A produtora independente artífice do documentario Ciutat Morta inicia o proceso de presentación do seu novo traballo coa publicación na Directa do traíler deste filme que interpela a consciencia das espectadoras a partir da historia de Idrissa Diallo, xoven de 21 anos morto no CIE de Barcelona na Noite de Reis do ano 2012.

Unha barcaza atravesando un río africano caudaloso. Así comeza o tráiler de Idrissa, crònica d’una mort qualsevol  e é como podería ter comezado o proceso migratorio de Idrissa Diallo, un xoven guineense que -como tantos outros- decidiu emprender unha viaxe a Europa que nunca poderá xa refacer polo seu propio pé.

A nova longametraxe de non-ficción da cooperativa audiovisual Metromuster chega aos cinemas da man de Xavier Artigas e Xapo Ortega, directores do exitoso documentario Ciutat Morta, que conmoveu a actualidade política catalá e recolleu máis dunha ducia de galardóns en festivais internacionais mostrando os claroescuros do chamado caso 4F.

Nesta ocasión, a produtora contou coa experiencia da compañía Polar Star Films, o apoio de Tanquem els CIE, o centro para a defensa dos dereitos humanos Irídia e a Directa, e a colaboración de Televisión de Catalunya e do Institut Català d’Empreses Culturals, entre outros, para tornar realidade un desafío que comezou a súa andaina no 2013.

Durante estes cinco anos, o proxecto foi transformándose a medida que a investigación xornalística sobre as circunstancias da morte de Idrissa e as súas pertenzas ía revelando novos datos. Embora o poder xudiciario desestimase o caso e as forzas e corpos de seguranza do Estado bloqueasen o acceso ao expediente policial, a equipa de filmación pudo localizar a familia Diallo e demostrar que as autoridades españolas nunca a informaran da morte de Idrissa -incumprindo as súas obrigacións legais- encanto ordenaban o enterramento do corpo nun nicho anónimo do cemiterio de  Montjuïc.

Contando coa inestimábel colaboración de Yakouba -irmán de Idrissa- e a complicidade de toda a súa aldea natal, finalmente conseguiuse repatriar os seus restos mortais para lles dar sepultura na súa terra de orixe. Todo isto, co impulso da mobilización social, que acompañou todo este proceso motivado pola necesidade de evidenciar e contribuir a fechar parte das feridas causadas polos múltiplos mecanismos coercitivos do sistema europeo de control migratorio.

Construir cinema de reparación

O documentario, que ten unha duración de 94 minutos, foi construído a partir do roteiro escrito por Laia Manresa e alicerza na tradición do cinema político, combinando un estilo de narración directa cos elementos dunha road movie e a estrutura dun thriller. O son xoga un papel esencial e é fruto do labor de Juan Segura, que contou coa colaboración do dúo Filastine -formado polo compositor Grey Filastine e a vocalista Nova Ruth- creadores da banda sonora. A ficha técnica complétase coa participación de Pablo Gil na montaxe, Lucía Venero na dirección de fotografía, e Marieke van den Bersselaar e Carles Brugueras acompañando a parella de directores na producción.

 

A estrea oficial será no 12 de novembro no Festival de Cinema Europeo de Sevilla, onde entrará en concurso na sección oficial, o que non deixa de ser unha anomalía nun certame de cinema de ficción como este

 

A estrea oficial será no 12 de novembro no Festival de Cinema Europeo de Sevilla, onde entrará en concurso na sección oficial, o que non deixa de ser unha anomalía nun certame de cinema de ficción como este. Segundo Xavier Artigas iso demostra que as organizadoras fixeron ‘unha aposta para darlle a mesma categorái que o resto de producións’. Tres días despois, os Cinemes Aribau acollerán, no 15 de novembro, unha proxección para as persoas que participaron o micromecenado para financiar a repatriación do corpo de Idrissa, no que será o preámbulo dun calendario cheo de citas que serán dadas a coñecer proximamente.

Artigas conclúe asegurando que esta é ‘unha aposta cinematográfica que permite pasar do cinema de denuncia ao que queremos chamar cinema de reparación, aquel que toma partido e se quer responsábel’. No fin de contas, como eles mesmos aseguran, Idrissa, crónica dunha morte calquera é un ‘exercicio de memoria. O máis perto que pudemos chegar para facer xustiza á enésima vítima do racismo institucional europeo’. Apagadas as luces e as cámaras, a acción continúa.

David Bou | @dvdbou

Directa