A vítima, Vakhtang Enukidze, tiña 38 anos e era de orixe xeorxiana. Morreu no pasado 18 de xaneiro, catro días despois de ser violentamente agredido por uns dez policías no interior dun CPR (Centro Permanente para a Repatriación), unha prisión non formal que en Italia cumpre funcións similares aos CIEs españois.

 

Vakhtang Enukidze                      Vakhtang Enukidze

Cando vivía en Chiatura, a súa cidade natal, Vakhtang Enukidze traballaba como pintor e xogaba nunha equipa de fútbol local. En 2017 chegou a Roma buscando fortuna. Conseguiu realizar algúns traballos, todos non declarados. Un día parouno a policía pola rúa e, ao non ter papeis, foi detido e enviado ao CPR de Bari, famoso por ser un dos Centros Permanentes para a Repatriación máis duros de toda Italia. Vakhtang morreu no pasado 18 de xaneiro, catro días despois de ter sido violentamente agredido pola policía.

CÁRCERES PARA PERSOAS SEN PAPEIS
Os CPR son centros de internamento para estranxeiros similares aos CIE españois: cárceres non formais en que son encerradas persoas sen un autorización de residencia válida por un período de até 180 días (cifra establecida no último ‘Decreto Salvini’), oficialmente á espera da súa repatriación. En realidade, só dous terzos das persoas encerradas nos CPR son efectivamente repatriadas. As outras fican ‘libres’ en territorio italiano, cunha orde de abandonar o país, polo que desde o momento en que poñen un pé fora do CPR, pasan automaticamente á clandestinidade. O CPR en que estaba encerrado Vahktang foi construído durante o último ano aproveitando as instalacións dun antigo cuartel en Gradisca d’Isonzo, unha pequena localidade situada na rexión italiana de Friuli-Venecia Julia, moi perto da fronteira con Eslovenia.

O CPR de Gradisca foi construído enfronte dun Centro de Acollemento para Requerentes de Asilo (CARA, polas súas siglas en italiano), estrutura en que viven ‘con relativa liberdade de movemento’ persoas migrantes á espera de saber se poderán permanecer legalmente ou non en territorio italiano. A elección de Gradisca d’Isonzo para o establecemento de ambos os centros non é fortuita: o extremo oriental italiano converteuse, nos últimos anos, no principal punto de entrada ilegal de persoas migrantes na Unión Europea, através da coñecida como Balkan route. Esta vía de acceso a Europa occidental é unha zona de engarrafamento para os fluxos migratorios procedentes da Turquía, nomeadamente despois de Serbia e Hungría teren fechado as súas fronteiras. O CPR de Gradisca forma parte dun sistema de xestión dos fluxos migratorios que converten as persoas migrantes sen papeis en cidadáns de segunda clase, en persoas sob continua chantaxe por parte do Estado.

 

En palabras do eurodeputado Magi: “(…) batéronlle repetidamente un dez axentes, (…) despois foi arrastrado polos pés como un can”

 

O mesmo edificio onde se sitúa o CPR en que vivía Vakhtang foi utilizado durante sete anos como CPT (Centro de Permanencia Temporal), o cal sería máis tarde rebatizado como CIE (Centro de Internamento e Expulsión), sendo ambos os predecesores dos actuais CPR. En 2013 producíronse unha serie de revoltas violentas no interior do CIE de Gradisca coas que se solidarizou un importante movemento de protesto rexional. Durante o levantamento dentro do centro, Abdel Majid El Kodra tentou unha fuxida desesperada do inferno do CIE, mais infelizmente non tivo éxito: caeu do tellado e ficou en coma, morrendo varios meses despois, sen chegar a acordar. A morte de Majid foi a gota que transbordou o vaso, e o CIE de Gradisca d’Isonzo foi clausurado definitivamente.

