Sen intérprete, sen saber o que dicía o escrito e sen saber asinalo. Así foi notificado dun documento do Tribunal Constitucional un preso xordo de nacemento e analfabeto que desde 2009 cumpre condena de 15 anos no cárcere de Botafuegos en Alxeciras (Cádiz). Para máis inri, o funcionario de Institucións Penitenciarias deixou constancia na notificación de que o interno “se nega a asinar” a recepción da copia dun escrito que non sabía que dicía.

 

"Se niega a firmar": Instituciones Penitenciarias reprocha a un preso analfabeto la notificación de un escrito

 

O documento que non asinou o preso é a resposta a un dos seus dous recursos de amparo admitidos polo Tribunal Constitucional, en concreto ao interposto porque a xunta de tratamento non lle daba os permisos aducindo que non cumpría os requisitos e que o levou a presentar un incidente de nulidade, igualmente por problemas nas notificacións e nos prazos. Neste recente documento remitido polo TC explicábaselle que, finalmente, lle fora concedido avogado de oficio no procedemento.

O interno quixo esclarecer posteriormente, através doutro funcionario de vixilancia penitenciaria que o asiste, que non é que non quixese asinar a notificación senón que “el, pola súa discapacidade e aconsellado pola súa avogada, presenta un cartón adaptado”, que textualmente e en maiúscula di: “DESCULPE, SON XORDO. NON SEI LER NIN ESCRIBIR. NON PODO ASINAR SEN COÑECER CONTIDO. POR FAVOR! NECESITO MEDIADOR COMUNICATIVO”.

Fontes de IP explican ao xornal eldiario.es que se tratou dunha cuestión “puntual” xa que “houbo outras dilixencias que asinaron sen problema tanto o interno como o mediador” e que nesta ocasión non subscribiu o documento por “vontade propia”. “Decidiu non asinalo”, sentencian as fontes. Aquel día “non o asinou porque o mediador non estaba disponíbel nese día”, engaden, incidindo en que “hai outros escritos asinados por el” e que aquela vez “era a primeira vez que non asinaba”.

En calquera caso, non é o único incidente que tivo este preso. Un deles refírese á imposibilidade de visionar un vídeo adaptado á lingua de signos pola incompatibilidade dos lectores que ten o centro. Tamén foi expedientado cunha falta grave por demorar o reconto de internos e non atender o avisos de megafonía, obviando que se trata dunha persoa xorda. Ademas, a xuíza de vixilancia ordenou no pasado xaneiro que se lle puxese un intérprete para recibir un curso de violencia de xénero, o que ainda non se fixo. “Xa se fai habitual e recorrente que as irregularidades co interno sexan puntuais…. mais non cesan!” , sinalan os seus representantes.

A notificación emana dun incidente de nulidade admitido polo Tribunal Constitucional precisamente porque “esta mala praxe é reiterada e situouno en indefensión”, lamentan. O Defensor del Pueblo estatal, revisados os antecedentes dunha queixa presentada pola familia do interno e arquivada en outubro, acordou recentemente a súa reapertura e solicitar nova información con relación á atención facilitada a este home por parte da Administración Prisional.

Un programa “descoñecido”
No documento que reabriu a queixa facíase constar que se trataba dun preso en concreto de Alxeciras mais que “é a xeneralidade do colectivo de internos con discapacidade auditiva a que soporta de forma continuada trato degradante, discriminación, pena en condicións máis gravosas, distinto trato e vulneración da accesibilidade universal, con consecuencias imprevisibeis, aínda que o que está a ter ao seu alcance un interlocutor próximo é o interno do C.P de Alxeciras, dando así trámite ás súas reclamacións”.

 

Botafuegos                                                                   Cárcere de Botafuegos, en Alxeciras IIPP

 

Na queixa informouse ao Defensor que, do 22 a 26 de outubro, o referido interlocutor asistiu ao curso de ‘Capacitación para Educadores no medio Prisional’ onde os presentes foron consultados por distintos representantes de ONG, asociacións implicadas e outros profesionais polo coñecemento do ‘Programa de Atención a Internos con Discapacidade’ e a súa difusión, “resultando que a práctica totalidade o descoñecían e a persoa que o coñecía non entendía como podía intervir na súa aplicación”.

Segundo se sinala na queixa, “é habitual que estes internos arrastren consecuencias negativas ou pexorativas sen capacidade de explicarse, defenderse ou corrixilas se son improcedentes, se nos atemos a que lles é furtado o seu sistema de comunicación, sendo irrelevante a maior ou menor pericia, por outra banda común no caso dos falantes, e que debe ser recoñecido como establecen os fins constitucionais do cumprimento de penas en condicións humanas e de respecto á persoa.

“Numerosas vulneracións”
“Fica patente que as situacións presentadas non deixan lugar a dúbidas por moito que se empeñen en mascarar as presentes carencias e necesidades, que deben terminar admitindo que non se resolverán sen a participación de persoal debidamente formado na comunicación con estes internos, complementado con organizacións e recursos externos”, argumentaron ante o Defensor, que reabriu a queixa solicitando “nova información”.

Segundo conclúe, “é conveniente ilustrar que estes internos están sometidos de forma permanente, imprevisíbel e ineludíbel a continuas ordes, avisos, instrucións, conflitos, inspeccións, transaccións, urxencias, transferencias ou outros procedementos que reciben nun sistema de comunicación a que non teñen acceso e que os sitúa en permanente exclusión e isolamento sensorial e que se producen nun contexto directo, inmediato e nun ámbito restrinxido, desvirtuando os resultados se non se resolven in situ e que ocasionan numerosas vulneracións que se manteñen sen a menor corrección”.

Un novo protocolo destinado á atención de persoas con discapacidade no medio prisional, aprobado pola Secretaría Xeral de Institucións Penienciarias non sen dificultades para a súa posta en marcha, trata desde finais de maio de acabar con algunhas das situacións como o descritas mais, de momento, non impide que cousas como estas continúen a acontecer nos cárceres españois.

O citado protocolo, segundo comprobou eldiario.es, non detalla como se xestionan concretamente as notificacións dos escritos a unha persoa cunha discapacidade como a deste interno se non median os funcionarios. Nun dos seus apartados recoméndase “que participen intérpretes, mediadores ou guías-intérpretes” naqueles procesos máis formais e que son susceptibeis de concertar cita. A descrición detallada de como se articula cada trámite non está incluída no protocolo, que non contempla procedemento, ferramenta, prácticas ou interlocutores que interveñan en cada un dos escenarios posibeis en relación a persoas xordas privadas de liberdade.

Javier Ramajo

eldiario.es