O maxistrado do Tribunal Supremo (TS), Pablo Llarena, intervén durante a entrega do premio Fundación Villacisneros na Fundación Rafael do Piñeiro de Madrid, ao 16 de novembro de 2021, en Madrid, (España). Alejandro Martínez Vélez / Europa Press (Foto de ARQUIVO)

 

 

José Antonio Martín Pallín

O 14 de outubro de 2019 a Sala Segunda do Tribunal Supremo condenou os independentistas cataláns a penas que oscilaban desde os trece anos de prisión impostos a Oriol Junqueras polos delitos de sedición e malversación até a pena dun ano e oito meses de inhabilitación especial e dez meses de multa polo delito de desobediencia a tres dos Conselleiros. A sentenza foi confirmada polo Tribunal Constitucional con dous votos disidentes que consideraban que as penas eran desproporcionadas. Terminado o percurso na xurisdición nacional pasou a mans do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que debe decidir definitivamente sobre se houbo vulneración ou non do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos e Liberdades Fundamentais.

No intervalo produciuse a concesión de indultos aos condenados e a modificación dos delitos de sedición e malversación de fondos públicos. Esta decisión suscitou un intenso confronto político e mediático. O Gobierno foi atacado por tomar a iniciativa dun Proxecto de lei que en definitiva foi aprobado polas Cortes xerais. Esta circunstancia, que debeu ficar exclusivamente no plano político, foi sorprendentemente criticada no ámbito xudicial por un Auto do xuíz Pablo Llarena, instrutor da causa, feito público coincidindo coa data da entrada en vigor das modificacións legais (12 de xaneiro de 2023.

A resolución xudicial causa e causará asombro no mundo xurídico por extemporánea e polo seu contido. Dedica cincuenta páxinas a reproducir os feitos probados da sentenza introducindo, da súa propia colleita, expresións descualificadoras que non figuran no texto orixinal, mostrando unha especial saña que non é propia da moderación e contención que debe esixirse dun texto xudicial. Omite calquera referencia á recusa unánime das súas pretensións plasmadas nos diferentes mandados de detención e entrega que foron rexeitados pola totalidade dos tribunais europeos que tiveron coñecemento do seu contido.

Na parte que dedica aos fundamentos xurídicos empéñase en criticar a iniciativa lexislativa dos delitos de sedición e rebelión, pondo en causa non só o seu texto senón tamén a Exposición de Motivos. Consciente do debate que suscitou a modificación destes delitos, non dubida en posicionarse en favor dos que consideran que se trata dunha cuestión política e mesmo a cualifican de alta traizón en que os Tribunais de Xustiza non poden nin deben participar. De forma belixerante, perdendo o equilibrio que esixe o principio da división de poderes, en lugar de limitarse, se o consideraba necesario, a valorar o impacto da modificación lexislativa sobre as súas competencias como xuíz instrutor, arremete contra o Goberno e pon en causa politicamente unha lei emanada das Cámaras lexislativas.

O cidadán Pablo Llarena pode ter, conforme a súa liberdade ideolóxica, unha posición determinada sobre o contido da unidade da nación española e sobre o rexeitamento a calquera fórmula de independencia, mais o Xuíz Llarena non pode verter esa bagaxe ideolóxica nunha resolución xudicial sen conculcar gravemente as liñas de conduta esixidas a un xuíz segundo a Lei Orgánica do Poder Xudiciario. Considérase como falta grave disciplinar, dirixir parabéns ou censuras aos poderes púbicos servíndose da condición de xuíz.

Excedéndose notoriamente das súas competencias como xuíz instrutor, parece que quer antecipar a decisión, que só corresponde á Sala sentenciadora, sobre a existencia de ánimo de lucro nos políticos cataláns que destinaron uns fondos aprobados no Parlamento para facer frente aos gastos derivados dos seus propósitos independentistas. Sostén que o ánimo de lucro resulta igualmente apreciábel cando a Administración é espoliada duns fondos públicos para atender obrigacións de pagamento que corresponden ao suxeito activo do delito e que están plenamente desvinculadas do funcionamento lexítimo da Administración, como cando se atribúe á Administración unha obrigación de natureza particular e totalmente allea aos intereses públicos que se xestionan. En ambos os supostos disponse dos bens públicos como propios e estes son desviados do seu destino para a obtención dun beneficio particular. Segundo a súa posición sobran o resto das modalidades da malversación porque seguindo o seu criterio sempre haberá ánimo de lucro.

Critica os argumentos empregados para denunciar a absoluta desproporción das penas que se contemplaban para o delito de sedición que non era homologábel na lexislación doutros países da Unión Europea, afirmando rotundamente que lonxe de corrixirse o que a lexislador denuncia, optouse por derrogar o delito de sedición. Polo menos recoñece e admite que os feitos que foron obxecto de condena non poden ser subsumidos no novo delito de desordes públicas graves.

Cando o xuíz Llarena decida pór en andamento os novos mandados europeos de detención e entrega ten que axustarse ás circunstancias presentes que nada teñen a ver coas que en principio solicitou. Normalmente os mandados europeus de detención e entrega formalízanse no trámite de investigación, sendo xustificados con feitos que aparecen indiciariamente acreditados. Estes orzamentos xa non existen porque agora o que se debe comunicar aos tribunais europeos, presumibelmente aos de Bélxica como lugar de residencia dos principais implicados que foron declarados en rebeldía, non son indicios senón feitos probados, sobre os que os xuíces que examinen as ordes deberán formar as súas conviccións para accederen ou non ás peticións que formule.

Espero que se se quer actuar con obxectividade e limpeza, os novos mandados de detención e entrega que deben cinxirse ao establecido na lei reguladora, deben ir acompañados dunha copia do Auto para que os xuíces que as examinen teñan un coñecemento completo das razóns e fundamentos que levaron ao cárcere políticos que actuaron conforme os leitos democráticos que permiten as asembleas lexislativas e as decisións políticas que sempre sostiven que son inconstitucionais e portanto nulos mais en ningún caso delituosos.

Desexo que o Auto do Xuíz Llarena sexa soamente un desabafo ideolóxico para consumo interno de todos aqueles que consideran que os feitos acontecidos en Catalunya no ano 2017 merecen unha condena de xeito evidente desproporcionada, imposíbel de asimilar pola cultura xurídica dos principais países da Unión Europea. O único razoábel que acho no seu texto, é a decisión de adiar calquera medida para activar o mandado europeu de busca e captura, até que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea decida sobre a inmunidade dos señores Puigdemont e Comín.

Temo que os males causados pola decisión de criminalizar e condenar as actuacións levadas a cabo polos políticos cataláns na forma que se describen nos feitos probados da sentenza van seguir gravitando durante moito tempo sobre as posibilidades de conseguir unha integración democrática da singularidade do catalanismo no modelo federal, guste ou non esta denominación, que ten a súa orixe no texto da nosa Constitución. Merece a pena tomar decisións como as que se adoptaron, para conseguir unha convivencia harmónica das distintas nacionalidades e rexións que configuran o Estado español.

Público