As organizacións, entre as que se contan a APDHA, Irídia, Salhaketa, OSPDH e EsCULcA escribiron a todos os grupos parlamentares para mostrar o seu rexeitamento ao fallo emitido polo Tribunal Constitucional e pedirlles que inicien de inmediato o proceso para a súa derrogación.

 

Tribunal Constitucional

 

 

Doce organizacións sociais remitiron un escrito a todos os grupos do Congreso dos Deputados en que lles lembran que hai case un século que a prisión permanente foi derrogada no Estado Español e os instan a iniciaren a súa ‘inmediata derrogación’.

A prisión permanente revisábel voltou ao ordenamento xurídico coa reforma do Código Penal que acompañou a aprobación da Lei de Seguranza Cidadá -coñecida como Lei Mordaza- baixo o Executivo de Mariano Rajoy en 2015. Todos os grupos parlamentares da oposición -Vox non tiña representación no Congreso nesa altura- promoveron un recurso de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional que foi admitido a trámite en xullo de 2015. No pasado 6 de outubro, o alto tribunal adiantaba o seu fallo sobre a prisión permanente revisábel, en que daba o placet á prisión para sempre.

“O fallo do alto tribunal confirma un claro e terríbel retroceso no respecto dos dereitos fundamentais”, afirman estas organizacións, entre as que se contan a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA), a Asociación Libre de Abogadas e Abogados (Á), Irídia, o Observatori do Sistema Penal i els Drets Humans (OSPDH), Salhaketa e EsCULcA. Lembran que a prisión perpetua foi derrogada no Estado Español en 1928 e, desde entón, tanto con réximes constitucionais como ditatoriais non estivo contemplada no ordenamento xurídico.

O fallo do Constitucional, cuxa relator foi Encarnación Roca -unha das maxistradas para as que PSOE e PP acordaron substitución ao concluír este ano o seu tempo no cargo-, conta cos votos particulares dos maxistrados Juan Antonio Xiol, Cándido Conde-Pumpido e María Luisa Balaguer. “Esta pena é inconstitucional por resultar contraria a un conxunto de dereitos fundamentais, principios e valores constitucionais que afectan con carácter xeral á súa natureza”, sinalan estes maxistrados no seu voto particular. Destacan que este tipo de condena é inconstitucional por ser indeterminada na súa extensión e ser potencialmente a perpetuidade, o que choca, entre outros, co artigo 15 da Constitución, que prohibe as penas ou tratos inhumanos ou degradantes, e co artigo 25, que sinala que as penas deben estar dirixidas á reeducación e reinserción social.

As organizacións que escribiron agora aos grupos parlamentares no Congreso coinciden coa valoración destes maxistrados e subliñan que a declaración de constitucionalidade da prisión perpetua non respecta o “principio de non regresión” consagrado no dereito internacional. “Tal principio impide que se prexudiquen contidos dos dereitos e liberdades fundamentais xa consolidados ou que puidesen consolidarse” dentro dun Estado, subliñan estas organizacións, que afirman que tampouco existen razóns que movan a aplicar este tipo de condena xa que, segundo mostran os últimos datos recollidos por Eurostato español estºa entre os estados cunha menor taxa de homicidios de toda a unión Europea.

Tamén lembran que a prisión permanente revisábel foi aprobada co voto en contra de seis do sete grupos parlamentares presentes na altura no Congreso e co rexeitamento do Consello Xeral da Avogacía Española, que tamén a consideraba inconstitucional, e dos Servizos de Orientación Xurídica Penitenciaria.

Organizacións que adheren ao escrito:

  • Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA)
  • Asociación Libre de Abogadas y Abogados Zaragoza (ALAZ)
  • Asociación Libre de Abogadas y Abogados (ALA)
  • Colectivo de Apoyo a Mujeres Presas en Aragón (CAMPA)
  • EsCulCa (Observatorio para Defensa dos Direitos e Liberdades)
  • Ilustre Colexio da Avogacía de Ourense
  • Irídia – Centro de Defensa de Derechos Humanos
  • IACTA Cooperativa d’Advocades
  • Observatorio del Sistema Penal y Derechos Humanos (OSPDH)
  • Salhaketa Araba
  • Salhaketa Nafarroa
  • Oteando

El Salto Diario