Os oito estudantes universitarios, con idades desde os 18 aos 29 anos, detidos no pasado 1 de decembro por hastearen unha bandeira de Papúa, continúan encarcerados 50 días despois, segundo denunciou onte a organización Papuan Behind Bars. Indonesia, que ostenta a soberanía sobre este territorio, acúsaos de “asociación ilícita para cometeren actos de traizón”
Papuan Behind Bars critica que o cargo vai en contra do dereito á liberdade de expresión, recoñecido polo dereito internacional e pola Constitución de Indonesia. Por outra parte, informa de que dous dos detidos están doentes, polo que exixe a súa inmediata posta en liberdade. Non é a primeira vez que se producen detencións por mostrar a bandeira Morning Star (“Estrela da mañá), un símbolo independentista papú, tal e como denunciou Amnistía Internacional