Sorprendeuno a denuncia, despois de ter denunciado malos tratos en prisión en TV3?
—Hai agora un ano presentamos o relatorio do traballo do Observatori, e foi cando me convidaron ao “Tot es mou“, xuntamente coa irmá dunha presa que morrera en réxime de isolamento nun cárcere da Catalunya. Cando me preguntaron sobre a existencia de posíbeis malos tratos nas cadeas, dixen que tiña constancia documentada de casos, que hai sentenzas condenatorias e relatorios de organismos internacionais, españois e cataláns que documentan algúns casos. Preguntáronme tamén quen podería cometer delito de tortura ou malos tratos e dixen, con intención puramente didáctica, que, por definición legal, un particular non pode cometer un delito de tortura ou malos tratos, senón que só pode facelo unha persoa que teña a condición de funcionario público. Portanto, se falamos dos cárceres, só poden cometer este delito funcionarios de prisións. Se iso foi interpretado como un ataque á honorabilidade do corpo de funcionarios da Catalunya é, evidentemente, un erro, porque eu non fixen ningún tipo de inculpación. De feito, o Observatori fixo un comunicado esclarecendo este punto.

Non quer dicir que todos os funcionarios de prisón torturen, senón que, pola naturreza do delito, quen pode torturar son unicamente os funcionarios.
—Exactamente. Hai presos que nos relatan supostas situacións de malos tratos. A nosa obrigación é pór ao dispor das autoridades estes relatos sen ningún preconcepto, para que fagan a investigación que consideren necesaria. Este ataque que recibimos agora ven culminar, en realidade, unha historia de quince anos de insultos, asedio e menosprezo constante contra min, con descalificacións en páxinas web de centrais sindicais ou medios de comunicación. É consecuencia do feito de que no ano 2004 denunciamos o caso de malos tratos de Quatre Camins, en que resultaron feridos graves moitos internos despois dun motín. É o caso famoso das prisóns cataláns, que acabaron con sentenza condenatoria contra funcionarios prisionais de Catalunya e un sub-director médico daquela cadea. Condenáronos por delitos continuados de malos tratos, non de tortura, apesar de o fiscal os ter acusado de tortura. Esta sentenza significou un auténtico escándalo na vida prisional catalá, onde sempre me sinalaron, a min e ao Observatori, como denunciantes. Puidemos comprobar de primeira man o estado en que deixaran os presos espancados… Esta denuncia, portanto, interpretámola non como un feito isolado, senón como un degrau máis en toda esta campaña de descalificación constante do Observatori.

Tomaron algunha medida?
—Enviamos o caso a tres relatores da ONU -sobre tortura, defensores dos dereitos humanos e defensores da liberdade de expresión-, para que pedisen explicacións ao estado español, e tamén o presentamos ao Comité de Prevención contra a Tortura. Acaba de publicarse o relatorio anual do Mecanismo de Prevención da Tortura español, en que se poñen en destaque máis de sesenta casos de denuncias de internos por malos tratos nas prisións da Catalunya. É verdade que algunhas constan como arquivadas, algunhas en trámite, algunhas en información reservada… Mais non o dicimos nós, senón o relatorio. Se realmente hai unha vocación de transparencia e un propósito de erradicar as malas prácticas no interior das cadeas, non podemos criminalizar os defensores dos dereitos humanos. Non é a solución. Tampouco o é que un sindicato como CCOO se preste a unha tarefa deste tipo contra nós, senón que tería que estar moito máis preparado para erradicar estas prácticas e investigar as denuncias.

Como valora o papel que tivo CCOO? Declarou que lle pediron que rectificase as declaracións.
—É Comisións Obreirase e non o é. Todo sindicato está dividido en sectoriais, e a de funcionarios de prisións é a que presentou a denuncia, non a cúpula sindical. Son os que levan tantos anos e anos de descalificacións. Por agora, só acusan eles. Tiveron ocasión de retirar a denuncia e de falar, mais non o fixeron e eu agora estou encausado nun procedemento criminal en que poden chegar a pedirme dous anos de cárcere. Nestas condicións, non teño nada que falar, só defenderme.

Igual que visita outros internos, moitas veces fala con Jordi Cuixart en Lledoners sobre a súa situación penal e os dereitos que ten como preso. Ultimamente foi moi criticada a decisión de lle concederen apenas seis horas de permiso para estar co seu fillo cando naza. Que opina?
—Por veces a xente indígnase por descoñecemento. A moitos presos sociais non lles foron concedidos nunca permisos deste tipo e a xente non se indignou porque, evidentemente, os xornalistas non o publicaron. O mundo prisional sempre estivo no lado escuro e agora parece que a sociedade o descobre. Cuixart pede o que lle correspondo e está previsto na lexislación prisional. Nin máis, nin menos. A primeira vulneración de dereitos no caso dos presos políticos é a prisión preventiva mesma, que non se pode aceptar, e máis ainda cunha duración de dous anos, que me parece un disparate. Segundo, o feito de teren estado presos en Madrid, afastados da súa familia e, terceiro, teren soportado un xulgamento durante máis de catro meses con sesións extenuantes, en que saían da cadea de mañanciña e chegaban, algún día, ás once da noite. Nós estamos ao lado tanto dos presos políticos como dos presos sociais, mais é verdade que os presos políticos teñen un capital social, politico e mediático que os presos comúns e sociais non teñen. E cando nós falamos da situación dos presos sociais e denunciamos estas cousas, xa vedes o que pasa. Creo que iso tería que facernos reflectir moi seriamente a todos.

E unha última pregunta: como portavoz dos observadores internacionais do xulgamento contra o procés, que pensa de que Pedro Sánchez e o procurador Javier Zaragoza teñan anunciado cando se fará pública a sentenza?
—É absolutamente escandaloso É un menosprezo absoluto á separación de poderes. Nin o presidente do goberno nin o ministerio público poden falar do que farán os xuíces,que xa dirán, o dia que toque, se se notificará a sentenza de maneira presencial ou como será. Paréceme absolutamente inaceptábel.

Clara Ardévol Mallol

VilaWeb