Unha emenda do Goberno central prevé recoñecer aos funcionarios de prisións como axentes da autoridade. Unha petición de 26 organizacións require aos grupos parlamentares do Congreso non abriren a porta ao retroceso nos dereitos fundamentais e na dignidade das persoas presas. Falamos con Jorge del Cura, membro do Centro de Documentación Contra la Tortura.
A nova lei ‘mordaza’ recoñecerá aos funcionarios de prisións como axentes da autoridade no caso de prosperar unha emenda presentada polo PSOE e Unidas Podemos. A emenda suporía modificar vía disposición final o artigo 80 da Lei Xeral de Penitenciaria e outorgar un maior grao de protección aos traballadores públicos.
Significará que a agresión dun recluso a un vixilante de prisións será considerada atentado e por tanto causa penal, non só administrativa. Tamén que, e entre outros aspectos, os funcionarios de prisións pasarán a gozar do principio de veracidade na tramitación de partes e informes disciplinares. Así, e “agás proba en contrario”, a declaración dun funcionario bastará para sancionar un preso.
O recollido na emenda é unha das reivindicacións que levan tempo uxindo os sindicatos, que consideran de forma maioritaria un avance mais insuficiente na mellora das súas condicións laborais. Manteñen declarado o conflito colectivo con Interior e a petición de demisión ao director de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz, ten aínda plena vixencia.
Funcionarios de prisións de A Lama, Teixeiro, Bonxe, Monterroso e Pereiro de Aguiar informaban a Galicia Confidencial dos males endémicos que atinxen todas as prisións do Estado e afectan tamén os cárceres galegos. Denunciaban a intensificación da violencia ante a falta de recursos e o ocultismo de Institucións Penitenciarias. Afirmaban que alén dos graves déficits na atención sanitaria e educadora aos presos, nun módulo onde antes había cinco funcionarios agora hai dous. Á falta de capital humano sumaban o envellecemento dos traballadores e a falta de formación para afrontar situacións conflituosas, o que, aseguraban, ía en detrimento da seguranza. Por iso, consideraban que seren recoñecidos axentes da autoridade actuaría como medida disuasora á hora de seren atacados.
Mais 26 organizacións que acaban de dirixirse aos grupos parlamentares do Congreso para pedir un paso atrás e non aprobar a medida, lembran que a norma aprobada no 79 que agora pretenden reformar supuxo “un salto democrático, xa que creou un corpo civil para a xestión dos centros prisionais, en contra do que acontecía no réxime franquista”. Para estas organizacións, a emenda formulada polo Goberno central supón a “policialización” do funcionariado, abrindo a porta á arbitrariedade nas decisións que afectan ás persoas privadas de liberdade e dificultando aos reclusos denunciaren situacións de malos tratos ou tortura.
O rexeitamento destas organizacións á emenda ampárase no relatorio do Comité para a Prevención da Tortura (CPT) do Consello de Europa após a súa última visita ao Estado español, en setembro de 2020. Nesa visita que durou 14 días o CPT visitou comisarías, prisións, centros de menores e hospitais psiquiátricos penitenciarios de Andalucía, Comunidade Valenciana e Madrid. Neses 14 días o comité recolleu 21 alegacións de persoas privadas de liberdade por malos tratos ou tortura (para ditaminalo é precisa unha investigación xudicial) nas tres comunidades. En todos os lugares en que estivo o CPT encontrou detidos e fundamentalmente presos que alegaron ter sido obxecto de tortura ou malos tratos.
Son datos que proporciona Jorge del Cura, membro do Centro de Documentación Contra la Tortura. Falamos con el.
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
A presión sindical estaría por atrás de que o Goberno central busque aprobar esta emenda? Non sei se sorprende máis, se cadra, por parte de Unidas Podemos.
Creo que os sindicatos están pedindo moitas cousas, entre outras un aumento de salario, que me parece lexítimo, e centraron as súas batallas nesa mellora económica e no recoñecemento como axentes da autoridade. Posibelmente o Goberno non pode outorgar todo iso e, como non dan un aumento de salarios ou polo menos non todo o que piden, tentan silencialos con esa medida. Estou convencido de que se lles ofrecen un aumento do 50% en troca de non seren axentes da autoridade a inmensa maioría dos funcionarios estaría de acordo.
