Junqueras pide a la UE que supervise los resultados de las elecciones catalanas

 

O auto do Supremo polo que se mantén Oriol Junqueras en prisión é esperpéntico da perspectiva do delito de rebelión.

O presuposto de feito do delito de rebelión é un alzamento violento. A violencia é un elemento constitutivo do tipo penal. A acción política ou cívica pacífica ou, en todo caso, non violenta, co obxectivo de “declarar a independencia dunha parte do territorio nacional”, poderá ser, sen dúbida, unha acción antixurídica, mais non é unha acción constitutiva do delito de rebelión. Porque sen violencia non hai rebelión.

Isto, que eu saiba, non se discutiu nunca. Non hai ningún Manual de Dereito Penal no que non se explique o delito de rebelión desta maneira. E por iso resulta difícil de entender que o Fiscal Xeral se querelase contra os membros do Govern e da Mesa do Parlament ante a Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo por un delito de rebelión.

En todo o desenvolvemento do chamado ‘procés’ non houbo nin un só acto de violencia por parte dos protagonistas do mesmo. Sucedéronse ao longo de sete anos manifestacións e concentracións extraordinariamente masivas e celebráronse dúas consultas con participación de algo máis de dous millóns de persoas, sen que se rexistrase nin un só acto de violencia sobre as persoas e nin sequera algún acto de vandalismo. Todas as persoas que participaron, fosen autoridades ou cidadáns normais e correntes, fixérono de maneira completamente pacífica. Isto non foi discutido por ninguén.

Como se xustifican, entón, as querelas por rebelión? De que maneira acreditan o Ministerio Fiscal, a Audiencia Nacional ou o Tribunal Supremo a conduta violenta das persoas contra as que se dirixen as querelas? En que momento se produciu un “alzamento violento” por parte de Oriol Junqueras, por exemplo, que o converta en “reo do delito de rebelión”?

Non hai unha resposta que non sexa disparatada para estas interrogantes nos escritos da Fiscalía ou nos autos da Audiencia Nacional ou do Supremo. O auto ditado pola Sala do Tribunal Supremo na sexta feira polo que se decide manter a medida de prisión provisoria para o señor Junqueras proporciona o mellor exemplo do que digo.

A Sala recoñece expresamente que non é posíbel imputar nin directa nin indirectamente ningún acto de violencia ao vicepresident do Govern. Nin actuou nin ordenou actuar con violencia en ningún momento. Isto está acreditado. E con todo, a Sala faino responsábel da violencia contra as persoas que pretendían votar no referendo convocado pola Generalitat o día 1 de outubro, ordenada polo Goberno da nación aos membros das forzas e corpos de seguranza do Estado. Ao convocar o referendo, o Govern obrigou o Estado, isto é, o Goberno da Nación, a reaccionar exercendo violencia contra os cidadáns. Como ninguén pode descoñecer que un Estado reaccionará con todos os medios á súa disposición para evitar a quebra da súa integridade territorial, son os que provocan esa reacción os responsabeis da violencia.

O “alzamento violento” do Govern consistiu en que provocou que o Goberno da Nación tivese que ordenar as cargas da Policía e a Garda Civil contra os cidadáns que querían votar. Ditas cargas, convén non esquecelo, conduciron a que o Grupo Socialista tomase a iniciativa de reprobar a vicepresidenta do Goberno. Iniciativa que quedou sen efecto coa votación do 155 da Constitución. E con todo, no auto da Sala do Supremo transférese a responsabilidade da vicepresidenta Saénz de Santamaría ao vicepresident Junqueras e con esa operación xustifícase a querela por rebelión contra este último.

O auto, a perspectiva do delito de rebelión, é esperpéntico. Non o é en absoluto na descrición que fai do ‘procés’ e no carácter antixurídico do mesmo, mais si na súa cualificación como delito de rebelión. Non houbo ‘alzamento violento’ por parte do Govern, mais si ‘contra-alzamento violento’ por parte do Goberno da Nación. Na provocación deste contra-alzamento está a xustificación do delito de rebelión por parte dos membros do Govern. A Generalitat é a responsábel da violencia exercida polo Estado contra os seus cidadáns. Esa é a violencia que converte Oriol Junqueras en reo do delito de rebelión.

Isto non pode acabar ben nunca.

Fonte: eldiario.es