Debemos lograr a liberación do fundador de WikiLeaks se non queremos vernos apresados nun enmarañado de algoritmos que permiten aos que lidan con eles xogaren ao seu pracer cos nosos dereitos.

 

Pareja de Julian Assange acusa a EE. UU. de prolongar arbitrariamente su detención | Internacional | Noticias | El Universo

 

 

José Antonio Martín Pallín

Son consciente das perigosas arestas que presenta o debate sobre liberdade de prensa, seguranza nacional, segredos oficiais e os dereitos e liberdades dos cidadáns, formalmente titulares da soberanía. Existe unha tendencia, na maioría dos Estados, a salvagardar, sob a etiqueta de segredos oficiais, decisións sobre toda clase de materias que consideran que lles corresponden en exclusiva e á marxe de calquera control dos órgaos de representación da soberanía nacional. En ocasións, sob o manto protector da seguranza nacional, tómanse decisións que obedecen a intereses espurios que nada teñen a ver coas explicacións que facilitan á opinión pública para xustificaren medidas que supoñen sacrificios e perigos para a vida e os intereses dos cidadáns e, nalgúns casos, constitúen verdadeiros crimes contra a humanidade. Portanto, calquer iniciativa que pretenda furar esa imponente caixa forte, entrar no seu santuario e ofrecer o seu contido ao coñecemento da comunidade nacional e internacional, debe ser eloxiada e protexida frente a calquer medida represora.

Julián Assange fíxoo e caeu sobre a súa persoa a furia das poderosas elites políticas que non toleran que os seus excesos e delitos sexan expostos, publicados e divulgados. Dispararon toda a súa artillaría para o desacreditar como persoa e como cidadán. O seu perfil individual non turba nin fai desaparecer a veracidade dos seus descubrimentos. A súa vida privada pertence a el. O verdadeiramente relevante é a súa condición de xornalista e especialista en informática. Debe ficar claro que non se trata dun espía ao servizo dun país estranxeiro que pretende obter información con obxecto de prexudicar os intereses doutro Estado. Trátase dunha persoa versada no manexo de computadores que, como xornalista, organiza un sistema de información que pon a disposición dos usuarios do sistema.

Assange recibía información de moi diversas fontes relacionadas coas actividades do Pentágono e subíaas a unha rede xornalística que denominou WikiLeaks. Talvez as máis sensibeis eran as relativas ao ataque aéreo en Bagdad o 12 de xullo de 2007, os diarios da guerra do Afganistán e os rexistros da guerra do Iraque. En todas as súas informacións denunciaba a planificación e execución de actuacións delituosas que foron cometidas coa iniciativa e consentimento do Departamento de Estado. Dalgún modo actuaba de maneira similar, aínda que sobre outras materias, á utilizada para confeccionar informacións sobre os Papeis de Panamá, a Lista Falciani ou os Papeis de Pandora, publicados en infinidade de medios de comunicación.

 

É difícil achar un personaxe que suscite opinións tan contraditorias. En tanto uns o consideran un traidor á patria, outros recoñeceron o seu labor

 

Os sectores máis reaccionarios dos Estados Unidos -Sarah Palin, Trump e outros políticos- pediron directamente a execución de Assange por traizón á patria. O congresista republicano por Texas Ron Paul foi o primeiro político estadunidense que se manifestou publicamente a favor do fundador de WikiLeaks. As súas reflexións parécenme impecabelmente democráticas: “Nunha sociedade libre suponse que é necesario que saibamos a verdade”. E engadiu: “Nunha sociedade onde a verdade se converte en traizón á patria, estamos en graves problemas”.

A persecución e encarceramento de Julian Assange prodúcese a instancias dun país en que, nun momento da súa historia, o presidente John Fitzgerald Kennedy, nun dos seus magníficos discursos, dixo: “A calidade democrática dun país mídese pola cantidade de información auténtica sobre a cousa pública que o Goberno proporciona aos seus cidadáns, tratándoos como adultos responsabeis”. Non parece que os actuais gobernantes dos Estados Unidos comunguen con estas elementares formulacións éticas e políticas.

A presión estadunidense obrigou Assange a pasar por unha reclusión de sete anos na embaixada do Ecuador en Londres. Nestes momentos está encarcerado á espera de os xuíces británicos decidiren sobre a súa entrega aos Estados Unidos. É difícil achar un personaxe que suscite opinións tan contraditorias. En tanto uns o consideran un traidor á patria digno da execución na cadeira eléctrica, outras institucións de prestixio mundial como Amnistía Internacional recoñecen o seu labor. Assange foi considerado como a persoa do ano pola revista Time e polo diario Le Monde, outorgáronselle premios fundacións que promoven a paz e foi proposto por un parlamentar noruegués para o premio Nobel da Paz.