Por outra parte houbo pequenas tentivas por parte do actual director de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz, de pór fin ás torturas e malos tratos. Houbo por exemplo algunha circular para que calquera queixa ou denuncia por trato degradante de calquera preso sexa remitida directamente ao xulgado de garda haxa ou non parte de lesións, e isto os funcionarios de prisións considerárono como unha tentativa de criminalización e menoscabo. Entón creo que aí hai un intento por parte do Goberno de dicir: dun lado fago isto e, doutro, douche esta ‘guloseima’. Tamén lles ofreceron poder rexistrarense, ao seren axentes da autoridade, non co seu nome cando fan unha denuncia senón co seu número profesional. Se pasa isto pasaría como cos axentes de policía, que non hai forma de identificalos e portanto aumenta a impunidade.
Creo que o Goberno non pode afrontar a parte económica e tentan compensalos mais en calquera caso creo que Unidas Podemos debería explicar esa mudanza. Non só que os partidos se opoñan senón que Unidas Podemos explique esta mudanza de posición. É unha opinión persoal, non dos colectivos que asinan a proposta.
O Comité de Prevención da Tortura notificou no último relatorio que os malos tratos cara as persoas presas continúan producíndose. Poderías aprofundar un pouco nesta cuestión?
O comité móstrase moi preocupado non só polas agresións que ocorren nas comisarías, que son fundamentalmente para conseguir información (o cal entraría claramente na definición de tortura das Nacións Unidas), senón pola situación de prisións, onde fixo un estudo máis en profundidade. Alí topou con situacións moi graves. En concreto, leo literalmente: “en todas as prisións visitadas os presos se referiron a varios funcionarios que buscaban provocar conflitos ou que utilizaban calquera pretexto para demostrar o seu poder sobre os reclusos, mesmo con malos tratos físicos e abusos verbais“. Continúa: “Alén diso, todos os presos cos que falou a delegación, afirmaron que presentar calquera tipo de queixa formal contra un funcionario de prisións só empeoraría a situación”.
Xa agora para os presos presentaren unha denuncia é moi complicado, con problemas de transferencias e privacións de visitas, e se esas queixas foren dirixidas contra un axente da autoridade, poderían encontrarse e encontaríanse cunha contra-denuncia que agravaría de xeito importante a súa situación en prisión. Se xa hai agora medo a denunciar, como din os presos, esta situación empeoraría.
E chegan a algún lado as denuncias que se fan?
O CPT sinala que, alén destes 21 casos de agresións notificadas, moitos presos comentaron que sufriran malos tratos en prisións mais que preferían non comentalas para evitar represalias. En Albocàsser, dos 75 presos cos que se entrevistou, a terceira parte manifestou ter sido obxecto de malos tratos ou tortura por parte dos funcionarios. Son 25, e no que recolle o procedemento só falan de 2 casos, polo que hai outros 23 casos de presos que alegaron malos tratos mais que non quixeron que se fixese público.
Segundo as conclusións do CPT “existe un patrón de malos tratos físicos infrinxidos por funcionarios de prisións como reacción desproporcionada e punitiva ao comportamento recalcitante dos presos“. É algo reiterado, non algo isolado. Tamén é certo que a inmensa maioría dos funcionarios non participa nestas agresións mais outra cousa é que calen ou ollen para outro lado.
Por suposto que a estas denuncias non hai que darlles unha carta de credibilidade absoluta, hai que investigalas, mais non se investigan. O comité tamén se queixa de que os xulgados non fan ningún labor de investigación senón que se limitan a dar por bo o que informa o centro penitenciario. Se os funcionarios, que xa teñen unha certa presunción de veracidade, teñen ademais carácter de autoridade e a súa palabra maior peso, evidentemente as posibilidades de que se investiguen estas condutas desaparece. Esta medida sería un paso atrás en calquera intento de consolidar os dereitos das persoas e consolidaría esa cultura de abuso e impunidade que o propio Consello de Europa denuncia.
