Os interrogatorios das testemuñas no xulgamento ao procés son tan interesantes polas respostas das persoas que comparecen ante o tribunal da sala segunda do Tribunal Supremo como polas preguntas que formulan os avogados. En cada unha delas están os argumentos da defensa.

unipost terrassa ACN                         Foto: EFE

 

Os avogados traballan para facer evidente que non houbo violencia nin nada que se pareza a un alzamento, necesario para o tipo delituoso da rebelión. E aos fornecedores que testemuñan, pregúntaselles se recibiron un encargo directo da Generalitat para faceren caer a acusación de malversación. Porque tamén é moi importante que non haxa nin facturas, nin pagamentos, nin o encargo directo da Generalitat da publicidade ou o material para celebrar o referendo do 1-O.

Mais hai outra pregunta que esta semana toma máis sentido que nunca: había orde xudicial para facer as inspeccións en Unipost? A Garda Civil irrompeu para confiscar as papeletas, as notificacións para os membros das mesas e os cartaces de publicidade. Había orde xudicial? Se non a había, a revista dos locais de Unipost foi ilegal.

Esta semana declaran 24 axentes da Garda Civil. Moitos deles son os que confiscaron todo o material entre o 20-S e o 1-O.

A pregunta xa a ouviron a semana pasada. Jordi Pina e Andreu Van dean Eynde preguntaron aos deseñadores, comerciais e responsabeis das imprentas e de Unipost se a policía, cando se presentou na súa sede, lles mostrara a orde xudicial.

Contodo, a preguntas da fiscalía o mesmo director de produción de Catalunya de Unipost, Jaume Planas, contou que o secretario xudicial non chegou até a tarde ao almacén de Terrassa, onde a inspección xa estaba en curso desde a mañá do mesmo 20 de setembro.

E o outro punto de interese: con que orde citou a Garda Civil as testemuñas no cuartel para as interrogar? Había supervisión do xuíz? Había citación?

Actuou pola súa conta a Garda Civil no que podería ser unha investigación do procés de alcance xeral, como quen lanza a rede a ver que pesca?

Esta semana as respostas serán contrastadas coas que darán os gardas civís que terán que explicar quen lles deu a orde de procederen a inspeccionar os locais. Se foi o xuíz e, portanto, tiñan orde xudicial, ou ben obedeceron ordes dos seus superiores.

Gemma Liñán

El Nacional