Iñaki Rivera, director do Observatori del Sistema Penitenciari i els Drets Humans e miemrbo de International Trial Watch deu a voz de alarma ante as continuas irregularidades que están a se producir no xulgamento.

 

 

Os vetos do presidente da sala, Manuel Marchena, durante os interrogatorios, tanto a preguntas realizadas polas defensas como o visionamento de vídeos e a exhibición doutras probas fixo saltar a voz de alarma do director do Observatorio do Sistema Penitenciario e os Dereitos Humanos, e membro de International Trial Watch.

Segundo coñecemos hoxe através do xornal El Nacional, o experto en dereitos humanos puxo en cuestión a consideración de impertinencia que expuxo o xuíz Marchena sobre algúns interrogatorios. Segundo declarou Iñaki Rivera, “o Presidente, en reiteradas ocasións, denega a algunhas partes a posibilidade de interrogar testemuñas propostas por outra parte sobre feitos diferentes aos argumentados”. Así aconteceu na sesión do interrogatorio a Roger Torrent, actual Presidente da mesa do Parlament de Catalunya, a quen Marchena non permitiu lle fosen dirixidas preguntas que non tivesen a ver coa súa responsabilidade actual como tal. Apesar de Torrent ter estado en persoa na Consellería de Economía e Facenda o 20S e o seu testemuño supor portanto un máis a ter en conta sobre os feitos polos que se acusa de graves delitos independentistas en prisión ou no exilio.

O mesmo acontece cando as defensas tratan de expor probas como vídeos ou documentos que son sistematicamente rexeitados na súa maioría polo xuíz Marchena. Trátase de probas que poderían servir para desmontar no acto a versión das testemuñas, e contodo, na maioría dos casos, Marchena non permite que sexan expostos.

O xuíz Marchena sempre explica o mesmo: “que se verán na fase de proba, non na testemuñal”. No entanto, en palabras do experto Rivera, esta cuestión fará que nese momento as testemuñas non poidan explicar o que se ve, non poidan contrastalo, refutalo ou amplialo. En definitiva, Marchena podería estar a tentar “protexer” algunhas testemuñas para non as pór en evidencia, xa que algúns dos testemuños realizados até agora sería facilmente desmontabeis co visionamento dalgúns vídeos.

“Amiúde é esencial ver un vídeo ou un documento para o validar como proba e interrogar a testemuña sobre o contido e o contexto deste. Están sendo esixidas importantes argumentacións para xustificar a pertinencia de mostrar calquera documento ou vídeo. As testemuñas poden ser unha proba de descargo das defensas, polo que debería seguirse o mesmo criterio de flexibilidade e mostrar os documentos que se queira submeter a contradición, pois unha limitación extensa neste sentido podería ter afectación sobre o principio de igualdade de armas, o dereito a un xuizo equitativo e o dereito de defensa”, afirma a equipa de observación no seu comunicado de prensa do 4 de marzo en referencia ás restricións impostas por Marchena.

Para coñecer en pormenor todas as valoracións que realiza os membros da equipa de observación, consultar esta web de International Trial Watch.

Beatriz Talegón

Diario16