O profesional Juan Carlos Mohr foi sancionado en virtude do artigo 36.6 da Lei de Seguranza Cidadá, que establece como sanción “grave” a “desobediencia ou a resistencia á autoridade” e/ou “a negativa a identificarse”. O fotoperiodista rexeita rotundamente a versión policial. A resolución de Delegación do Goberno en Madrid é firme.

 

El fotoperiodista Juan Carlos Mohr en una entrevista concedida a La Tuerka.- LA TUERKA

 

O fotoxornalista independente Juan Carlos Mohr foi sancionado cunha multa de 2.000 euros por infrinxir o artigo 36.6 da coñecida como Lei mordaza durante a manifestación que tivo lugar en Madrid o 20 de setembro de 2017 para protestar contra as inspeccións de Policía e Garda Civil en institucións catalás e as primeiras detencións. Ese día, ao redor de 700 persoas, entre elas numerosos deputados e cargos públicos de diferentes partidos, concentráronse para protestar na Porta do Sol. Tamén acudiu á Porta do Sol un reducido grupo de afíns a Falanxe, entre eles o seu líder, Manuel Andrino, como ‘contramanifestación’ pola unidade de España.

O relatorio policial daquel 20 de setembro recolle sancións a doce manifestantes. Todos eles forman parte do grupo que protestaba contra as detencións de membros da Generalitat. Entre eles, está o fotoperiodista Juan Carlos Mohr. A Policía acúsao de saltar “a liña policial de seguranza”, “faltar o respecto aos axentes” e “desobedecer as súas ordes para identificarse”. Trátase dunha infracción grave cuxa sanción oscila entre os 600 e os 50.000 euros. Neste caso concreto, a resolución de Delegación do Goberno en Madrid establece unha sanción de 2.000 euros.

No entanto, Juan Carlos Mohr di que a versión policial dos feitos, a que aparece reflectida na resolución de Delegación do Goberno, é “completamente falsa”. “Nin unha das acusacións que fan contra min se achega á realidade. É todo falso. A Policía pediume a identificación e deilla con total normalidade. Deilles tamén o meu carné de prensa e identifiqueime como tal. Como fago sempre. Máis nada”, explica ao xornal Público o profesional.

 

“Nin unha das acusacións que fan contra min achégase á realidade. É todo falso. A Policía pediume a identificación e eu deilla con total normalidade”, di Mohr.

“O axente de Policía que me sanciona sabe o que fai. Sabía quen identificaba e por que. Non era a primeira vez que me tomaba os datos”, prosegue o seu relato Juan Carlos Mohr, que tamén denuncia que os manifestantes de Falanxe, apesar de protagonizaren un confronto coa Policía, marcharon escoltados pola mesma e sen ningunha identificación policial.

Así mesmo, Juan Carlos Mohr denuncia que o axente que lle tomou os datos ía sen identificar, tal e como obriga o artigo 18 do Real Decreto 1484/1987 sobre normas xerais relativas ao Corpo Nacional de Policía e os artigos 14 e 16 da Orde INT/430/2014, pola que se regula a uniformidade no Corpo Nacional de Policía.

“Pregunteille polo seu número de identificación e díxome que era o 96. Evidentemente ese non era o seu número. Vese perfectamente nun vídeo que subín a redes”, sinala Mohr.

O xornal Público denunciou no artigo “O misterioso motivo que impede a Policía Nacional levar o seu número de identificación” que durante aquela concentración, como en tantas outras, a Policía non ía debidamente identificada. Tanto Delegación do Goberno como o Ministerio do Interior desentendéronse do asunto e remitiron a Policía Nacional, que apesar das chamadas do xornal, non esclareceu nin explicou por que os seus axentes violaron a norma.

O incumprimento desta norma, no entanto, máis que excepción é unha realidade habitual. De feito, houbo excesos policiais en forma de cargas e golpes a manifestantes en que foi imposíbel achar o axente responsábel xa que non portaba o seu correspondente número identificador. Un exemplo foi o acontecido na madrugada do 25 ao 26 de setembro de 2012 en Madrid. Axentes antidisturbios da UIP da Policía Nacional mallan nun mozo que permanecía pacíficamente xunto ao dispositivo policial. Após a agresión, o mozo esixe o número de placa e outro axente malla nel outra vez. Continúa pedindo a identificación e aínda caen outros dous golpes. Resultado? A impunidade dos axentes agresores.

Público