A ITW quixo deixar claro que a súa tarefa será de apoio e en ningún caso tentará condicionar os pronunciamentos dos membros da equipa, que actuarán con total independencia. A plataforma demandou ao Supremo cinco lugares dentro da sala do xuízo para facer a observación diaria do proceso. Asegurou que ‘sería dificilmente comprensíbel’ que se negase o seu acceso á sala.

Entre as organizacións que apoian a ITW está a Federación Internacional polos Dereitos Humanos, que reúne 184 organizacións estatais; EuroMed Rights, con máis de oitenta organizacións; Front Line Defenders, premio dos dereitos humanos da ONU no 2018; a American Bar Association, con máis de 400.000 membros os EUA; así como Fair Trials, a asociación Antigone, a Asociación de Avogados Europeos Democratas, a Asociación Europea de Avogados para a Democracia e os Dereitos Humanos, o Comité de Xuristas polos Dereitos Humanos, o Centro de Estudos Legais e Sociais e a Confederación Magrebina de Organizacións polos Dereitos Humanos.

As organizacións elaborarán os seus propios relatorios semanais, quincenais e consensuarán despois outro documento conxunto. As entidades impulsoras da plataforma apuntaron que durante a instrución xa foron detectados elementos que poden pór en dúbida a limpeza do xuízo, como por exemplo o feito de se teren producido filtracións contínuas á prensa antes de as defensas poderen coñecer o contido. A plataforma financiáse unicamente con doazóns via web e as observadoras e observadores non cobrarán ningún tipo de honorario.

Na observación tamén participarán persoas da academia vasca, catalá, valenciana e do estado español. Esta equipa, integrada por quince especialistas, estará coordenada por Iñaki Rivera Beiras, titular de dereito penal na UB, e Mercè Barceló, catedrática de dereito constitucional da UAB.

Os membros son: Guillermo Portilla, catedrático de dereito penal da Universidad de Jaén; Ignacio Benítez, catedrático de dereito penal da Universidade de Jaén; Javier Mira Benavent, profesor titular de dereito penal da Universidade de València; Ricardo Juan Sánchez, profesor titular de dereito procesual da Universidade de València; Iñaki Lasagabaster, catedrático de dereito administrativo pola Universidade de Euskadi; Ana Pérez Cepeda, catedrática de dereito penal na Universidade de Salamanca; Javier Pérez Royo, catedrático de dereito constitucional na Universidade de Sevilla; Joaquín Urías, profesor titular de dereito constitucional na Universidade de Sevilla; Alejandro Forero, profesor de dereito penal na Universidade de Barcelona; e Mónica Aranda, profesora de dereito penal na Universidade de Barcelona.

No entanto, a plataforma International Trial Watch non incorpora todas as persoas que estarán presentes no xuízo contra o 1-O en calidade de observadoras. Organizacións Internacionais como Amnistía ou Human Rights Watch tamén estarán presentes durante o proceso, mais con equipa propia.

VilaWeb