Os feitos son teimudos, reza un coñecido refrán. E todas as eleccións que veñen celebrando desde o inicio do procés acaban por nolo lembrar. Chova, trevoe ou vente, o nacionalismo catalán resiste, demostrando que forma parte da constitución material de España e que non se pode prescindir del para dirixir democraticamente o país. Así vén sendo desde as eleccións do 15 de xuño de 1977 até hoxe. O triunfo da moción de censura, da que se vai facer un ano, foi a última proba do que digo.

 

Puigdemont dice que ha ganado por su apuesta de la unidad del independentismo

 

Por iso é un erro tentar axustar as contas co nacionalismo catalán através dos tribunais de xustiza. Na época de Franco podía facerse. Na España, Estado membro da Unión Europea, non é imposíbel, mais si moi difícil. Hai máis recursos para exercer o dereito á defensa. Os tribunais poden decretar a prisión provisoria contra Oriol Junqueras ou poden impor un desterro por tempo indefinido a Carles Puigdemont, negándose a aceptar a decisión do Tribunal Superior de Schleswig-Holstein sobre a extradición solicitada polo Xuíz Instrutor Pablo Llarena. Mais non poden impedir que Junqueras e Puigdemont, desde o cárcere ou desde o exilio, sexan elixidos deputados ao Parlamento Europeo, porque hai un número suficiente de cidadáns que os elixen como os seus representantes. Un número que non decreceu, nin é previsíbel que veña a facelo no tempo en que é posíbel facer predicións.

Desde a noite deste domingo a pretensión de axuste de contas através do Tribunal Supremo vai ter que enfrontarse cun obstáculo do que veño advertindo hai tempo. Os tres deputados que foron elixidos hoxe acabarán tendo a inmunidade parlamentar que teñen todos os deputados europeos. Terana a partir do momento en que sexan proclamados deputados electos, que é algo que necesariamente terá que producirse nunhas semanas. Non hai ningún tribunal español que poida impedilo. E se o Tribunal Supremo tenta facelo, o final será humillante para el e para o sistema de administración de xustiza do que é o máximo expoñente.

O que o Tribunal Supremo non quixo facer respecto do cinco parlamentares españois que foron elixidos o 28A, vai ter que o facer agora respecto do tres parlamentares europeos que foron elixidos o 26M. Vai ter que pór en liberdade Oriol Junqueras, non vai poder ordenar a detención de Puigdemont e Comín cando acudan á Xunta Electoral Central a prometer a Constitución e vai ter que tramitar o suplicatorio ao Parlamento Europeo e deter o xuízo até o Parlamento decidir.

Optar pola vía xudicial para facer fronte a un problema de natureza tan exclusivamente política, como é o da integración de Catalunya no Estado, foi un erro por parte do Goberno da Nación, que non debeu permitir ao Fiscal Xeral do Estado actuar da forma en que o fixo. Mais foi tamén un erro da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo, que, sen seren ningún deles o xuíz ordinario predeterminado pola lei, aceptaron actuar como se o fosen, facendo practicamente imposíbel achar unha saída xurisdicional razoábel. Non debeu ser xudicializado nunca o asunto, mais, caso o facer, terían que ser a Audiencia Provincial de Barcelona e o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya os órgaos encargados de facelo.

Até o momento parecía que o erro non tiña custo de ningún tipo. O Tribunal Supremo actuaba coa certeza de que o Tribunal Constitucional non se atrevería a desautorizalo. A partir de mañá, ábrese un horizonte europeo, parlamentar nun primeiro momento e eventualmente xudicial despois, en que o Tribunal Supremo deixa de ter a primeira e última palabra.

A elección de Junqueras, Puigdemont e Comín sitúa o xuízo do ‘caso procés’ nunha senda nova. É o que pode acontecer cando, no cadro dunha comunidade xurídica como é a Unión Europea, se pretende substituír a política polo proceso penal.

Javier Pérez Royo

eldiario.es