España gasta 40.000 euros só na posta en escena da canción de Miki e entretanto o povo palestino continúa a morrer baixo as bombas sionistas.

A posta en escena da canción que España levará ao Festival de Eurovisión este ano custará a TVE máis 40.000 euros, ou sexa diñeiro de todos, segundo publica o dixital El Confidencial. E todo para cultivar outro fracaso mundial. Habería que preguntar a Rosa María Mateo canto nos sairá esa festa, quer dicir a viaxe, a estancia e as dietas da nosa delegación diplomático-musical só para ficar ben co organizador: neste caso o todopoderoso Estado de Israel.

 

 

Gastar un fortuna nun concurso que xa sabemos de antemán que imos perder -ben sexa por esa teima ancestral dunha parte de Europa cara a España, ben porque de cando en cando acertamos coa canción e cos gustos musicais dos xurados-, non ten demasiado sentido. A Eurovisión habería que continuar enviando un exército de Chikilicuatres neopunkis, vándalos e irreverentes até esa pantomima terminar afundindo como o vello Titanic da televisión europea que é.

Mais é que ademais este ano hai motivos máis que suficientes para non acudir ao serao e non malgastar nin un único euro nese binge drinking de purpurina, banderiñas euroescépticas, horrendos vestuarios e letras ridículas. Hai só uns días Israel lanzaba unha choiva de foguetes sobre a desgrazada Gaza, deixando 20 persoas mortas, entre eles unha nena de 14 meses e a súa nai grávida. Semellante carnificina a apenas dúas semanas antes do festival de Eurovisión, que se celebra en Tel Aviv, parece unha razón máis para que España formule un enérxico protesto e non asista a ese festival anacrónico, charramangueiro e demodé. España debería retirar o seu chancelaría diplomática de Eurovisión, máis cando non pasou nin un mes desde que o presidente dos EUA, Donald Trump, recoñecese formalmente a soberanía israelita sobre os Altos do Golán, un territorio sirio ocupado polo Estado xudeu desde 1967.

Hai tempo que Israel dexenerou nun Estado expansionista e de tintas fascistoides. Encerrar millares de palestinos nun gueto, nun trozo de terra furada polas bombas como un queixo de gruyer, entre os arames, as ruínas e as ratas, sen luz, sen auga potábel, sen comida e sen medicamentos, é un castigo que se parece bastante a Auschwitz e un motivo humanitario filosóficamente xusto para boicotar a farsa eurovisiva que sempre gañan os mesmos.

En Eurovisión non deberiamos deixar nin un céntimo, mais é que ademais este ano perdemos unha oportunidade de ouro para dicir ao réxime de Tel Aviv, alto e claro, que non participaremos na súa festa chea de confetis manchados de sangue e música criminosa en repulsa polas vítimas que sucumben baixo os seus infames míseis.

A traxedia do pobo palestino, que dura xa décadas, é unha vergoña para o mundo, un xenocidio só comparábel ao que sufriron os propios xudeus durante a Segunda Guerra Mundial. Os xudeus, que en 1940 padeceron a persecución das bestas nazis, hoxe masacran os palestinos con métodos moi parecidos como a reclusión de millares de persoas en inmensos campos de concentración onde o único futuro que resta é esperar o misilazo xudeu de fabricación ianque. É dicir, pasaron de vítimas a carrascos por un macabro capricho da historia.

Hai demasiado tempo que o inferno da Faixa de Gaza non ten nome en tanto Europa olla para outro lado para non ver o exterminio, o horror, a represión e a tortura que sofre Palestina. Aceptar o convite do monstro para participar na súa bacanal de música mala mentres catro bairros máis abaixo as crianzas palestinas sofren o terror da guerra e a ira dos avións, míseis e tanques de Yahveh é unha obscenidade e unha inmoralidade dificilmente dixeríbel. Pouco importa xa se a La venda, a canción de Miki, gañará ou non un certame que España non gaña desde Salomé, alá polo Antigo Testamento da televisión en branco e negro.

Eurovisión só serve para facer política na sombra, para que os eixos aliados europeos asinen a fraude cando chega a hora do cambalacho dos votos pola mellor canción, amolando así o país veciño, tradicional inimigo do outro lado do Rin. Mais este ano, cando sair na tele pública a típica presentadora frívola acartonada de maquillaxe e co cabelo cardado para soltar aquilo de cada ano de ‘Guayominí dei puán; Spain cero points’ pensemos non só no contubernio das repúblicas bálticas para se votaren entre elas, senón nese pobre bebé rebentado por unha bomba israelita que caeu dos ceos infernais da Palestina.

José Antequera

Diario16