A comisaria Sagrario de León declara en Instrución 6 de Las Palmas de Gran Canaria por unha suposta omisión do deber de perseguir delitos. Os feitos datan de 2012 e o caso denunciado por traballadoras de clubes de alterne foi arquivado ao non apareceren as testemuñas, mais a Policía non abriu investigación ao inspector, Alexis González.

 

A comisaria provincial da Policía Nacional en Las Palmas, Sagrario de León, foi citada a declarar en calidade de investigada polo xuíz de Instrución 6 de Las Palmas de Gran Canaria, Luís Francisco Galván, pola suposta omisión do deber de perseguir delitos, ao non abrir a xefa policial investigación algunha contra un inspector acusado de supostos acosos sexuais a mulleres migrantes estranxeiras que vivían en situación administrativa irregular en Fuerteventura.

Os feitos datan de 2012, cando un inspector a cargo da Brigada Local de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Puerto del Rosario foi denunciado ante a Fiscalía por alegadamente requerer favores sexuais a traballadoras estranxeiras de clubes nocturnos, en troca de regularizar a súa situación persoal no Reino de España.

O caso do inspector foi arquivado nos xulgados ao non apareceren en sede xudicial as testemuñas e vítimas deses supostos favores sexuais que debían pagar, mais continuou o seu percurso interno na Xefatura Superior de Policía de Canarias, ao presentarse denuncia contra esa posíbel actuación delituosa do policía.

Despois de seis anos, é agora cando o Xulgado de Instrución 6 de LPGC chama a declarar a comisaria como investigada. En 2014 arquivou unha primeira denuncia contra a xefa, recorrida polo sindicato Confederación Española de Policía, e após ser reaberta, remitida aos xulgados de Puerto del Rosario, que a derivaron outra vez a Instrución 6 de Las Palmas de Gran Canaria, onde está prevista a declaración da comisaria provincial.

Segundo puido saber Canarias Ahora, ao longo de todo o proceso a comisaria sostivo que o inspector non cometeu delito algún contra as prostitutas, e portanto non había motivo para sancións disciplinares.

Mais dos feitos denunciados no seu día contra a comisaria decorre que ela nunca abriu sequera unha información reservada, apesar de ser informada tanto polo sindicato como polo que nesa época era comisario en Fuerteventura, deses supostos feitos delituosos. Ese comisario, agora xefe superior de Policía de Andalucía Occidental, tamén debe declarar por videoconferencia desde Granada.

A comisaria provincial xa foi chamada a declarar o mes pasado por este mesmo asunto e no mesmo xulgado, mais a cita adiada ao reclamar a funcionaria a asistencia letrada da Avogacía do Estado.

Fonte: El Diario