La cifra negra, documentario gañador do Premio do Público á mellor longametraxe na 16º edición do Festival de Cinema e Dereitos Humanos de Donosti.

O 27 de xaneiro de 2013, unha moza que voltaba dunha discoteca en Córdoba foi abordada por varios policías á paisana. Buscaban os responsabeis de varios roubos pola zona, dos que, casualmente, ela fora tamén vítima. Non levaba a documentación encima porque acababan de roubarlla. Foi alxemada e introducida no coche patrulla. Entre risas, os axentes conduciron de forma temeraria dando tumbos para que a detida batese contra o biombo de vidro do vehículo. partiu o nariz e sangraba gravemente, mais non quixeron levala a un hospital. ‘Filla de puta, non te queixes máis, que vas ficar encerrada no calabouzo’, denuncia que lle dixeron. Ao saír, foi ela mesma quen chamou unha ambulancia. O seu caso foi denunciado ante o Comité Contra a Tortura da ONU despois de a Fiscalía o ter recusado. O Ministerio de Xustiza español contestou á ONU que ‘non había probas’, apesar dos testemuños da vítima e os laudos médicos.

 

 

Este caso, xunto con millares máis, poderían converter o documentario La Cifra Negra nunha serie de televisión de varias tempadas. O filme leva meses virando por salas de todo o Estado, apesar de ter sido vetado en moitas outras con diferentes escusas, pois mostra unha incómoda realidade da que pouco se sabe ou se quere saber. Entre varias historias coñecidas, como a do director do xornal vasco Berria, Martxelo Otamendi, ou os abusos contra as persoas que tratan de saltar o valo de Melilla, hai múltiplas historias descoñecidas: mortes en centros de menores, violacións, malleiras interminabeis ou humillacións de todo tipo. La Cifra Negra móstranos algunhas das que ocorren nos CIEs, en comisarías, nas prisións, en manifestacións ou en plena rúa, cunha crueza que arrepía. Sobre todo pensar que alguén poida gozar facendo dano a outra persoa. Sobretodo cando se supón que o perpetrador é quen há de velar polos nosos dereitos e a quen pagamos todas e todos por o facer. E máis cando en contadas ocasións, estes abusos acaban en condena ou, polo menos, en xuízo.

O documentario dirixido polo mozo eldense Ales Payá, utiliza a dramatización dalgúns casos con coñecidos actores, e conta tamén coa participación de varios expertos en dereitos humanos. Tamén xuíces, avogados e un representante do Sindicato Unificado de Policía (SUP) dan a súa opinión sobre un fenómeno demasiado descoñecido, mais preocupantemente habitual e impregnado de impunidade. Enfrontarse de novo ao torturador, aínda que sexa ante un xuíz, explica o medo de moitas vítimas a denunciar, sumado ás escasas condenas por este tipo de abusos.

Sobre o título, Payá explica de onde vén a idea: ‘La cifra negra é un termo que se utiliza en criminología para referirse aos delitos que non poden ser cuantificados porque non foron denunciados nin hai datos oficiais. Neste caso referímonos á cifra negra da violencia institucional. O que retratamos e os que recolleron as organizacións que consultamos son apenas a punta do iceberg’.

A maioría dos casos que expón o documentario foron recollidos no rexistro da Coordenadora para a Prevención e a Denuncia da Tortura, unha plataforma que trata de denunciar e visibilizar estas prácticas no Reino de España. Esta coordenadora púxose en marcha en novembro de 2004, e desde entón leva esixindo ao Estado ferramentas eficaces para previr estas prácticas, tratando de mobilizar a sociedade civil e concienciar a opinión pública documentando e denunciando todos os casos que recollen.

Para o seu portavoz, Jorge del Cura, o documentario La Cifra Negra é moi necesario porque permite visualizar casos concretos. ‘Non é o mesmo ver e ouvir ás vítimas que un informe frío’. Ademais, este traballo é un dos que por primeira vez abranxe varios ámbitos e circunstancias onde se producen estes casos. O director da fita explica a clasificación por contextos que retrata o documentario: prisións, centros de menores, movementos migratorios (fronteiras e CIEs), aplicación da lei antiterrorista no período de incomunicación, mobilizacións sociais e outros contextos que non poden ser etiquetados, ‘maioritariamente casos que ocorren nunha dilixencia policial rutineira que acaba derivando en vulneración dos dereitos humanos’.

Após as múltiplas condenas e advertencias dos organismos internacionais ao Reino de España por non actuar ante estes graves feitos, Jorge del Cura insiste en que ‘debe ser a sociedade civil quen se mobilice e obrigue o Estado a cumprir as normas nacionais e internacionais. Denunciar e visibilizar os casos e as complicidades para que a sociedade tome consciencia e obrigue as institucións, aínda que os estados sempre van tratar de evitalo’.

Tortura e democracia

‘Democracia e tortura non son incompatibeis. A cuestión é que o Estado demócrata debería investigalos, previr e sancionar, mais ningún Estado o fai porque continúan a crer que é unha práctica útil para o control social’, explica Jorge del Cura. Non só isto, senón que estas prácticas son aprobadas por grande parte da cidadanía ‘para protexer a poboación’, tal e como reflectiu Amnistía Internacional nunha enquisa realizada en 2014. No Reino de España, concretamente, un 17% dos enquisados así o considera. Nos Estados Unidos, esta porcentaxe atinxe o 45%. De feito, lembra del Cura, ‘as democracias son innovadoras en técnicas de tortura’.

En 2015, o Comité Contra a Tortura da ONU, mostrouse ‘seriamente preocupado ante informacións segundo as cales as autoridades españolas non investigan de forma rápida, eficaz, imparcial e completa as denuncias de actos de tortura e malos tratos cometidos polas Forzas e Corpos de Seguranza do Estado, incluídas as denuncias de actos presumibelmente cometidos durante o réxime de incomunicación e nos casos de uso excesivo da forza por parte da policía.’

Mais o Estado español parece impermeábel ao gotexo de chamadas de atención de organismos internacionais e ás múltiplas condenas. O Comité, ademais, adverte de que as autoridades realizarían ‘poucos esforzos para xulgar os supostos culpabeis’, e que esas prácticas contribúen a crear ‘unha cultura de impunidade entre as forzas da orde’.

Que facer daquela? ?Hai que obrigar os estados, para que o seu custo sexa maior que os beneficios que poidan tirar destas prácticas? Por isto, tanto del Cura como Payá salientan a idoneidade deste documentario. Segundo Payá, a xente enche as salas para velo, mais tamén toparon coas portas fechadas nalgunhas filmotecas. Aínda que non se especifique o motivo, o director sospeita que o contido do documentario incomoda. As salas onde non se aceptou proxectar o documentario son o Centro Galego de Artes e Imaxe da Coruña, o Museo de Arte Contemporánea de Alacant (MACA), o Centro Cultural A Alcazaba de Mérida, a Filmoteca Nacional en Madrid, ‘e esperando resposta doutros centros que levan meses sen nin se queira contestar o teléfono’, afirma Payá.

MIQUEL RAMOS

Fonte: La Marea