Israel oficializou o que xa era un segredo público: a súa política é disparar contra os palestinos que enfrentan os soldados do Exército ocupante, aínda que non representen unha ameaza ou tiveren emprendido a fuga.

 

El Ejército de Israel mata a un palestino que había abierto fuego contra  soldados en Ramalá

 

 

O Exército de Israel revisou as súas políticas sobre uso de fogo real para autorizar os soldados a disparar contra palestinos que lanzasen pedras ou artefactos explosivos, mesmo cando estes non presenten unha ameaza ou tivesen emprendido xa a fuga.

As modificacións foron confirmadas por un porta-voz do Exército en declaracións ao diario The Times of Israel, que sinala que as novas normas entraron en vigor hai case un mes e o seu obxectivo é evitar que os sospeitosos escapen á xustiza.

Neste sentido, subliña que estes protocolos, que inclúen dar o alto e disparar primeiro ao ar antes de efectuar disparos directos, contemplan o detención como a conclusión preferíbel para este tipo de situacións.

Así mesmo, resaltou que a política aborda unicamente as situacións en que un atacante atire rochas ou explosivos contra civís, non contra persoal militar durante manifestacións ou protestos, aínda que varios especialistas criticaron estas disposicións.

As novas políticas contemplan que os militares teñen autorización para activar o protocolo, incluído abrir fogo directo contra sospeitosos, caso veren unha persoa lanzando pedras ou explosivos, mesmo se o incidente terminou e a persoa emprendeu a fuga.

Críticas

Neste sentido, o antigo procurador militar israelita Liron Libman criticou que «unha persoa que foxe non presenta unha ameaza e, a menos que se estea nun escenario de combate activo e poida ser considerada combatente, o que non é o caso na Cisxordania, o uso de forza letal é verdadeiramente irregular e unha medida de última instancia».

Eliav Lieblich, profesor de Dereito na Universidade de Tel Aviv, indicou a The Times of Israel que esta política non parece estar en liña co dereito internacional, tanto no relativo a leis sobre conflito como ao Dereito Humanitario.

«Non cumpre as leis de conflito armado porque non hai un conflito activo na Cisxordania e non cumpre o Dereito Humanitario porque non hai forma de demostrar que o uso de fogo real satisfai as necesidades de defensa propia ou sexa “absolutamente necesario”», argüiu.

Morto no chan

O anuncio destas mudanzas, que foron explicadas por primeira vez no pasado domingo pola emisora israelita Kan, chega case dúas semanas despois de a Procuradoría ter fechado as investigacións sobre dous axentes que mataron a tiros un palestino que apuñalou un civil israelita en Xerusalén cando xa estaba deitado no chan.

O procurador Amit Aisman dixo que «as explicacións dos axentes da Policía Fronteiriza de que actuaron en defensa propia son consistentes co resto das conclusións das investigacións, incluído o vídeo que documenta o incidente na súa totalidade».

Por contra, a Oficina do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos expresou a súa «conmoción por esta execución extra-xudicial evidente». «A gravación mostra Salima atacando un transeúnte e a un axente cun coitelo antes de ser tiroteado e abatido. Cando estaba ferido no chan as forzas israelitas disparan dúas veces contra Salima e aparentemente o matan», sinalou o organismo.

«Este tipo de execucións extra-xudiciais son a consecuencia do recurso regular á forza letal contra os palestinos por parte de persoal de seguranza israelita ben armado e ben protexido», destacou. Así mesmo, o organismo apuntou «a case total falta de rendición de contas polas mortes e feridas sufridas por palestinos a mans de forzas israelitas».

Neste contexto, a Autoridade Palestina e o seu presidente, Mahmud Abbas, describiron o incidente como unha «continuación da agresión de Israel contra o pobo palestino». Así, o primeiro ministro palestino, Mohamed Shtayé, condenou este «crime por execución» e pediu a intervención do Tribunal Penal Internacional (TPI).

Outro morto nun control

Precisamente a pasada terza-feira outro palestino morreu por disparos de tropas israelitas que aseguraron o home ter atropelado cun vehículo un grupo de soldados nun punto de control militar da Cisxordania, confirmou o Exército.

O asaltante foi «neutralizado» polos axentes israelitas apostados no punto de control, que resultaron ilesos do ataque. «Ao neutralizalo, o seu coche chocou contra un vehículo militar que estaba estacionado no posto de control. Como resultado, os dous vehículos prenderon lume», afirmou o portavoz militar.

O corpo do atacante foi achado dentro dun dos vehículos calcinados após a intervención dos bombeiros.

O incidente produciuse nas proximidades da colonia de Mevo Dotan, entre as cidades palestinas de Nablus e Jenin, onde nas últimas semanas houbo numerosos incidentes violentos.

Aumento de ataques

Na quinta-feira, nesa mesma zona, asaltantes palestinos abriron fogo contra un vehículo israelita no colonato ilegal de Homesh, perto de Nablus, onde un colono israelita morreu e outros dous resultaron feridos.

En represalia pola morte de Dimentman, centos de colonos atacaron esa mesma noite e no día seguinte varias aldeas palestinas próximas, atiraron pedras e mesmo prenderon lume a unha casa, alén de agredir unha familia palestina.

Dous días despois, catro palestinos sospeitosos dese ataque foron detidos. Segundo as autoridades israelitas son membros da Yihad Islámica, que esta semana prometeu xunto con Hamás intensificar as ofensivas cara a obxectivos de Israel.

Recentemente produciuse un repunte dos ataques de palestinos contra israelitas, tanto na Cisxordania como en Xerusalén.

Os ataques de colonos contra palestinos na Cisxordania, aínda que son case diarios, tamén se intensificaron moito nos últimos meses. No que vai de ano, rexistráronse 332 ataques contra propiedades palestinas e 118 contra residentes que resultaron feridos, cifras que xa superan con fartura as de 2020.

O coordenador especial da ONU para o proceso de paz no Oriente Medio, Tor Wennesland, advertiu que o aumento da violencia na Cisxordania entre israelitas e palestinos podería desencadear outra guerra en Gaza.

Naiz