O sindicato CCOO advirte que a falta de previsión e a incapacidade de xestión das subdireccións xerais de Recursos Humanos e de Sanidade Prisional levaron a sanidade nos cárceres a unha situación de colapso que pon en grave risco a saúde de millares de reclusos e reclusas. O sindicato denuncia que a desorganización no Ministerio do Interior deixará sen asistencia médica millares de persoas internas nos presidios do Reino de España. Afirma que o 60% dos postos de persoal facultativo nos cárceres está vacante e denuncia a última ocorrencia do Ministerio de Fernando Grande-Marlaska para solucionar o problema: a implantación dun sistema de tele-asistencia médica,

 

 

 

 

Martha Golfín

 

O sindicato culpa desta situación ao fracaso da estratexia de tratar de “obrigar” ás comunidades autónomas a asumir gratis a transferencia da sanidade das prisións á que obriga a Lei de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde de 2003, un parche da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias que impediu resolver os problemas endémicos da sanidade en prisións.

O sindicato alerta de que, nestes momentos, o 60% dos postos de persoal facultativo nos cárceres está vacante, algo que atribúe a diversas razóns:

A primeira é que a “ilusión da transferencia” deixou sen investimentos a sanidade prisional, xerando unhas condicións laborais moi malas e precarias para todo o persoal sanitario.

A segunda razón, e máis importante, é a expulsión do sistema deste persoal sanitario, unha medida que promoveron as unidades responsabeis de prisións e que alicerza nas malas retribucións e malas condicións laborais, que non fan competitivo o medio carcerario para conseguir persoal sanitario nun momento, por outra parte, de déficit destes perfís laborais.

Isto provoca que máis do 90% das vagas que se convocan se ocupen, unha situación que xera un tremendo colapso sanitario cando se une á xubilación masiva das persoas titulares deses postos de traballo.

Frente a esa realidade incontestábel, desde as xestións dos establecementos prisionais non toman medidas estruturais que corrixan a raíz dos problemas, mais continúan apostando polo “canto peor, mellor”. A última ocorrencia do Ministerio de Fernando Grande-Marlaska é a implantación dun sistema de tele-asistencia médica, que fará aumentar as cargas de traballo do xa moi saturado persoal de enfermaría, o que sen dúbida abrirá unha nova vía de saída de profesionais moi cualificados/as das prisións, xa que existe alta demanda externa.

O sistema de tele-asistencia é, por definición, contrario a unha atención de saúde primaria e nun contexto dunha poboación reclusa moi vulnerábel sanitariamente, con índices de patoloxías moi superiores á media da poboación.

CCOO advirte de que isto provocará consecuencias non desexadas para a saúde e integridade das persoas internas.

A tele-asistencia acarreta, por outra parte, graves problemas que deterioran máis a atención sanitaria:

Obriga o persoal de enfermaría ao intrusismo profesional, ao ter de diagnosticar ante unha urxencia quen se evacua a un centro hospitalario ou se deriva horas despois a unha teleasistencia sen exploración algunha. Alén disto, será tamén o persoal de enfermaría o que realice o recoñecemento médico, seguindo as indicacións do persoal facultativo conectado por video-chamada, o que non é unha función da enfermaría.

As responsabilidades legais que actualmente ten a administración prisional de garantir a integridade da poboación recluída, é derivada ao persoal de enfermaría, que non ten entre as súas funcións esas competencias, polo que se lle impón unha responsabilidade legal completamente inasumíbel.

As experiencias piloto desenvolvidas até estes momentos demostraron as graves carencias e fallos de funcionamento que sofre este sistema: quedas da rede polos inhibidores de frecuencia que hai nas prisións, longas esperas dos e as pacientes, ou falta de exploración e observación, entre outros.

A perspectiva mercantilista destas medidas fica acreditada cando a xestión prisional manifesta por escrito que o tempo das gardas do persoal sanitario que atenda esta tele-asistencia non computará como tempo de traballo e por tanto non xerará descansos. O sindicato denuncia que esta medida elude o límite máximo de xornada que establece a Directiva Europea (48 horas á semana), e non respecta o descanso de 11 horas entre xornadas ou o de 35 ao saír dunha garda de 24 horas no fin de semana. Así mesmo, a hora de garda telemática é pagada por baixo do prezo de hora ordinaria de traballo, cun complemento de produtividade a 15,99 euros por hora, unha decisión tomada de forma unilateral por Institucións Penitenciarias.

O sindicato lamenta que o novo proxecto piloto de tele-asistencia sitúe a poboación reclusa -que non pode dispor libremente da asistencia sanitaria nin da atención de saúde á que ten dereito e necesita- nunha dupla condena: a privación de liberdade e a privación do dereito á saúde. Entende que seguir maltratando o persoal en prisións só empeora as condicións e eficiencia do servizo público.

«Desde CCOO insistimos na necesidade de respostas que vaian á raíz do problema, mellorando as condicións laborais e retributivas do persoal de sanidade prisional e especificamente do corpo facultativo, xa que hai orzamento público para iso, así como que sexan desenvolvidos concertos públicos de colaboración coas comunidades autónomas para garantir a saúde da poboación reclusa», sinalan desde o sindicato que tamén adianta que tomará as iniciativas que foren necesarias para garantir a saúde da poboación interna, os dereitos do persoal da sanidade prisional e o cumprimento da legalidade vixente.

Diario16