 

O TS decidiu que os dous xornais tiñan dereito a publicar os papeis do Pentágono. En conxunto houbo acordo sobre que a censura previa era inconstitucional

 

No país que reclama a súa extradición, o Tribunal Supremo xa tivo oportunidade de pronunciarse sobre actuacións semellantes ás que se imputan a Julian Assange. Existe o precedente dos chamados papeis do Pentágono publicados en The New York Times e en The Washington Post. O secretario de Estado de Defensa do presidente Johnson, Robert McNamara, encomendara un informe de 7.000 páxinas sobre a implicación estadunidense no sudeste asiático. O documento foi declarado secreto mais Daniel Ellsberg, antigo funcionario do Pentágono, filtrounos ao New York Times que iniciou a súa publicación. O presidente Nixon tivo as súas dúbidas mais, segundo contan, aconsellado por Henry Kissinger, acudiu á Xustiza para solicitar que fose prohibida a publicación de máis excertos, dado que a súa divulgación podería pór “en perigo grave e inmediato a seguranza dos Estados Unidos”.

O asunto terminou en mans do Tribunal Supremo, que o 30 de xuño de 1971 ditou unha sentenza emblemática sobre a prevalencia da liberdade de prensa (primeira emenda) ante a invocación da seguranza nacional en tempos de paz. A sentenza, que ten dous votos discrepantes, contén achegas decisivas sobre a prioridade dos dereitos en conflito e abre un debate que afecta o futuro das democracias. É omnipotente o Estado frente ao dereito á información dos cidadáns? En síntese, o Tribunal Supremo decidiu que os dous xornais tiñan dereito a publicar os papeis do Pentágono. En conxunto houbo acordo en que a censura previa era, en principio, inconstitucional. Para os nosos hábitos procesuais resulta rechamante comprobar que o Tribunal Supremo só demorou seis días en pronunciarse sobre o caso. Velaquí algunhas das reflexións xerais que se recollen na sentenza: “Admitir a censura previa sería tanto como transformar a primeira emenda nun campo de ruínas. A liberdade de prensa permite a formación dunha discusión política libre e que o Goberno sexa responsábel ante o pobo. Aí reside a seguranza da república e o fundamento mesmo do Goberno constitucional”. Transcribo algúns dos argumentos que os xuíces da maioría formulan por separado. O xuíz Brennan: “Mesmo se a presente situación mundial puidese ser considerada como tempo de guerra, ou se o armamento militar actualmente disponíbel puidese xustificar en tempos de paz a supresión de información que puidese conducir a un holocausto nuclear, o certo é que o Goberno tampouco xustificou que a publicación dos documentos puidese provocar unha consecuencia semellante”. O xuíz Douglas conclúe que a razón de ser da primeira emenda foi prohibir a práctica habitual dos gobernos de suprimir información que se consideraba embarazosa.

O xuíz Stewart, pola súa parte, argumenta: “Estou inclinado pois a pensar que consideracións morais, políticas e prácticas deberían sentar o seguinte principio: debería impedirse que fose declarado secreto algo cando non existise fundamento para iso. Porque cando absolutamente todo está clasificado, nada está en realidade clasificado e entón os cínicos e os descoidados (sic) desprezan tal sistema e os ambiciosos e os temerosos manipúlano. Estou tamén inclinadol a crer que o que caracteriza a un sistema de seguranza interna realmente efectivo é a maior transparencia posíbel, de maneira que sexa evidente que só se mantén algo en segredo se se conseguiu realmente a credibilidade”.

Nestes momentos, o futuro de Assange está nas mans dos tribunais británicos. Hai uns días celebrouse a vista de extradición ante o Tribunal Supremo de Inglaterra que decidirá definitivamente se entrega o detido aos Estados Unidos. Os tribunais ingleses teñen unha ampla tradición xurisprudencial sobre o que significa a liberdade de prensa e de información nunha sociedade democrática. En ningún caso chegaron ao extremo de consideraren as persoas implicadas en casos semellantes merecedoras da execución ou a prisión perpetua. Os principios xerais que rexen a extradición baséanse na homologación e reciprocidade da valoración xurídica dos feitos nas lexislacións do país requirente e do requirido para a entrega da persoa que ten no seu poder. Se algo reprocha a cultura anglosaxónica aos responsabeis de tomar decisións políticas é o engano. Así foi posto de relevo por un tribunal de xurado inglés ao coñecer a acusación contra un xornalista por revelar que o afundimento do courazado arxentino Belgrano, na guerra das Malvinas, obedecía a unha tentativa deliberada por parte do Goberno inglés de evitar calquer intento de paz. O conflito chegou até o Parlamento e a oposición acusou o Goberno de tratar de enganar a Cámara dos Comúns, subtraindo información sobre a realidade dos feitos. Pediron a dimisión dos responsabeis do Ministerio de Defensa: “Tentaron enganar e foron apañados”.

