A Resolución 1612 do Consello de Seguranza das Nacións Unidas, adoptada en 2005, establece un mecanismo para controlar violacións graves contra crianzas durante un conflito armado. As seis potenciais violacións inclúen asasinatos e mutilacións, recrutamento de crianzas, violencia sexual, ataques a escolas ou hospitais, negación do acceso humanitario para crianzas e secuestro.Cando se descobre que forzas ou grupos armados cometen algunha destas violacións, o Secretario Xeral está obrigado a referencialas no anexo do seu relatorio anual. Esta lista coñécese como a «lista negra» ou «lista da vergoña» da ONU sobre os dereitos da crianza.

 

 

O mecanismo demostrou ser unha ferramenta sólida para reforzar a protección de nenas e nenos durante os conflitos armados na última década. Mais apesar dos persistentes relatorios de axencias da ONU como UNICEF e de grupos locais como DCIP, tanto o actual secretario das Nacións Unidas, Guterres como o seu predecesor, Ban Ki-moon, negáronse a incluír ás forzas armadas israelitas na lista negra de estados violadores dos dereitos das crianzas.

Mesmo apesar de Ban Ki-moon ter sinalado, por exemplo, no seu relatorio de 2014 que houbera un «aumento dramático no número de crianzas mortas e feridas, especialmente en Gaza», con como mínimo 557 nenos e nenas palestinas e catro crianzas israelitas asasinadas e 4.249 crianzas palestinas e 22 israelitas feridas.

Aínda que expresou a súa alarma ante a «escala sen precedentes e inaceptábel» de destrución e danos causados pola operación militar levada a cabo por Israel contra a Faixa de Gaza ese ano, omitiu incluir as forzas sionistas no anexo. Segundo informacións obviamente non oficiais, Ban Ki-moon tería cedido á significativa presión dos Estados Unidos e Israel.

 

 

Defender o dereito internacional

A decisión de Ban Ki-moon e a continuidade da súa política por Guterres transformaron efectivamente un mecanismo eficaz de rendición de contas nun proceso politizado onde os gobernos poderosos poden eximirse do escrutinio e as regras do dereito internacional.

A ausencia de Israel da lista negra outórgalle «unha aprobación tácita para continuar cometendo impunemente infraccións graves do dereito internacional», afirma Brad Parker, representante de Defense for Children International Palestine (DECIP), convidado pola Misión Permanente de Bélgica perante a ONU para informar os membros do Consello de Seguranza sobre as violacións dos dereitos das crianzas en Israel e os territorios palestinos ocupados, a quen -por presións do estado sionista- foi finalmente retirado o convite.

Máis información en Rebelión.