Jusapol naceu en 2017, na comisaría da policía española de Palencia. A maioría dos seus membros eran axentes destinados á seguranza cidadá. Mais aquela plataforma, que iría servir de apoio aos policías, logo se tornou -aproveitando o procés independentista catalán- nunha organización política con ligazóns coas formacións máis españolistas e extremistas,como Cidadáns e Vox.
.
.

VilaWeb

 

Grazas a este apoio, mais tamén á atención dos media máis conservadores, Jusapol comezou a crecer, e organizaba actos e manifestacións por todo o estado. Compre salientar que Cidadáns foi fundamental nestes primeiros pasos. Parte da estratexia españollsta de Albert Rivera implicaba instrumentalizar os corpos policiais e a plataforma abríalle a porta a un filón de votos de 150.000 axentes.

Rivera “compra” un mítin en Barcelona

No 20 de xaneiro de 2018, Jusapol convocou unha manifestación na praza de Urquinaona de Barcelona. Supostamente, a marcha tiña como obxectivo reivindicar a igualdade salarial entre os corpos policiais, mais logo se converteu nun mitin electoral de Rivera, que recibiu gritos de “presidente”, e os cadros superiores de Cidadáns. O concello estimou en 35.000 as persoas asistentes, ainda que a organización dixo que foran 160.000.

 

Máis tarde sóubose, grazas ao xornal Público, que o partido pagara practicamente todos os gastos -incluído un dirixíbel co slogan “Equiparación salarial” e a mobilización de autocares con xente de todo o estado- en troca da presenza de Rivera en primeira fila e da Sociedade Civil Catalá como organizadora.

O mesmo xornal revelou que o gabinete xurídico Suárez Valdés, propiedade do marido de Begoña Villacis (xefe de Cidadáns no Concello de Madrid) naquel momento, redactou e divulgou os documentos que serviron a Jusapul, nos seus primeiros meses de vida, como roteiro para facer frente ao resto de organizacións policiais.

Sindicalismo, persecucións e a sombra de Vox

En mediados de 2018, Jusapol deu un paso á frente na súa estratexia de crecemento e creou os satélites Jupol e Jucil coa intención de controlar os consellos da policía española e a Garda Civil, que son os órgaos de mediación e resolución dos conflitos colectivos coa administración do estado. O aparecemento destes novas entidades, especialmente Jupol, radicalizou ainda máis o colectivo.

Apesar de ser supostamente apolítica, Jusapol e os seus satélites comezaron a perseguir e ameazar o independentismo. Neste sentido, presentaron denuncias contra o president Quim Torra e o conseller Miquel Buch en que os acusaban de incitaren o odio e a violencia contra as súas manifestacións, e exaltaban sen rubor a represión e a brutalidade policial do Primeiro de Outubro.

En Catalunya, as contra-manifestacións e protestos contra os actos de Jusapol, como a famosa manifestación holi na Via Laietana de Barcelona, deixaron decenas de activistas represaliados, entre eles, Marcel Vivet, condenado a un ano e medio de cárcere por desordes públicas, ainda que en primeira instancia recebeu unha pena de cinco anos.

Por outra parte, nos finais do 2018, unha delegación de ultras de Jusapol viaxou a Waterloo para asediar o president Carles Puigdemont, e chegaron a tentar entrar na Casa da República, ao mesmo tempo que proferían todo tipo de insultos, como “canalla”,  “olla a casa do fillo da puta”. Apesar da gravidade dos feitos, o goberno español lavou as mans e recusou investigalos”.

 

 

Unhas semanas despois, o idilio de Jusapol con Cidadáns comezou a escorregar. O motivo foi a sangría da formación de Rivera e a irrupción do partido de ultra-dereita Vox no Parlamento de Andalucía. Os de Santiago Abascal representavan á perfección o extremismo e o discurso belicoso da plataforma policial. De feito, segundo explicou Público, membros de Jusapol -entre os cales, o policía e youtuber Jandro León, que recibiu varias sancións disciplinares- fixeron campaña de maneira activa en favor de Vox nas redes sociais.

Vitoria electoral, guerra interna e asalto ao congreso

No verán do 2019, Jupol impúxose con contundencia nas eleccións sindicais da policía española, de maneira que conseguiu oito dos catorce lugares no consello do corpo. No entanto, este triunfo ficou marcado pola guerra entre o presidente de Jusapol, Natán Espinosa, e o secretario xeral do sindicato, José María, Chema, García, antes da primeira reunión co Ministro do Interior.