Asimetría

A asimetría entre os poderes que se atribúe o Estado e os dereitos dos cidadáns é cada vez máis abisal. Sob o pretexto, sempre maleábel, da seguranza nacional, xustificanse os máis agresivos sistemas de vixilancia e control sobre os cidadáns. As bases de datos persoais, en mans dos gobernos, conteñen toda clase de información sensíbel que pode ser utilizada para neutralizar protestas ou reivindicacións ou, simplesmente, como avisaba Foucault, para controlar e vixiar, esgrimindo como escusa o inevitábel perigo do terrorismo individual. Dotáronse dunha versión sofisticada do panóptico, que o ve todo como se fose o ollo de Deus que deseñou o filósofo alemán Jeremy Bentham como un sistema carcerario para vixiar os presos. Conscientes de que poden ver mais non son vistos, esixen ter as mans libres para tomaren decisións de calquer clase, aínda que poñan en perigo a vida das persoas e a estabilidade de países e rexións. O que revelan as informacións de WikiLeaks sobre o acontecido no Iraque e Afganistán creo que xustifican, por si soas, a necesidade de coñecermos os excesos dos gobernantes estadunidenses para tratar de controlalos e mesmo pedirmos responsabilidades. A realidade demostrounos que os que lidan cos fíos da tramoia actuaron como empresarios prepotentes e calculadores, priorizando os intereses das empresas armamentísticas e estratéxicas sobre a vida e a dor dos seres humanos.

 

O que revela WikiLeaks sobre o acontecido no Iraque e Afganistán xustifica a necesidade de coñecermos os excesos dos gobernantes estadunidenses

 

Chegou o momento de reaccionar se non queremos vernos apañados nunha enmarañado de algoritmos que permiten aos que os manexan xogarem ao seu pracer coas nosas vidas, dereitos e liberdades. Julian Assange, neste momento encarcerado e cunha saúde precaria, encarna a figura dun paladín da Idade Moderna que desafiou os señores feudais que queren manter os seus privilexios. Se tardamos en chegar na súa axuda e conseguir a súa liberdade, perderiamos novamente unha oportunidade para conseguir que as declaracións dos Dereitos Humanos, asinadas e aceptadas polos Estados que se comportan como soberbos irresponsabeis, non se convertan nunha amarga secuencia de poemas de amor que terminan tornando canción desesperada. Se se impón a ambición desmedida dos poderosos, converterémonos en insignificantes formigas que nos movemos aceleradamente, crendo que somos libres mais sen saber onde nos dirixen.

Edward Snowden, persoa que viviu experiencias similares ás de Julian Assange, fixo un chamamento desesperado para salvar a súa vida. Reproduzo unha parte do texto que se publicou neste medio: “Cando fixen a miña denuncia en 2013 dixen que o facía porque tiñamos o dereito a saber o que se nos está facendo e o que os nosos gobernos fan no noso nome. A ameaza xa existía, e cando ves o que aconteceu no mundo desde entón parece que esa tendencia está acelerándose. Seguimos tendo ese dereito?, seguiremos tendo calquer dereito se non o defendemos? Pois ben, aí está alguén que deu a cara para protexer ese dereito, que o defendeu enerxicamente, cun custo persoal extremamente alto, e agora tócanos a nós defender os seus dereitos. O que estamos a presenciar é un asasinato do que ninguén fala”.

Creo que os xornalistas deben ser os que se impliquen de forma máis agresiva na defensa de Julian Assange. Pola súa liberdade e dignidade profesional e porque, como dicía a revista alemá Der Spiegel ao comentar o caso de Snowden, se trata de persoas que melloran o mundo.

CTXT

——————-

José Antonio Martín Pallin. Avogado. Comisionado español da Comisión Internacional de Xuristas (Xenebra). Foi fiscal e maxistrado do Tribunal Supremo.