Con data 4 de febreiro, a plataforma International Trial Watch. Catalan Referendum Case, creada por diversas organizacións sociais e institucionais de protección de dereitos, enviou escrito ao Tribunal Supremo despois de ter sido negada a entrada de observadora/es internacionais na sala de vistas en que terá lugar o xuízo a dirixentes independentistas da Catalunya.

 

                                               Iñaqui Rivera, promotor de International Trial Watch

 

ITW solicita no seu escrito unha reunión co presidente da sala segunda do TS, Manuel Marchena, co fin de poder expor os motivos para considerar a necesidade de garantir a presenza na sala de observadora/es internacionais que podan realizar a súa tarefa coa debida profesionalidade e propoñen como data para esa posíbel reunión o próximo dia 7 de febreiro. Afirman confiar en que o principio de inmediación, tan destacado nos principais instrumentos internacionais (normativa, recomendacións, guias de observación, entre outros) sexa facilitado sen obstáculos.

Asi mesmo, ITW reitera publicamente mais unha vez a súa independencia e autonomía institucional, política e económica a respecto de calquera organismo, así como das partes do proceso.

Indican que a plataforma foi creada para facilitar a presenza acreditada de Observadores/as que viaxarán expresamente desde cidades europeas e americanas para realizaren o mandato das súas organizacións internacionais de dereitos humanos como veñen facendo desde hai anos en numerosos países do mundo. Entre outras, a American Bar Association dos Estados Unidos de Norteamérica, Euromed Rights, a French League for Human Rights, a Federación Internacional de Dereitos Humanos con sede en París, a Asociación de Avogados Europeos Demócratas, a Asociación Europea de Xuristas pola Democracia e os Dereitos Humanos, Fair Trials da Gran-Bretaña, Antigone da Italia, por citar apenas algunhas das mais destacadas.

No que di respecto á identidade das persoas que estarán presentes como observadoras da plataforma na sede do alto Tribunal, informa ITW que na primeira semana do xulgamento oral (semana do 12.02.2019), conforme ao escrito presentado no 17 de xaneiro deste ano, asistirán acreditadas pola plataforma:

BARCELÓ, Mercè (DNI 38501371S)
Catedrática de dereito constitucional da Universidad Autónoma de Barcelona.
DUJARDIN, Claire (Cidadá Francesa)
Avogada de Toulouse. Miembro de la AED
MARCELLI, Fabio (Cidadán Italiano)
Investigador de dereito internacional no Consello Nacional de Investigación Italiano
(CNR). Membro de AED e ELDH
NOGUERES, Dominique (Cidadá Francesa)
Avogada, membro da FIDH e vice-presidenta da Liga Francesa dos Dereitos
Humanos.
PEREZ-ROYO, Javier (DNI 28318628Q)
Catedrático de dereito constitucional da Universidade de Sevilla.
UREEL, Frédéric (Cidadán Belga)
Avogado, ex-presidente da AED e membro do Consello Superior de Xustiza
Francófona e Xermanófona de Bélxica.

Solicita ITW que, como moitas destas persoas acudirán á cidade de Madrid desde outras capitais, lles sexa faciitado o acceso ás dependencias xudiciais aos efectos referidos e que a autorización para o facer sexa outorgada de antemán polo TS.

O TS rexeita reunirse coa plataforma

O Tribunal Supremo rexeitou esta cuarta-feira a solicitude de entrevista solicitada por representantes da plataforma International Trial Watch en calidade de promotores de equipas de observación internacionais.

Así foi decidido pola Sala do Penal do TS, presidida por Manuel Marchena, que xulgará dirixentes do ‘procés’ catalán a partir do próximo 12 de febreiro.