O novo CPR abriu as portas o pasado 16 de decembro. Alí foi transferido Vakhtang, xunto cunha trintena de compañeiros, desde o afastado CPR de Bari, que fora parcialmente destruído grazas a diversos incendios provocados por parte dalgúns reclusos. Tamén os habitantes do CPR de Gradisca reaccionaron ás duras condicións de vida no seu interior: só tres semanas despois da súa apertura, tres deles conseguiron escapar (dos cales por agora só un foi detido de novo pola policía) e non houbo numerosos casos de autolesiones, incluíndo unha tentativa de suicidio.

A MORTE DE VAHKTANG
Os feitos narrados a continuación baséanse en informacións de testemuñas oculares, recollidas, de forma totalmente independente, pola Asemblea Non CPR -Non Fronteiras de Friuli- Veneza Julia e por Riccardo Magi, eurodeputado dos Radicais Italianos (partido liberal de centroesquerda) que nos últimos días se interesou pola morte de Vakhtang e puido acceder ao CPR para falar con internos e traballadores.

No 14 de xaneiro, Vakhtang ten unha discusión co seu compañeiro de cela. Un grupo de anti-disturbios entra na zona de celas para pór fin á pelexa e asáñase con Vakhtang. En palabras de Magi: “(…) batéronlle repetidamente un dez axentes, incluíndo unha pancada de antebrazo na nuca e un golpe co xeonllo nas costas, depois foi arrastrado polos pés como un can”. Máis tarde, a policía transfere Vakhtang a unha prisión próxima.

No 16 de xaneiro, Vahktang é conducido outra vez ao CPR de Gradisca. A súa condición é crítica, non se ten de pé. Pede un médico mais, a medida que pasa o tempo, as súas condicións empeoran, e perde a capacidade de queixarse xunto coa voz. Durante a noite cae da cama e non se levanta. Á mañá seguinte, os seus compañeiros de cela achan Vakhtang en estado de inconsciencia. Poucas horas despois, morre nun hospital próximo.

O sábado 18 a noticia da morte de Vakhtang difúndese e diferentes grupos de persoas reúnense espontaneamente no exterior do CPR para expresar a súa raiba polo acontecido e se solidarizar coas persoas que aínda malviven no interior. Os reclusos ouven o ruído e tentan comunicarse gritando cara ao exterior. Os policías comezan a agredilos para os facer calar. As voces desaparecen en poucos segundos. Minutos máis tarde, unha nube de fume sae de dentro do CPR, probabelmente procedente dun fogo posto polos reclusos. A queima de distintos obxectos é unha práctica estendida nas revoltas nos CPR.

A RESPONSABILIDADE DO ESTADO
Vakhtang Enukidze morreu estando sob custodia do Estado. A implicación da policía, clara desde o principio segundo indicaban os testemuños dalgúns reclusos que conseguiron comunicar co exterior, foi negada sistematicamente por parte das institucións e os grandes medios de comunicación desde as primeiras horas. En troca, deron pábulo a hipótese segundo as cal a morte de Vakhtar foi resultado dunha liorta entre bandas. Este contexto de toxicidade mediática para tapar potenciais responsabilidades do Estado italiano lembran o caso de Stefano Cucchi, un home de 31 anos que morreu en estrañas circunstancias nunha comisaría de Roma. Só despois de máis de nove anos de xuízos, un policía testemuñou contra os seus compañeiros, confirmando o que se intuía desde o principio.

Nos próximos días, vai realizarse a autopsia do corpo de Vakhtar. Os resultados forenses, xunto cos vídeos das cámaras de seguranza, permitirán deitar luz sobre o homicidio e poderán ser utilizados para identificar os responsabeis materiais. No entanto, as probas até a data son tan evidentes que mesmo os medios mainstream comezan xa a admitir que a causa da morte de Vakhtar Enukidze foron as pancadas da policía.

Contodo, este inxusto e terríbel acontecemento non debe facernos esquecer que a auténtica inxustiza é que Vahktar, e todas as outras persoas encerradas nos CPRs, estivese privado de liberdade polo simples feito de non ter unha autorización de residencia actualizada. A súa morte non fixo máis que chamar a atención xeral sobre un tema que concentra ao redor de si parte da máis noxenta hipocrisía de Estado.

PEDRO CASTRILLO

El Salto Diario