Ante o aumento dun 11,6% (1.419 incidentes en 2017) dos delitos de odio a respecto do ano anterior, o Ministerio do Interior desenvolveu un ‘Programa de Acción contra os delitos e incidentes de odio’ que presentou a pasada terza feira o ministro Fernando Grande-Marlaska. Trátase dunha ampla batería de medidas que van desde a creación da figura de “testemuñas prioritarias” (unha sorte de rede de confidentes tecida entre axentes de seguranza privada, porteiros de locais de lecer, taxistas, etc.) até a inclusión do “anticiganismo como un ámbito específico do racismo”.

 

Fernando Grande-Marlaska junto a la Secretaria de Estado de Seguridad, Ana Botella, en la presentación del llan contra los delitos de odio.

O Programa, que se articula en catro liñas de acción; 13 obxectivos a atinxir; 47 medidas; e supón a realización de tres novos documentos e a revisión doutro máis, así como a edición bimestral dun Boletín de información, conta cun financiamento de 472.500 euros para este ano.

A inclusión das chamadas “testemuñas prioritarias”, unha sorte de rede de “confidentes”, pretende ampliar as posibilidades de detección deste tipo de delitos nos lugares en que poden producirse, xa que se detectou que hai moitos casos que non se denuncian. “Para que poidan achegar datos e informacións relevantes sobre os espazos, situacións e faixas horarias en que determinados colectivos poden verse especialmente inseguros ou en situacións de risco”, recolle o texto, que apunta ao terceiro trimestre de 2019 para que esta medida sexa efectiva.

“Son experiencias que vimos que funcionan de maneira exitosa noutros países, como o Reino Unido, nos grupos de traballo sobre racismo e xenofobia que se reúnen periodicamente a nivel europeo, e aos que asisten policías e membros de ONG de distintos estados membros”, explica Jaime Cereceda, responsábel de atención a vítimas do Gabinete de Coordinación e Estudos. “Trátase dunha experiencia bastante nova e práctica”, insiste, “xa que as Forzas e Corpos de Seguranza do Estado non poden estar en todas partes”, explica. E agrega: “Serán esas unidades policiais que traballan na rúa as encarregadas de localizar eses informadores e colaboradores, do mesmo xeito que estarán en contacto cos colectivos máis susceptibeis de seren vítimas destes delitos”, di Cereceda, que asegura que é un tipo de liña de actuación que están a seguir tamén “por exemplo para os casos de tráfico de persoas”.

En Interior pretenden que este tipo de iniciativa sirva para contrarrestar o que se coñece como “infradenuncia”, é dicir, os moitos casos desta tipoloxía delituosa que fican sen denunciar, segundo estudos e enquisas realizados polo ministerio.

‘Denuncias tipo’
Nese mesmo sentido, e para aumentar a posibilidade de denuncia das vítimas, o programa prevé tamén a creación de “unha denuncia-tipo” para ‘delitos de odio’ que facilite o labor do axente policial, e que supostamente se implantará no segundo trimestre 2019. Así como un espazo na páxina web da Oficina de loita contra os Delitos de Odio para facilitar a comunicación de contidos relacionados co discurso de odio, para o cuarto trimestre 2020. E a inclusión na aplicación ALERTCOPS dun botón específico de ‘delitos de odio’, para que as vítimas poidan ser asesoradas sobre esta problemática, que previsibelmente funcionará no terceiro trimestre 2020.

Paralelamente, Interior abre todo un ámbito didáctico e de sensibilización social. Por iso incorpora este programa ao “Plano Director”, que funciona desde hai anos para garantir a convivencia e a mellora da seguranza nos centros educativos. Será no primeiro trimestre de 2020. Mais, desde xa, está previsto que comece unha campaña en redes sociais através das contas do Ministerio, Garda Civil e Policía Nacional para sensibilizar a sociedade.

O novo Plano fai especial fincapé na formación dos membros das Forzas e Corpos de Seguranza do Estado, mediante a inclusión curricular da materia de Delitos de Odio nos seus estudos, e a creación de cursos e seminarios formativos. Así mesmo, insiste na necesidade da homologación internacional desta tipoloxía delituosa para o que presupón a creación de equipos específicos.

Ao mesmo tempo, establece unha relación directa e continua entre a Oficina Nacional de Loita Contra os Delitos de Odio, dependente da Secretaría de Estado de Seguranza e as organizacións da sociedade civil impulsoras da mudanza social que coñecen en profundidade as necesidades de moitos dos colectivos que son obxecto deste tipo de delitos abominabeis: LGTBI, confesións relixiosas, asociacións de persoas con diversidade funcional ou organizacións de inmigrantes, entre outras. Segundo detallou Marlaska, os delitos que máis aumentaron son os relacionados coas crenzas relixiosas (un 119%), por motivos de ideoloxía (un 72%), e racistas e xenófobos (un 26%).

“Con este Programa damos un novo enfoque e impulso á actividade das FSE ante os delitos e incidentes de odio. E facémolo abordando catro eixos fundamentais: a formación das FSE, a prevención dos delitos, a atención ás vítimas e a resposta ante este tipo de delitos. Ademais, desenvólvense procedementos específicos e ferramentas dixitais para contrarrestar os delitos e o discurso de odio tamén nas redes sociais”, anunciou Marlaska.

Pola súa banda, Institucións Penitenciarias puxo en marcha un programa de intervención en que ten un papel fundamental a xustiza restaurativa, para evitar a reincidencia nestes delitos.

PATRICIA ORTEGA DOLZ

El País