Dúas mozas musulmás, de 18 e 19 anos e residentes en Lugo, interpuxeron unha queixa no Concello de Vilalba, a través da asociación Bonhomía, ao lles ser negado o acceso ao parque acuático da Magdalena con “mallas, camiseta e gorro de natación”. “Os meus irmáns foran varias veces e a miña amiga e eu era a primeira vez que iamos. Non se se foi mala intención ou non, mais non puidemos entrar”, explica en conversa telefónica unha das mozas, que prefire non facer público o nome.

Foi á capital chairega coa súa familia, de orixe marroquina -a nai, a tía, dous irmáns, dous curmáns pequenos e unha amiga, de cidadanía española e tamén musulmá-. Mais a súa excursión non acabou como tiñan previsto. “Hai que entrar ás instalacións xa en bañador, que non o sabiamos, e cando iamos pagar dixéronnos que tiñamos que ir aos vestidores e os nenos entraron. Explicamos á moza que vende as entradas que iamos a bañarnos con mallas, camiseta e gorro de natación. Eu compreinas para nadar, e se cadra non son as adecuadas, mais as da miña amiga si, que son de neopreno, mais xa nos nos deixaron nin mostralas. Non tivemos opción a mudarnos. Dixéronnos que o acceso estaba prohibido con roupa de rúa, que tiñamos que pór polo menos un pantalón curto”, relata a xoven. “Non podo nin quero. Levo sempre veo e por querer bañarme non teño que tirar a roupa toda”, engade.

Parque acuático de Vilalba. C.A.

“Quedei flipando. Non me parece ben. Báñome así na praia -adoita ir a Barreiros- e nunca tiven problema. A xente olla para mim, mais dáme igual”, di, e explica que se puxeron en contacto coa asociación Bonhomía de Lugo e esta interpuxo a queixa.

“Gustaríanos que non se repetise con máis xente o mesmo que nos pasou a nós”, di. “Sentes rexeitamento, ves os demais que si poden tomar baño e ti non, e non fai graza”, apunta. “O único que queremos é liberdade para poder bañarnos”, engade.

O xerente da empresa que xestiona as instalacións, de titularidade municipal, explica que o que lle transmitiron os socorristas é que querían acceder á piscina con roupa de rúa. “E iso non está permitido, por hixiene e por seguranza”, di, á vez que asegura que non era propiamente un burkini, ou polo menos, non un de neopreno.

“Hai unha normativa que levamos aplicando desde hai moitos anos, que para acceder é obrigatoria unha ducha e entrar con bañador”, explica Jesús Somoza. “Os socorristas entendían que non era a vestimenta ideal, non o vin mais confío nos traballadores, que levan moitos anos”, di o xerente, e asegura que non é un problema de racismo.

“Hai moitas mulleres de etnia xitana que se bañan con bañador polo xeonllo e camiseta de neopreno. É por seguranza, non hai ideoloxías nin relixións nestas normas”, di, e explica que hai tobogáns en que a roupa pode engancharse e “provocar algún tipo de accidente”.

Cristina Arias

Artigo publicado en El Progreso.