Causa Galiza chega a este 25 de Xullo cunha boa nova: a Audiencia Nacional retirou a acusación de “pertenza a banda armada” contra 9 membros desta organización independentista detidos en outubro de 2015 cun grande dispositivo policial e mediático. Falamos con Joam Peres, do comité executivo de Causa Galiza e unha das persoas imputadas.

A Audiencia Nacional retirou a acusación de “pertenza a banda armada” aos 9 militantes de Causa Galiza detidos en 2015 no marco da Operación Jaro. Que valoración facedes dese paso? E como fica o proceso contra estes independentistas após esta novidade?

O proceso vivido nestes catro anos é a demostración práctica do que é a Audiencia Nacional: en 2015 sacáronnos da cama de madrugada a punta de metralladora. O benemérito corpo tivo a deferencia de advertir nalgún consello de redacción de que tivemos noticia que a cobertura informativa das detencións entrañaba perigo porque poderíamos oferecer resistencia armada. A acusación, daquela, era que Causa Galiza era o “brazo político” dunha suposta organización armada independentista. Fomos expostos e expostas a un xulgamento mediático unánime e inapelábel. O delegado do Goberno español na CAG, Santiago Villanueva, parabenizábase na TVG da “desarticulación da banda” e La Voz de Galicia aínda anunciaba recentemente que éramos nada menos que a “columna vertebral” de ”Resistencia Galega”.

Contodo, a Audiencia Nacional, despois de examinar supostamente os dados, decidía devolver o status legal ao suposto “brazo político” e, paradoxalmente, manter as imputacións “por pertenza a organización armada” ás nove persoas procesadas. De existir pola nosa parte unha actividade delituosa organizada, esta canalizaríase através de Causa Galiza. Que a organización recuperase a condición legal invalidaba todo o proceso, mais non foi así: mantiveron a imputación de ”pertenza”. Finalmente, hai 20 días, a Audiencia Nacional desimputábanos tamén deste delito, co que todo o número montado en 2015 –a “desarticulación” da que falaba Santiago Villanueva, Fernández de Mesa, a Guardia Civil e La Voz de Galicia– demostrou ser unha absoluta farsa policial, xudicial, mediática e política. Evidentemente, todo isto responde a un cálculo político.

Neste momento, sabemos que iremos a tribunal por enaltecemento, con posibilidade de condenas menores de prisión, de 1 a 3 anos e de inhabilitacións para traballar nas administracións públicas

Agora, co proceso xa totalmente deconstruído, manteñen a acusación de “enaltecemento do terrorismo”, que tamén é falsa, e doce persoas seremos xulgadas en Madrid proximamente por este motivo: nós temos feito parte de dinámicas de solidariedade con independentistas presos, como é público e notorio, mais non se pode dicir que defendésemos no noso traballo político o emprego da violencia. O que acontece é que a tipoloxía delituosa do ”enaltecemento” é tan elástica e interpretábel que aquí se abre unha auténtica zona de impunidade xudicial. Basta dicir que, no seu día, os actos de memoria histórica sobre a Revolución Galega de 1846 aparecían como material do sumario. Neste momento, sabemos que seremos xulgadas por enaltecemento, con posibilidade de condenas menores de prisión, de 1 a 3 anos e de inabilitacións para traballar nas administracións públicas. Nós chamamos a sociedade galega a avaliar ponderadamente os dados obxectivos existentes, a tirar as conclusións necesarias, a responder perante o xulgamento, que será en cuestión de semanas, e, sobretodo, a imaxinar cal pode ser a veracidade doutros operativos que deron continuidade ao noso, como foi a Operación Jaro II contra Ceivar, ou a chamada Operación Lusista de xuño.

Denunciades que o independentismo está sometido a periódicos procesos represivos (policiais, xudiciais, mediáticos…) para evitar o seu desenvolvemento e tentar ‘confinalo’ nunha lóxica represiva que absorba os seus esforzos…

Denunciámolo porque é unha realidade obxectiva que isto acontece con certa periodicidade. Na autodenominada “etapa democrática” e antes dela: coa UPG en 1975 antes do inicio da fraude da Transición; co PGP e Galiza Ceibe (OLN) antes do referendum estatutario; coa APU en 1991; con AMI en 2005; con Causa Galiza en 2015 unha vez se confirma a vontade de continuidade independentista despois dos acontecementos de 2012… A aposta do Estado é constrinxir o independentismo a unha dialéctica marxinal en que cubrirse dos golpes e denunciar a represión sexa o único, ou praticamente o único, roteiro posíbel. Nese círculo vicioso, por encomiábel que sexa manterse de pé, nada hai que facer. Cando entraron nas nosas casas en 2015 non procuraban armas nen bombas. Procuraban desarticular un gromo de proxecto político que saben que ten potencialidade e condicións obxectivas para o seu crecemento e instaurar un estado de pánico na militancia e un cinto sanitario. Cortar a erba a rentes do chan. Coa humildade con que deben ser feotas este tipo de afirmacións, queremos dicir que non o conseguiron, que tivemos a capacidade para continuar e que nos mantivemos de pé apesar das dificuldades evidentes de todo o tipo.

 

Non temos vocación de ser o Grilo Falante de ninguén e moito menos de factor testemuñal

 

Está aí a cuestión dos presos e presas independentistas.

Historicamente, a represión persegue de maneira sistemática as persoas e organizacións que puxeron sobre a mesa a carta independentista e posibilitaron co seu sacrificio persoal que hoxe exista nación política e unha perspectiva de ruptura. Iso foi así, de maneira tráxica, en 1846; en 1856, cando varios participantes no Banquete de Conxo eran condenados á deportación ás Illas Marianas; en 1936, cando a práctica totalidade dos membros do Comité da Autonomía son asasinados e se producen execucións, encarceramentos, etc. de decenas de cadros e militantes do PG e esa práctica do Estado chega até hoxe. A sombra da represión é inherente á existencia dunha vontade galega de soberanía e non depende dos chamados “métodos de loita”, como demostra sen resquicio para a dúbida o que acontece en Catalunya.

Hoxe, como ocorre desde 1975 de xeito practicamente ininterrompido, existen mulleres e homes independentistas que están presos e despallados. Son, á marxe da consideración política que merezan a cada quen, a expresión dun problema político de soberanía. Nós reclamamos o respecto para os seus dereitos humanos, políticos e constitucionais, a súa repatriación e, tamén, a súa liberdade e instamos o Estado español a abrir vías democráticas para a solución do problema galego através do exercicio do dereito de autodeterminación.

X.M.P.

Ler a entrevista na íntegra no Sermos Galiza