Un neno de nove anos, criado no bairro de San Jorge de Iruña, morreu o pasado 2 de xuño na UCI pediátrica do Hospital Virgen del Camino a consecuencia das feridas que se autoinflixira na semana anterior, cando estaba sob a tutela do Goberno de Nafarroa. O neno fora ingresado na Unidade de Coidados Intensivos na noite do pasado 26 de maio, cando o achou outro menor despois do intento de suicidio. O seu estado foi crítico desde o primeiro momento, xa que fora achado en parada cardio-respiratoria e os efectivos de SOS Navarra tiveran que practicarlle no lugar as manobras de reanimación. Inicialmente foi levado ao Hospital Reina Sofía de Tudela e daí, debido á gravidade do seu estado, transferido á UCI de Pediatría do Complexo Hospitalario de Nafarroa.

 

Fachada del Palacio de Justicia de Tudela.                                                         Fachada do Palacio de Xustiza de Tudela. Foto: Juan Antonio Martínez

 

 

A familia foi informada da situación no día seguinte e púxose en contacto co escritorio de avogadas de Branca Remacha e Irantzu Aldaz, que interpuxeron unha denuncia para reclamar o esclarecemento dos feitos no xulgado de garda de Iruña. A denuncia ía acompañada dun pedido de exame forense a efectos de corroborar se as lesións eran autolíticas.

O Goberno de Nafarroa era o tutor legal do menor desde que en novembro o departamento de Dereitos Sociais retirase temporalmente, por espazo de dous anos, a patria potestade aos avós, cos que o neno se criou e convivía. Naquel momento, a custodia pasou ao Goberno foral, que destinou o menor a un centro especializado da Comarca de Iruña, en tanto proseguía cos seus estudos no centro educativo en que estaba matriculado. Contodo, antes de se decretar o estado de alarma e, en principio, segundo a familia do menor, pola insuficiencia de lugares disponibeis, o neno foi transferido a un apartamento da capital ribeira. Os familiares acompañaron o menor até a nova residencia a inicios do mes de marzo. Foi nos primeiros contactos cos seus achegados cando o mozo comezou a mostrar o seu malestar pola estadía no apartamento de Tudela. Nunha das comunicacións presenciais que estableceu coa avoa, no mes de maio, o neno tornou manifestar os seus desexos de regresar ao domicilio. De feito, nunha ocasión, o neno chegou a escapar do apartamento e chegou á estación de autobuses coa intención de viaxar a Pamplona, o que non conseguiu.

“É UNHA INXUSTIZA, NON FIXERON CASO AOS SEUS SENTIMENTOS”

A avoa do menor queixase do trato recibido de Dereitos Sociais e manifesta que ao seu xuízo “non fixeron caso do neno en ningún momento e non tiveron en conta os seus sentimentos e que el era feliz no seu contorno familiar. O que ocorreu é unha inxustiza que nunca tiña que pasar e que se o tivesen escoitado, teríase evitado”, declaraba a súa avoa desde o seu domicilio de San Jorge, onde estaba apoiada por un bo número de familiares, algúns mesmo recentemente chegados de Colombia, o seu país de orixe.

Paula Guerra Cáceres, de SOS Racismo Madrid comenta que se trata ‘dunha realidade terríbel que viven moitas familias de persoas migrantes no estado español’ a quen se quita a custodia de familiares ao seu cargo.