A mesa redonda organizada en Donostia por Euskal Memoria estivo marcada pola recente sentenza europea sobre Portu e Sarasola, e tamén pola presenza estelar do activista arxentino José Schulman, secretario nacional da Liga Argentina por los Derechos del Hombre, activista contra a tortura e torturado el mesmo, que lanzou unha mensaxe rotunda: «A verdade é invencible». No seu país a perseveranza deu como froito 620 sentenzas; en Euskal Herria apenas son 20.

TorturaMesa redonda sobre a tortura que se celebrou en Donostia. (Juan Carlos RUIZ / ARGAZKI PRESS)

 

Schulman explicou ao auditorio o que é morrer empalado, como desde a ESMA de Buenos Aires saían os avións que atiraban persoas detidas vivas ao mar ou as queimaban no que chamaban «asaditos», ou como a filla da persoa que inventou a picana morreu vítima dela.

Todo este pormenor non era morbo, tiña unha explicación na súa moral final: «Testemuñar a tortura non é gratis, é soltar o mesmo sangue que cando te torturaron. Mais testemuñar é unha arma moi potente. Hai que dicir o que nos fixeron. A verdade é invencíbel».

Admite Schulman, en calquera caso, que fai falta tempo e perseverencia para que se abra camiño. Así, lembrou que na Arxentina durante moito tempo non houbo xuízo algún, até en 2001 «o pobo se levantar e arrasar cos gobernos. E tiveron que saír desa crise de gobernabilidade liquidando a impunidade».

O resultado, 620 condenas xa fronte ás apenas 20 que rexistrou o recente estudo do Instituto Vasco de Criminología (na mesa estaba tamén Laura Pego, unha das súas responsabeis). O contraste é brutal apesar de os números de torturados non seren tan diferentes, e menos aínda se se comparan coa dimensión poboacional da Arxentina e Euskal Herria.

Schulman detallou que esas 620 sentenzas recollen torturas ou detencións ilegais a 12.000 militantes políticos; e só na CAV contabilízanse xa 3.500 vítimas neste relatorio encomendado por Lakua. Os casos censados oficialmente, como se sabe, son 4.113, mais por diante do IVAC hai un traballo de formiga de Euskal Memoria.

Desde a fundación, Eugenio Etxebeste avanzou que recolleron xa preto de 6.000 episodios de tortura en todo o conxunto do país. E lembrou como máis do 40% das persoas torturadas ficaron libres posteriomente ou como o 25% das persoas detidas baixo incomunicación non denunciaron malos tratos, o que desmonta os discursos oficiais sobre o «manual de ETA».

Pode o caso de Portu e Sarasola marcar un antes e un despois? A avogada e investigadora Laura Pego constatou que desde logo se trata dun avance importante, conseguido grazas a algunhas circunstancias excepcionais visto o visto con anterioridade: un labor moi detallado dos forenses, unha instrución consistente, unha sentenza ben construída en Gipuzkoa…

Schulman carregou, contodo, contra eses matices xurídicos que levan a discriminar entre trato inhumano e tortura cando o feito de fondo é o mesmo. E cando esta secuela é «un delito imprescriptíbel e inamnistiábel, porque non afecta xa a persoa concreta, afecta toda a Humanidade. A Humanidade non soporta a tortura. Non é fácil lograr que un home torture».

Ramón Sola

Fonte: Naiz