.

.

 

“Os palestinos, ironizaban os israelitas, nunca perden a ocasión de perderen unha oportunidade”. Os israelitas, denuncia Lea Tsemel, perderon agora a de trataren os palestinos como persoas e vacinalos todos. A avogada leva 50 anos defendendo para Israel un futuro que inclúa os palestinos e deixe de os condenar á ocupación e o éxodo por teren nacido no lado errado da fronteira. Todo o que pede é que Israel conceda ao amor unha oportunidade e ás parellas mixtas de israelitas e palestinos e palestinas a de se estableceren no país. Ese foi o principio doutras convivencias das que naceron fillas e fillos con identidades duplas como as que hoxe permiten un mundo máis pacífico. Toda pureza é unha mistura esquecida e ningunha identidade é mellor ou peor do que outra.

;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;;

 

 

Os isralitas vacináronse con suceso… e os palestinos?

Israel xa vacinou todos os israelitas e agora sobran vacinas. Tantas que as exporta a outros países; mais non vacina os palestinos. Só os que traballan en Israel…

Por qué os palestinos non procuran vacinas por conta propia?

Porque Israel ten o control total das fronteiras da Palestina e iso faino responsábel da vacinación dos palestinos. Mais temos outro problema máis grave …

Máis grave?

Israel impede que israelitas e palestinos se misturen, casen, teñan fillos e constrúan unha convivencia xuntos que podería ir abrindo o camiño para a convivencia en paz.

Cómo os penaliza?

Cando unha palestina casa cun estranxeiro ou cun israelita non autorizan a residencia da parella en Israel. Unha muller de Gaza ou dos outros territorios ocupados, ainda que case cun israelita, ou vice-versa, xamais conseguirá que a autoricen a vivir en Israel. Convidanos a se estableceren no estranxeiro. Así evitan a mistura en Israel, onde é tan necesaria.

Por qué é tan necesaria?

Porque todas as convivencias entre comunidades en confito comezan con eses matrimonios mixtos; mais en Israel fomos tornándonos cada vez máis relixiosos e intransixentes e supremacistas, e ese é o camiño para a eternización do conflito.

Por qué se fixo avogada?

Nacín en Haifa de pais xudeus bielorrusos que fuxiron a Israel, onde chegaron a ser de clase media. Sentíamos a necesidade de xustiza e estudei Dereito durante o meu servizo militar en Tel Aviv, e despois en Xerusalén.

Fixo o servizo militar?

Fun voluntaria en combate na guerra dos Sete Días de 1967 e a primeira muller israelita que accedeu ao Muro das Lamentacións.

Por qué foi voluntaria a unha guerra?

Porque era nova e inxenua e cría que era “unha guerra para a paz”, como nos dicían.

Qué cre agora?

Israel non quería nin quer a paz. Tratábase e trátase de se librar dos palestinos.

Non estaba Israel tamén ameazado?

Mais naquela guerra comezou o proceso de expulsar os palestinos e se non fose polas presións internacionais, a súa expulsión tería sido máis inhumana ainda do que foi. Expulsámolos das súas casas; primeiro en Xerusalén demolindo os seus bairros casa a acasa e repoboándoos con israelitas; despois Gaza, e despois coa ocupación enclave após enclave dos seus territorios…

Que fixo despois da guerra?

Fiquei grávida do meu marido, Michel Warschawski, e tivemos máis dous fillos. O meu marido sempre loitou pola convivencia pacífica cos palestinos e por iso en 1987 estivo 20 meses no cárcere por “dar auxilio a asociacións ilegais”…

É posíbel ser anti-sionista en Israel?

El non se rendeu e fundou o Matzpen e despois de sair do cárcere continuou buscando a paz e en 2015 presentouse ás eleccións nunha lista israelo-palestina. É fillo dun rabino e unha familia moi relixiosa e especialista no Talmud e cre que a fé nos levaría á convivencia.

Por qué tan poucos israelitas defenden hoxe esa convivencia?

Porque esquecemos a historia que nos di que hoxe tratamos os palestinos como tantas veces fomos tratados nós: racismo, discriminación, degradación, expulsión… e esperamos que os palestinos se resignen.

Por iso defende terroristas?

Cando unha crianza condenada á ocupación e a ser cidadán de segunda atira pedras contra un tanque, debemos entender os feitos nun contexto…

Tamén defendeu homicidas.

E por iso me chaman “a avogada do diabo”, mais non me importa, porque así dou testemuño de que sería posíbel un Israel en que coubesen os palestinos -un cidadán, un voto- e fosen respectados os dereitos humanos. E non me rendo, porque, apesar de todo, hai isaelitas que me ven necesaria e talvez algún dia defendan un futuro de convivencia.

A Biblia xustifica a ocupación?

Iso di con ela na man quen se apropia das casas e terras dos palestinos só porque non son xudeus; mais o que facemos é simplesmente -tamén o di a Biblia- un roubo. Así que moitos israelitas tórnanse máis relixiosos porque cren que esa relixión xustifica expulsar das súas casas outros seres humanos por non seren como ti.

Non ve cada día máis sós e máis perdedores os palestinos?

Aos israelitas instílannos un sentido de superioridade que o resto do mundo, lembre o Trump, parece concederlles. E non falo apenas dos EUA. Agora a Turquía, os Emirados, a Arabia… Israel está a ficar sen inimigos… Mais iso tamén choca anti-semitismo se antes non facemos xustiza no noso país.

Por qué non se resigna a resignarse?

Porque o pobo eleito somos todos os seres humanos. Así que a xustiza consiste en facer posíbel convivermos.

Lluís Amiguet (lavanguardia.com)