Neste encontro, Espinosa era partidario de escoitar as propostas do ministerio mais García foi directo, puxo de parte calquera vía conciliadora e presentou batalla desde o primeiro minuto, esixindo a igualdade salarial entre policías. O conflito entre os dirixentes, segundo whatsapps filtrados por El Plural, chegou aos insultos e difamacións persoais.

Espinosa, que foi encurralado, acabou abandonando Jusapol e fundou un sindicato chamado EYA, actualmente residual, coa intención de presentarse nas próximas eleccións ao consello da policía (2023). Con García como home forte, Jusapol e Jupol aprofundaron ainda máis na sintonía con Vox.

As tácticas agresivas e as polémicas acentuáronse. Despois de ameazaren un deputado de EH Bildu no Parlamento Vasco, membros de Jusapol e Jupol tamén montaron un escracho público a Pablo Iglesias e a Irene Montero na súa casa. Ora, o punto culminante desta estratexia foi o 3 de marzo de 2020, cando rebentaron un cordón policial e levaron o protesto até a porta do congreso español.

 

 

Varios deputados de Vox, como Javier Ortega Smith e Macarena Olona, foron fotografados cos manifestantes -que levaban máscaras e grillóns- e manifestaron o seu apoio. Ora ben, o comportamento foi moi diferente con outros cargos electos. Laura Borràs, na altura porta-voz de JxCat, foi asediada e perseguida polos policías e gardas civis que lle berraban “cataláns de merda” e “ven se te atreves, filla da puta”.

 

José María, Chema, García abraza Ortega Smith no protesto de Jusapol no exterior do congreso español.

As corrupcións do secretario xeral

A manifestación no congreso español ocasionou desavenzas na xunta de Jupol, que derivaron nunha asemblea extraordinaria, en maio do 2021, para destituir o secretario xeral, José María García. Tamén estaba sobre a mesa a denuncia dun afiliado pola falta de transparencia nos cargos do cartón corporativo do dirixente, en que se debitaran gastos persoais, como xantares por valor de centenares de euros, cocteis en discotecas, Viagra e o aluguer dun vehículo de alta gama.

“Actuou de maneira autoritaria até impor mudanzas na estrutura do sindicato e nos estatutos para se perpetuar no cargo e controlar o sindicato”, reprochaba un dirixente de Jupol a García, en declaracións a El País. Así mesmo, no momento da destitución, García fora suspendido de salario e traballo pola dirección xeral da policía por unha falta grave e outra moi grave.

Como se isto non bastase, no mesmo artigo,fontes da xunta do sindicato explicaban que modificaran os fechos dos despachos da sede de Madrid para evitar que o ex secretario xeral e os seus acólitos puidesen entrar. Por outra parte, os gastos sen xustificar no cartón corporativo son investigados agora polo xulgado de instrución 53 de Madrid.

O sindicato sinalou publicamente a deputada de ERC Montse Bassa, que denunciou a brutalidade da policía española no congreso, e levou aos tribunais a ex-consellera de Saúde Alba Verés, o ex-secretario de Saúde Pública Josep Maria Argimon e a coordenadora da campaña de vacinación contra a covid-19, Carmen Cabezas, asegurando que discriminaron os axentes da policía e da Garda Civil durante a vacinación.

Vitoria electoral amarga e demisións

Nos final do 2021, nas eleccións ao Consello da Garda Civil, Jucil converteuse na asociación más votada e conseguiu seis vogais (o órgao é integrado por dezasete). Certamente, foi unha vitoria, mais moito máis pequena que a de Jupol no 2019 ao consello da policía. Por outra parte, poucos meses despois, a situación empeorou ao se demitiren a mitade dos vogais de Jucil.

Ainda que a asociación asegurou que as renuncias eran debidas a razóns estritamente persoais, María Rosario Muñoz escribiu unha carta aos militantes en que lamentaba a loita de egos na cúpula da organización, “as cotoveladas para sair na fotografía”, e “as mentiras para devaliar outros con vontade de os afastar”. Alén diso, acusaba algúns membros do comité executivo de teren vulnerado o código ético interno.

Un dirixente de Jupol en Ceuta tamén demitiu recentemente dos seus cargos. Ramón del Campo, que era afín ao secretario xeral derrocado, escribiu unha carta en que denunciaba a opacidade da cúpula do sindicato, que no seu parecer toma decisións de maneira autoritaria e ilegal, e acrecentaba: “Máis parece unha ditadura que un sindicato democrático”.

VilaWeb