A prensa occidental, xa sexa pública ou privada, fala da falta de liberdade de expresión nese país caribeño, castigado polo imperio do mal desde que alí triunfou democraticamente a Revolución Bolivariana. Ese imperio terrorista non se priva de invadir, masacrar e destruír países ricos en recursos, creando Estados falidos, co único fin de convertelos en tribos controladas por señores da guerra para que se pelexen uns cos outros, deixándoos sen educación nin sanidade, con drogas e bandas mafiosas que son mais doadas de domear por eles, de sometelas aos seus ditados para que lles entreguen os recursos naturais sen oposición.

 

Resultado de imagem para liberdade de imprensa

 

Coa intención de facerse co seu petróleo, ouro, diamantes e coltán, tachan de ditatorial o réxime dun país que segundo Jimmy Carter (observador de procesos electorais en numerosos países e nada sospeitoso de esquerdista), ten un sistema electoral dos mais democráticos e fiables do mundo, onde se vota primeiro por nun medio electrónico, que lle entrega unha papeleta ao votante para meter na furna, tendo despois que coincidir no reconto os votos electrónicos cos depositados na furna. Un país no que de vinte e cinco eleccións os chavistas so perderon dúas, derrotas que foron recoñecidas por eles mesmos, pero curiosamente a oposición so recoñece como democráticas as dúas que gañou. Venezuela é o único país do mundo no que existe un sistema revogatorio polo cal se pode destituír un cargo electo mediante a recollida de firmas, pero parece ser que non son capaces de conseguilas para botar ao malísimo Nicolas Maduro e por iso utilizan a violencia, o golpe de Estado e claman pola invasión ianqui.

A narrativa que nos vende a oposición é que alí hai unha guerra civil, caos, asasinatos detencións masivas de opositores, eliminación da prensa…, cando foron os opositores os que queimaron vivos vinte e sete venezolanos por ser morenos e parecer chavistas; impórtalles tanto a vida dos venezolanos que hai francotiradores que disparan indiscriminadamente aos dous bandos para crear caos e malestar, sementando confusión e as condicións necesarias para xustificar unha intervención estranxeira que é o que andan procurando; alí os golpistas andan ceibos como non andarían en ningún país do mundo e serían fusilados en calquera ditadura despois de alentar a invasión militar ianqui; quéixanse da liberdade de prensa cando a televisión pública estatal é o único medio que controla o goberno, mentres o resto da prensa e demais televisións son privadas, que espallan diariamente todas esas mentiras e azurran á poboación contra os seus gobernantes.

Aquí os medios subvencionados polo réxime pretenden convencernos de que en Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua e outros países que non comulgan co neoliberalismo, é onde non existe a liberdade de expresión porque se trata de tiránicas ditaduras, pero non se queixan de que é precisamente nesta democracia borbónica e corrupta, onde existen leis mordaza que prohiben manifestar a desconformidade dos súbditos coas falcatruadas e roubos que fan os gobernantes e a familia real, baixo ameazas de cuantiosas multas ou incluso con pasar un tempo á sombra por facer unha canción contra o Rei. A hipocrisía e a desvergonza dos nosos gobernantes chega ao extremo de castigar severamente os escraches a políticos corruptos, pero Inés Arrimadas foi facerlle un a Puigdemont en Bélxica e atopouse coa porta aberta, porque alí non hai Lei Mordaza. De ser aquí neste reino borbónico e o Presidente lexítimo da Generalitat vestira a chaqueta de “fascista constitucional” que viste ela, houbéralle costado unha boa multa ou outro tipo de condena mais grave.

Sen embrago non sei onde estarían eses mesmos medios, pois non se lles oíu protestar cando Aznar, se atreveu a pechar ilegalmente o diario Egin coa colaboración do xuíz estrela, ególatra e prevaricador, Baltasar Garzón, metendo na cadea ó seu Director e xerentes, porque xa sabemos dabondo como as gasta a xustiza española cando aplica a lei do inimigo e da mentira da independencia xudicial. Este peche foi declarado ilegal polo Tribunal de Estrasburgo despois de que pasaran os seus dirixentes ata sete anos e medio de prisión e a vinganza fora consumada.

Pero por si iso fora pouco, agora, case dúas décadas despois, a Seguridade Social reclama ó diario Gara a débeda de 4,7 millóns de euros de Egin, baseándose para elo nun auto xudicial de cando pechou o periódico o mesmo xuíz prevaricador, poñendo en perigo a viabilidade do actual medio, tan incómodo para o sistema.

Mentres tanto eses medios, subvencionados con inxentes cantidades de diñeiro público, non protestan por todas estas aberracións xudiciais que probablemente serán tombadas no seu día polo alto Tribunal Europeo, pero entón quizás sexa demasiado tarde e xa haxa desaparecido Gara por inanición económica.

Por desgraza non é o único dereito que se vulnera nesta ditadura parlamentaria, pois aí temos aos presos políticos cataláns relatando diante do Tribunal Supremo a cantidade de dereitos fundamentais que lles foron violados e, aínda así, agárdaos unha sentencia que fai tempo esta ditada e que os condenará a moitos anos de cadea, ata que o Tribunal Europeo lle tire das orellas a eses xuíces, como lle tiraron ao xuíz Llarena os Tribunais Belgas e Alemáns polo caso de Puigdemont cando o acusaba de rebelión, o mesmo que fan agora cos seus compañeiros presos.

Pero non son so os medios os que teñen dobre vara de medir esas inxustizas, pois tamén Pablo Iglesias protestou en Twitter cando botaron de Venezuela a tres periodistas españois porque non tiñan os correspondentes permisos, dicindo que deter e deportar periodistas por facer o seu traballo é inaceptable. A miña solidariedade -dixo- cos reporteiros de EFE en Venezuela e con todos os traballadores da información aos que se persiga en calquera país, ao que lle contestou o Director de Egin, Javier Salutregi: Pecháronme o periódico, detivéronme, estiven case dez anos agardando o xuízo, xulgáronme durante dezaseis meses, condenáronme a sete anos e medio de cadea e ti calaches coma unha tumba. Onde estabas? A isto tamén calou coma unha tumba, porque nestes casos de paternalismo barato non hai diferencia entre os partidos unionistas de dereita ou de esquerda, pois tanto a uns coma os outros, sáelles a vena xacobina e imperialista para defender alí o que aquí son incapaces de defender.

Ten razón o repentista cubano Alesis Díaz Pimienta cando di: Con mi cuba, caballero,/ lo haga bien o lo haga mal,/ la prensa internacional/ practica un doble rasero./ En España, compañero,/ hay lei mordaza y prisión,/ la libertad de expresión,/ tantas veces vapuleada,/ está siendo pisoteada/ en la tierra del jamón./ Condenaron a un rapero/ a tres años de prisión/ solo por una canción/ en contra del Rey;/ me muero!/ Y en la Feria de Arte, empero,/ censuraron con cinismo;/ prohibieron sin nerviosismo/ una exposición de presos./ Si en Cuba hay estos excesos:/ maldades del comunismo!

Raul Río