Mabel Deu, vice-presidenta primeira e conselleira de Presidencia e Relacións Institucionais de Ceuta polo Partido Popular, e Salvadora Mateos, delegada do Goberno estatal, foron chamadas a declarar onte en calidade de imputadas polo Xulgado de Instrución 2 da cidade autónoma, após ter constatado a súa participación nun suposto delito de prevaricación continuada pola expulsión ilegal a Marrocos de 55 crianzas non acompañadas.

 

Las ONG ven ilegal la repatriación masiva de menores y denuncian deportaciones forzosas

 

Estas deportacións, en que colaborou o Ministerio do Interior dirixido por Fernando Grande-Marlaska, producíronse meses despois de moitos menores accederen a Ceuta após Marrocos ter facilitado a súa saída en represalia, ao que parece, o líder da República Árabe Saharauí Democrática, Brahim Gali ter recibido atención hospitalaria no estado español. As deportacións foron finalmente paralisadas polos tribunais.

En febreiro, o Xulgado do contencioso administrativo 1º de Ceuta ordenaba non continuar co operativo e culpaba a Administración de “omitir todos” os trámites que exixe este procedemento. A actuación ilegal -en que tamén participou Marrocos- puxo en risco os menores e a súa “integridade física e moral”, permitindo que fosen expulsados aínda caendo en “situacións de abandono ou desamparo”. Froito desta sentenza, a Fiscalía denunciou en xuño por vía penal Mateos e Deu para exixir que asuman a súa responsabilidade por un operativo que violou todas as disposicións legais ao respecto.

Deu anunciou, despois de ser chamada a declarar, que transferirá a Área de Menores, que estaba sob o seu control, á Consellaría de Servizos Sociais, para “evitar un posíbel conflito de intereses”. Ao mesmo tempo, o presidente ceutí, Juan Vivas, reiterou que apoia “absolutamente” a xestión da vice-presidenta para “responder á emerxencia humanitaria”.

Nós Diario