O consentimento informado é unha das pezas claves que garante o principio de autonomía das persoas enfermas. Cando na práctica médica habitual ignórase ou aplícase desvirtuando o seu verdadeiro sentido, estase usurpando un dos elementos esenciais do ser humano sometido a un diagnóstico ou tratamento clínico: a capacidade consciente de decidir sobre o seu propio corpo.  

 

Cuándo y cómo se debe elaborar el consentimiento informado médico?

 

Fernando Abraldes

Será a xurisprudencia a que vaia delimitando o alcance e marxes deste dereito. Para atopar o primeiro antecedente temos que remontarnos a sentenza de 1914 do xuíz Benjamín Cardozo do Estado de Nova York en demanda presentada por unha paciente cunha molestia abdominal. O xuíz foi categórico ao declarar  que “Todo ser humano de idade adulta e mente san ten o dereito a determinar que debe facerse co seu propio corpo, e o cirurxián que realiza unha operación sen o consentimento do seu paciente, comete un asalto a consecuencia do cal é responsable dos danos. Isto é verdade, excepto en casos de emerxencia, cando o paciente está inconsciente ou cando é necesario operar antes de ser obtido o consentimento”.

Pero que é exactamente o consentimento informado?. No ordenamento xurídico en vigor a definición literal é a seguinte: “A conformidade libre, voluntaria e consciente dun paciente, manifestada en pleno uso das súas facultades despois de recibir a información adecuada, para que teña lugar unha actuación que afecta a súa saúde”. Estamos ante unha facultade libre porque se sostén sobre a capacidade do ser humano para tomar decisións; é voluntaria porque nace da vontade e non da forza, da coacción ou do engano; exércese previa obtención da información adecuada especialmente deseñada e transmitida para alguén concreto, neste caso, para un paciente; é unha facultade previa a toda actuación que afecte a súa saúde, é dicir, que afecte ao seu benestar físico, mental ou social.

Para atopar o primeiro antecedente temos que  remontarnos a sentenza de 1914 do xuíz Benjamín Cardozo do Estado de Nova York en demanda presentada por unha paciente cunha molestia abdominal

 

Que acontece cando, en nome do benestar do paciente, se lle escatima a información? A xurisprudencia ven afirmando que sempre que pode ser beneficioso para a saúde dun paciente coñecer a súa verdadeira situación, debe considerarse como mala praxes por parte do médico reter esa información. Non obstante, nunca debe subtraerse aquela información mínima, imprescindible e adecuada ás súas circunstancias culturais e emocionais que lle permita tomar libremente as decisións esenciais sobre si mesmo. O paciente informado e consciente da súa situación facilita, non só o proceso de curación, senón tamén as relacións interpersoais que poden favorecer dito proceso. A isto cabe engadir que é o propio paciente o que ten a capacidade de non aceptar recibir a información, ou fixar a súa extensión e amplitude. En consecuencia, non está axustado a legalidade e constitúe unha vulneración do dereito á autonomía os chamados “pactos de silencio” entre familiares e facultativos, que cobran unha especial gravidade cando se trata de persoas conscientes e incurables, cunha curta esperanza de vida, ás que tamén se lles arrebata o dereito a xestionar as relacións humanas da súa esfera privada. 

A regra xeral é que a información previa ao consentimento debe ser verbal, incluso nos casos nos que se materialice obrigatoriamente por escrito. Constitúe unha distorsión a fórmula burocrática moi implantada, pola cal, sen a información verbal idónea, o paciente limítase a asinar un documento complexo cargado de expresións xurídicas e técnicas descoñecidas para un profano e que en realidade sirve como garantía do facultativo fronte a posibles responsabilidades. Polo tanto, non haberá consentimento cando se outorga sen información adecuada.

O tempo destinado a dar ao paciente información axustada non pode ser escatimado nin considerado como un factor de custe cuantificable susceptible de redución, porque elo afecta a nosa autodeterminación como persoas. Cando se limita o acceso a ese dereito, incluso baixo boas intencións, sempre en maior ou menor medida estase confiscando o dereito a autonomía e a capacidade de consentir.

Nós Diario