Patrullas da Policía española con axentes equipados con material anti-disturbios, unha dotación da Policía Local e varios axentes á paisana controlaron onte (19/02/2019) o exterior do local de Afundación en Ourense onde falaba o secretario xeral de Vox. O control policial incluía bloqueo das entradas da praza, retención, identificación e revista de determinadas persoas e as súas pertences, limitación da liberdade ambulatoria, etc.
Resultado de imagem para afundacion ourense

 

Para as 18:00 horas fora convocada através das redes sociais unha concentración na Av. de Pontevedra en protesto polo acto que ía celebrar Vox na sede de Afundación en Ourense. Mais xa antes o forte dispositivo policial que custodiaba o acto era ben visíbel: axentes non uniformados, da policía local e do CNP, estes con equipamento anti-disturbios; cordóns policiais nas entradas da avenida de Pontevedra e prohibición aos transeuntes de se achegaren a unha distancia inferior aos 50 mts. da porta do local.

Unha estratéxia intimidatoria cuxo único obxectivo resultou ser a identificación de persoas que, xa fose pola aparencia, forma de vestir ou idade, deberon resultar sospeitosas aos axentes, pois foron as únicas a quen se pediu documentación e se obrigou a aceptar seren inspeccionadas. Un exemplo elocuente do viés ideolóxico desta estratexia é o dunha moza que, cando se aproximaba do lugar marcado para a concentración, foi interpelada por un axente que quería saber aonde se dirixía. Cando a moza indicou que, embora non estivese obrigada a contestar, non ocultaba que ía a rúa do Progreso, foi escoltada até o seu -suposto- destino por dous axentes. A moza levaba á vista unha cracha coa estreleira.

Tamén na tarde do dia anterior (18/02/2019) un coche patrulla da Policía española escoltou o posto instalado na rúa do Paseo polo mesmo partido, sen que neste caso existise convocatoria algunha que pudese ser utilizada para xustificar tan aplicado celo da Policía española.