Traballadores de prisións critican a decisión do ministerio do Interior de prolongar o tempo de conservación das gravacións nos cárceres ao consideraren que busca “perseguilos” ao mesmo tempo que se minusvaloran “as agresións que sofren eles”. Un argumento contraditorio porque a conservación das imaxes por un período de tempo máis prolongado facilitará o seu uso como proba -a favor ou en contra- caso se abrir procedemento xudicial ou administrativo.
.
.
Imaxe de arquivo dun cárcere español.
.
.
A Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias decidiu alargar os tempos de conservación das gravacións de video-vixilancia en cárceres, que pasarán de o trinta días a un mínimo de tres meses. A medida causou malestar entre os funcionarios. Institucións Penitenciarias, órgao dependente do Ministerio do Interior, xustificou a nova normativa na necesidade de adaptarse á lexislación europea de protección de datos persoais.
.
Segundo os promotores da norma, “será respectado o debido segredo sobre o contido das imaxes”, aínda que se definen excepcións que permiten compartillar as gravacións.
.
En concreto, o regulamento autoriza a extracción de imaxes en casos de “queixa ou denuncia” dun interno en materia de malos tratos. Nestes casos, as gravacións serán postas a disposición da “autoridade competente”.
.
O sindicato de funcionarios Tu abandono me puede matar (TAMPM) reaccionou á noticia cun comunicado en que critica a nova instrución. A ampliación a tres meses, apunta a asociación, permitirá á Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias “buscar o modo de sancionar os servidores públicos” através dunha análise “minuciosa” das imaxes.
.
Asegura que a normativa “busca perseguir os traballadores de prisións” no seu traballo de “controlar os altercados por parte dos internos máis violentos”. En opinión desta organización, Interior “preocúpase máis polo benestar dos reclusos que polas condicións laborais dos seus traballadores”.
.
Segundo o TAMPM, a subdirección xeral de Análise e Inspección -encarregada da revisión das imaxes- conta cunha historia de “habituais prácticas abusivas”, e busca “fabricar e xustificar un fallo no traballador”. O sindicato acusa Institucións Penitenciarias de ignorar as situacións laborais de “tensión”, en que os funcionarios “temen pola súa integridade física”, e asegura que “a violencia exercida polo recluso é sempre moito maior que a do traballador”.
.
Agresións a funcionarios
.
O sindicato cuestiona así mesmo a posición que tomará a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias naqueles casos en que houber agresións entre reclusos ou contra os propios funcionarios. Segundo apuntan, a Administración “minusvalora as agresións aos traballadores”, e “dubidan” da súa determinación na hora de “perseguiren” estas situacións.
.
Por outro lado, TAMPM critica o interese que expresan os responsabeis de Institucións Penitenciarias na protección da intimidade dos reclusos, xa que, “a miúdo”, o organismo “publica as imaxes dos seus rostros” nas súas redes sociais, segundo o comunicado emitido polo sindicato.
.
O obxectivo destas publicacións, segundo os traballadores, é “dulcificar e lavar” a realidade dos centros prisionais, “facéndonos crer que os reclusos son como adolescentes ou discapacitados con necesidades”, declaran.
.
Unha das principais novidades que introduce a nova instrución de Institucións Penitenciaria é a ampliación do prazo de conservación das imaxes obtidas en “celas de contención mecánica” e en “dependencias destinadas á realización de inspeccións integrais”. Nestes casos, as imaxes non poderán ser eliminadas até pasados tres meses, frente ao anterior prazo de trinta días. Tamén se amplía a un mínimo de tres meses o prazo de conservación daquelas gravacións que teñan “valor probatorio” ou xeren un procedemento xudicial ou administrativo. Nestes casos, haberá que conservar os vídeos até finalizar o proceso derivado dos mesmos.