O relatorio ‘A aparencia non é motivo, identificacións policiais por perfil étnico en Catalunya’ analisa o fenómeno das identificacións racistas utilizando datos públicos dos Mossos d’Esquadra e casos comunicados pola cidadanía.

A plataforma ‘Parade de pararme’ reclama ás institucións catalás que tomen medidas para mellorar a efectividade policial, identificar malas prácticas e erradicar a sobreidentificación de persoas inocentes.

 

 

Os resultados do relatorio ‘A aparencia non é motivo, identificacións policiais por perfil étnico en Catalunya’ evidencian unha clara discriminación e desproporcionalidade nas identificacións policiais a persoas racializadas. As identificacións por perfil étnico son unha práctica de todos os corpos de seguranza pública. Consiste en basearse no aspecto físico, etnia ou fenotipo da persoa para seleccionar quen se identifica e quen non.

Algunhas reflexións e datos relevantes que se tiran das diferentes análises son:

A racialización é un factor que inflúe nas probabilidades de unha persoa ser parada pola policía. A policía para máis as persoas racializadas e / ou con nacionalidade estranxeira que as persoas brancas e / ou con nacionalidade española. Segundo datos dos Mossos d’Esquadra de 2017, en Catalunya, un 54,1% do total de identificacións son feitas a persoas estranxeiras, cando estas apenas representan un 13,70% da poboación catalá. Noutras palabras, por cada persoa con nacionalidade española que identifica, a policía para 7,4 persoas de nacionalidade estranxeira.

O fenotipo magrebí / árabe é o que sofre o maior número de identificacións dos corpos policiais. En todos os métodos de análises aplicados sitúanse en primeiro lugar. Representan un 70% das persoas identificadas durante a observación directa, un 57% de todos os casos chegados á web e un 50% das persoas a quen se preguntou na mostra comparativa. No que di respecto aos datos públicos, a nacionalidade marroquina está entre as cinco máis habitualmente obxecto de identificacións en todos os territorios estudados.

Máis dunha vez. Na mostra comparativa, só o 11% das persoas racializadas afirman ter sido identificadas só unha vez durante o último ano, fronte ao 89% que din ter sido identificadas máis de 15 veces no último ano. Dos casos que chegaron através da web, un 73% das persoas declararon que non era a primeira vez que as identificaban.

A sobre-identificación de comunidades estranxeiras non leva unha maior efectividade, ao contrario. Xeralmente, canto máis se identifica unha comunidade, menos se acerta. Un exemplo: no ABP de Badalona (que inclúe tamén o municipio de Sant Adrià do Besòs), a poboación romanesa ten un cociente de indentificación de 39,5, en comparación coa poboación española (que sería 1), que non se traduce nunha maior efectividade, (unha maior detección de posibeis faltas ou delitos) xa que a taxa de acerto é dun 14%, fronte ao 44% de acerto cando son identificadas persoas con nacionalidade española nese territorio.

Máis da metade de identificacións presentan violencia. Só o 49% das persoas a quen se preguntou afirma non ter vivido violencia de ningún tipo no momento da identificación policial, o 22% expresa ter sufrido violencia tanto verbal como física, o 22% afirma ter sido vítima de violencia unicamente verbal, e o 7% restante afirma ter sido vítima de violencia física. As persoas entrevistadas séntense criminalizadas publicamente cada vez que son identificadas, o que provoca tanto consecuencias psicolóxicas como sociolóxicas irreversibeis.

Non recoller datos públicos sobre etnicidade fai imposíbel medir o alcance real da discriminación institucional. Os datos de Mossos analisados no relatorio baséanse na nacionalidade, o que invisibiliza a discriminación que sofren aquelas persoas que teñen nacionalidade española e non son brancas. Ademais, SOS Racisme aproveita para evidenciar que, apesar de seren os corpos que máis identificacións fan en Catalunya, a policía local non recolle adecuadamente os datos sobre identificacións policiais realizadas no espazo público.

Dúas recomendacións ás institucións:

1.- Recoñecer a dimensión real dos controis de identidade por perfil étnico e condenalos publicamente. Proposta concreta: incluír a loita contra o perfil étnico nos programas electorais dos partidos políticos e / ou aprobar mocións nos concellos que inclúan compromisos realizabeis durante o mandato.

2.- Recoller datos de cada actuación de identificación e rexistro que se realice (incluíndo motivo, perfilación étnica e resultado) e publicar regularmente estatísticas sobre a cuestión. Proposta concreta: establecer un formulario dixitalizado de identificación e rexistro, onde o axente deba argumentar o motivo da parada, facer constar o perfil étnico / racial da persoa identificada e o resultado da operación. Isto permitiría ter máis datos sobre o labor que desenvolve cada axente e daría á persoa identificada a posibilidade de acumular probas destas situacións.

O vídeo da campaña, producido por Metromuster, quere concienciar sobre o feito de que as accións contra a discriminación baseada no perfil étnico non só deben centrarse nas actitudes racistas dalgúns axentes, senón que debe transformar todo o sistema policial:

 

 

SOS Racisme