Mais tamén os funcionarios de prisións levan tempo manifestando un aumento de agresións por parte dos internos e denunciando o silencio de Institucións Penitenciarias nestes casos, concluíndo que ao Ministerio de Interior non lle interesa notificar estas agresións para non recoñecer que a reinserción non se está dando nos cárceres españois. Concordas?
Non. Os cárceres son unha institución violenta desde o momento en que hai persoas privadas de liberdade, e á marxe de que sexa xusto ou inxusto, nas prisións hai violencia. Mais, polos datos que temos, estamos nun momento, por dicilo dalgunha maneira, tranquilo. Dígoo ente aspas. Hai agresións de presos a funcionarios e algunhas son relativamente graves, e en todo caso, inaceptabéis. Mais esa situación que denuncian os funcionarios é parella ás denuncias que fai a Garda Civil, que está a dicir que hai un aumento das agresións contra policías e non é verdade. Hai agresións, e eles encarréganse de facelas públicas, mais non hai un aumento especial. Como tampouco é verdade que a sociedade española sexa moi violenta e belixerante. Afortunadamente é unha das sociedades máis pacíficas de toda Europa.
Hai agresións e hai que investigalas todas, sexan de funcionarios a presos ou de presos a funcionarios. Mais esas situacións de violencia, que se dan porque os cárceres están baseados na violencia, aínda que sexa no monopolio lexítimo do Estado, non se solucionan co Código Penal. Soluciónanse con máis formación. De feito o Comité incide en que hai que formar os funcionarios para poderen resolver con eficacia as situacións conflitivas que se dan en prisións e non co uso da violencia e a agresividade. O Comité di varias veces que a resposta habitual dos funcionarios ante situacións conflitivas é o emprego da forza mínima necesaria, que xeralmente é abusiva porque se podería evitar dende o primeiro momento.
Institucións Penitenciarias insiste en que si que os funcionarios son formados, mais a formación en dereitos humanos non se aprende na Constitución nin na Convención contra a Tortura das Nacións Unidas, é que se entenda que significa a dignidade das persoas e se saiba aplicar. Non falo soamente dos funcionarios senón da sociedade en xeral. A sociedade española está moi falta de formación en dereitos humanos, incluíndo os colectivos de dereitos humanos e incuíndome a min.
Os funcionarios de prisións falan de graves problemas nas RPT dos centros. Hai moi pouco persoal, están baixo mínimos, e a isto súmase que a maioría dos funcionarios non ten menos de 50 anos a carecen de formación específica para se protexeren de situacións violentas.
Estou dacordo en que non son formados en resolver situacións conflitivas. Non se lles dá formación mais tamén é verdade que non costuman pedila. Tamén concordo en que a dotación de traballadores en prisións é insuficiente mais non tanto porque o persoal vixilante ou celador sexa insuficiente (aínda que en algunha prisión hai problemas), senón porque hai unha falta de persoal especializado: educadores, sobre todo médicos, enfermeiros, psiquiatras… Que alén do mais é o persoal que podería atender con maior facilidade esas situacións conflituosas.
O problema non é que se aumente o número de funcionarios de prisións, que me parece unha reivindicación sindical correcta como pode acontecer no cadro de persoal de calquera empresa, mais o que falta é persoal técnico especializado.
É evidente que o traballo en prisións é moi difícil e hai que dar esa formación para poder afrontar situacións conflituosas, mais non máis autoridade nin máis medios represivos. E aquí estamos a confundir unha cousa coa outra e ao final utilízanse situacións reais non para reivindicar a solución real senón para pedir máis autoridade. Creo que ese é o problema.
Un dos argumentos esgrimidos é que os reclusos comprenden perfectamente cal é a diferenza entre agredir alguén que é axente da autoridade e agredir alguén que non o é. Neste senso, seren recoñecidos como axentes da autoridade non atallaría a conflitividade?
