En canto se mantén a persecución dos seis palestinos que fuxiron dunha prisión israelita de alta seguranza, neste momento as persoas máis buscadas do país. Israel reprime os presioneiros e detén as familias para tentar que os fuxidos abandonen a evasión.
.
.
Cárcere de Gilboa o pasado 8 de setembro. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)                      Cárcere de Gilboa o pasado 8 de setembro. (Foto: Ilia Yefimovich / dpa)

A Policía e as Forzas Armadas de Israel continúan a persecución dos seis palestinos que se fugaron da segunda á terza feira dunha prisión de alta seguranza en Gilboa. Ao mesmo tempo, ordenaron deter polo menos 12 familiares dos fuxidos, aseverou o Clube de Prisioneiros Palestinos.

“Deter alguén para obrigar un ente querido a facer algo é o estilo da mafia”, transmitiu polas redes sociais Omar Shakir, director de Human Rights Watch para Israel e os Territorios Palestinos.

A prensa local sinala que os fugados son cinco membros da Yihad Islámica e un antigo líder das Brigadas dos Mártires de Al Aqsa, a rama militar de Fatah.

A entidade que agrupa as palestinas e palestinos presos en cárceres israelitas, denuncia que, desde que se deu a coñecer a evasión, multiplicáronse as malleiras, revistas corporais e transferencias violentas, con incursións de unidades especiais do Exército, como no caso das prisións de Negev e Rimon.

As autoridades pretenden transferir 400 prisioneiros da Yihad Islámica a outras institucións prisionais para os dispersaren e que non haxa máis dun preso deste grupo por cela. Estes detidos non regresarán á prisión de alta seguranza de Gilboa, recoñeceu onte o Servizo Prisional de Israel.

Alén diso, foron impostas limitacións nos recintos, como a redución de horarios para saír ao patio ou encerramentos de instalacións como duches ou lavandarías. O Clube de Prisioneiros fala “dunha verdadeira guerra” da Administración israelita contra os presos palestinos.

Celebración na Palestina

Apesar do conflito permanente con Israel, millares de persoas saíron á rúa na pasada cuarta feira en cidades da Palestina como Nablus, Gaza, Xerusalén, Hebrón, Ramala ou Ienin para celebrar a fuxida dos seis palestinos. O Exército de Israel non tardou en reprimir as concentracións nas zonas limítrofes, informa Wafa.

Alén dos drons despregados por Israel, acompañados de controis de estrada, sobretodo no contorno de Jenin -de onde proceden a maior parte dos fugados-, as súas Forzas Armadas acaban de confirmar que se suman á busca dous batallóns, seis compañías, dous grupos de recoñecemento, varios escuadróns de forzas especiais e equipas de vixilancia aérea.

NósDiario