Traballos Penitenciarios ten unha facturación anual de 156 millóns, en canto os custos salariais apenas chegan aos 54,5 millóns de euros. Un total de 133 empresas acolléronse ao convenio cadro asinado pola citada organización penitenciaria e a patronal. Os sindicatos denuncian que grazas a esta fórmula algunhas empresas reducen persoal e o corte nos custos permítelles ofrecer prezos máis competitivos.

A multinacional Delphi Packard que preside o señor Zhongchi Yu emprega presos do cárcere de Daroca (Zaragoza) na fabricación de componentes para automóveis; Industrias Huerta, da familia Huerta García, utiliza reclusos de Valdemoro (Madrid) na produción de apliques, pezas e parafusos; Cándido Martínez encarga as súas caixas para o peixe aos presos de Huelva; Calzados Robusta, de Adelardo Arechacaleta, en Arnedo (A Rioxa), saca parte da súa produción co traballo dos presos de Logroño. E así, até 133 empresas benefícian do subemprego de persoas condenadas noutros tantos obradoiros penitenciarios repartidos en 53 prisións de todo o Reino de España, menos Catalunya, onde a Generalitat se encarrega do traballo dos presos. O rendemento económico para a Administración central (Ministerio do Interior) é extraordinario: unha facturación neta de 156 millóns de euros, após deducir gastos como os das nóminas de monitores e funcionarios, que supoñen 54,5 millóns anuais.

De cando en vez algunha empresa non paga. É o que aconteceu con Cables y Contratas SL, que utilizaba os presos de Zuera (Zaragoza) en tarefas de carpintaría e manufacturas e, a pesar do baixo custo, o seu titular, Florencio Sebastián Pardillos, presentou concurso de credores; ou de Aluminios Fedi, dos promotores e mercadores Miguel Anxo Llorente Alonso e Javier Eduardo Ortiz Olaiz, que encarregaban aos reclusos de Burgos a confección de portas e xanelas. Mais segundo unha resposta parlamentar do ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, aos deputados socialistas Antonio Trevín e David Serrada, os senvergoñas cóntanse cos dedos dunha man e sobran dedos. Lóxico. Ás empresas interesan os obradoiros penitenciarios porque significan un grande aforro salarial e social.

“O pagamento aos internos traballadores”, di o ministro Zoido, xuiz ao fin e ao cabo, costumado a mandar xente ao cárcere, “é realizado ingresando o seu salario na conta particular do seu peculio. Ingrésaselles o día 15 de cada mes, e como o ente estatal Traballo Penitenciario e Formación para o Emprego (TPFE) é quen realiza o pagamento das nóminas, sempre está garantido. Actualmente non hai ningunha empresa morosa, aínda que en casos puntuais, algunha empresa demorou o pagamento da facturación no prazo acordado. Unicamente houbo dúas rescisións de contrato por morosidade e foron as xa mencionadas Cables y Contratas SL e Aluminios Fedi“.

Fontes sindicais estiman que uns 3.500 presos traballan nos obradoiros industriais dos cárceres para as empresas privadas

Aínda que o TPFE que preside o secretario xeral de prisións Anxo Yuste e xestiona José Suárez Tascón (dous históricos do PP na materia) mete no mesmo saco os que traballan para o organismo propiamente dito e os que producen para as 133 empresas externas que se acolleron aos convenios-cadro de Traballos Penitenciarios coa patronal, fontes sindicais estiman que uns 3.500 presos traballan nos obradoiros industriais dos cárceres para as empresas privadas. Isto significa que máis dunha cuarta parte dos 12.404 reclusos (dato de 2015) que realizan actividades produtivas, con xornadas de tres a cinco horas como máximo, reportan beneficios a terceiros.

Segundo os datos obtidos polos deputados Trevín e Serrada, Traballos Penitenciarios paga aos presos entre 2,61 e 3,77 euros a hora, segundo a actividade de que se trate. Así, os que realizan tarefas auxiliares cobran 2,61, mentres os de manipulados simples, confección industrial, madeira, electricidade, cerámica, artes gráficas, cociña, panadaría e agro reciben 3,66 euros, e os de manipulados complexos, mantemento, metálica, servizos e confección industrial complexa perciben once céntimos máis: 3,77 euros a hora. Deste xeito, un “operario base” (argot administrativo) que traballe tres horas ao día ingresa entre 235 e 339 euros por trinta días de traballo, mentres que o que poida traballar cinco horas diarias ten unha nómina de 391,5 a 565,5 euros ao mes.

Con excepción das retribucións dos empregados nos economatos e nos servizos auxiliares das prisións, que subiron 2 céntimos de euro a hora en 2016, pasando de 2,59 a 2,61 euros, as demais tarifas laborais mantéñense conxeladas desde 2012. Se se toma como referencia o salario mínimo interprofesional (707 euros netos mensuais), a tarifa mínima por hora de traballo tería que ser de tres euros. Quere dicirse que as retribucións dunha grande parte destes traballadores privados de liberdade poden ser cualificadas de inxustas e abusivas. En contraste con este trato, o xerente de Traballos Penitenciarios, Suárez Tascón gábase do crecemento dos ingresos: “Atopámonos ante uns niveis de vendas por encima do inicio deste ciclo de catro anos, obtendo en 2015 un total neto por vendas e prestación de servizos de máis de 156 millóns de euros, fronte aos 150 millóns de 2014, cifras que indican un alto nivel de produtividade na xestión dos empregados”.

A satisfacción do alto responsábel é comprensíbel se se ten en conta que os gastos en “salarios e asimilados” (argot burocrático) foron 54,5 millóns, aos que se engaden 7,8 en cargas sociais e que a xestión ordinaria e as subministracións e servizos prestados por empresas do exterior para o normal funcionamento dos obradoiros e a formación representou un gasto de 8,3 millóns de euros anuais. Nas nóminas de persoal están incluídas a de 297 funcionarios e 36 contratados laborais que prestan servizo en TPFE. O xerente cobrou oficialmente 77.000 euros brutos o ano pasado.

Luís Díez

Ler máis.