estudo detallado mostra que as autoridades israelitas xa dobraron esa esquina e hoxe están a cometer os crimes contra a humanidade do apartheid e a persecución”.
A constatación do apartheid e a persecución non muda o status legal do territorio ocupado, formado pola Cisxordania, incluído Xerusalén Leste, e a Faixa de Gaza, nin a realidade fáctica da ocupación.
Acuñado orixinalmente en relación con Sudáfrica, o apartheid é hoxe un termo xurídico universal. A prohibición da discriminación e opresión institucional especialmente grave ou apartheid constitúe un principio básico do dereito internacional.
A Convención Internacional sobre a Represión e o Castigo do Crime de Apartheid de 1973 e o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional (CPI) de 1998 definen o apartheid como un crime contra a humanidade que consta de tres elementos principais: Unha intención de manter a dominación dun grupo racial sobre outro, un contexto de opresión sistemática do grupo dominante sobre o grupo marxinado e actos inhumanos.