O problema, no caso da violencia física ou verbal, non é un problema de autoridade senón de mediación e contención. Se os funcionarios de prisións se queixan de que non se lles ensina a facer isto estou dacordo con eles e eu apoiaría esas peticións. Os funcionarios non están formados para atender a persoas en situacións de estrés, e cando alguén vai a un xulgado vai con medo e angustia e non se sabe como tratar o cidadán. Isto pasa con persoas libres, imaxina cando están en privación de liberdade. Hai unha falta de educación en dereitos humanos, en dignidade das persoas e empatía, importante.
E sen dúbida saben que non é o mesmo agredir un axente da autoridade que un funcionario porque xa se encarregan os funcionarios de repetilo. Xa se ve na campaña para conseguilo, en que segundo eles as agresións que sofren están pouco castigadas. Mais o que hai que ter é un ambiente que impida esa agresión e cando se dá a situación conflituosa, saber tratala para non ter que recorrer á violencia ou a usar o mínimo real de violencia necesaria.
Se queren ser recoñecidos como axentes da autoridade é non tanto para que o preso non os agrida senón para que o preso non os denuncie, creo que é a diferenza importante. Para que non agridan hai que rebaixar a tensión, iso é o que non se está facendo e, ao contrario, con estas medidas vai aumentar porque vai aumentar a situación de abuso por parte dos funcionarios que, insisto, son unha pequena parte. Se estes funcionarios se sinten respaldados na súa actuación, eses abusos van aumentar. E as posibilidades de denuncialo van diminuír.
E esa mediación ou contención para tratar os conflitos que xorden en prisións non é menos eficiente tendo en conta a cantidade de persoas con patoloxías psiquiátricas que están nos cárceres?
Claro, mais o problema é previo. Esas persoas con patoloxías non deberían estar nun cárcere. E se teñen que estar no cárcere pola razón que sexa eses cárceres deberían ter unha equipa de psicólogos e psiquiatras importante.
O problema que recolle o CPT no que se refere aos doentes psiquiátricos, dos que hai un número elevadísimo, é que os funcionarios consideran unha tentativa de engano á institución mesmo daquelas persoas que tentaron suicidarse ou auto-lesionarse as respostas costuman ser agresións ou contencións… diferentes medidas que non son correctas e aumentan as situacións de dor. O celador non é quen ten que responder a un surto psicótico, se se dá esa situación o primeiro que ten que facer é chamar ao médico ou psicólogo para que estea presente en todo caso na redución.
Entendo que eles topan con situacións moi conflituosas mais a solución non é que te dean carta branca para actuares como queiras, senón que reclames a presenza de persoal sanitario e formación. Despois, claro que para casos isolados son precisas unha serie de ferrarmentas que permitan esa defensa.
Hai algún país para o que poidamos ou debamos ollar coa vontade de corrixir o modelo penitenciario do Estado?
Nos países nórdicos teñen un sistema penitenciario aparentemente mellor, aínda que tamén é duro. Mais os países nórdicos son países diferentes, non son o modelo porque evidentemente as situacións sociais son diferentes: teñen un nivel económico moitísimo máis alto, unha poboación máis reducida, unha educación moi superior… E se só queremos mudar os cárceres sen mudarmos o resto da sociedade, é moi difícil.
Noutros países, como por exemplo na Inglaterra, o sistema de monitoreo por parte da sociedade civil das prisións funciona mellor e iso evita agresións e abusos. Son mecanismos que penso que aquí se poden mellorar, mais temos normas internacionais como as regras Mandela, as regras mínimas de tratamento ás persoas reclusas, que se teñen actualizado hai non moito tempo e están aprobadas polos estados. Aplicalas significaría tomar a serio os dereitos humanos e a dignidade das persoas, de todas elas: presos, funcionarios, cidadáns… Iso non se fai porque hai prioridades, entre outras, económicas. E querer arranxar a situación dos cárceres de forma isolada ao resto da sociedade é imposíbel.
Agora, hai cousas que se poden facer. Investir máis en formación, investir máis en persoal preparado para atender estas persoas que están en situacións graves, formar máis os funcionarios, pagarlles de forma adecuada…Mais como país a copiar a verdade é que non se me ocorre…Houbo un retroceso moi grande en xeral dende os anos 80, sobretodo co Neoliberalismo, e as políticas penitenciarias en todas as partes do planeta son as políticas da exclusión e a incapacitación.